_
_
_
_
Reportaje:XENTE DE AQUÍ | Luces

Ramón Piñeiro, árbore de pedra

Este 20 de xullo de 1936, o gobernador civil de Lugo conversa no seu despacho cun mozo de 21 anos, Ramón Piñeiro. É o representante do Partido Galeguista (PG) nun comité de todos os partidos democráticos formado para afrontar o golpe de estado. A cidade está en suspenso a agardar o que xa está decidido, a guarnición de infantería sumouse ao golpe, falta saber a que hora ocupará a cidade. Nese momento ábrese a porta súbitamente e entra un tenente coronel da Garda Civil con dous números. "Quedan ustedes detenidos", di. Ramón fai como que é un funcionario municipal que está alí de paso e ponse a remexer nuns papeis, cólleos e sae do despacho. Abrazado a ese monllo de papeis e finxindo desinterese, baixa as escaleiras cruzándose con máis gardas civís armados. Sae do Goberno Civil e camiña polas rúas aterrorizadas da cidade, os soldados disparan a eito desde a muralla. Comeza o terror.

Aquela dereita que el axudou a convencer, volve hoxe ao españolismo
A guerra non destrúe o seu espíritu, pero faino máis pesimista
Acaba por concluír que a volta da República é un obxectivo utópico
Tras ver un mitin de Castelao en Lugo, funda as Mocedades Galeguistas

¿Como chegou a ese despacho nesa hora dramática ese mozo tan formal e responsábel? Antes foi o meniño da casa de abaixo en Armeá, parroquia de Láncara, en terras de Lugo. Un meniño calado que vive nesa casa apartada das outras, criado co pai e mais coa nai, ese meniño que corre pola eira e se agacha cando ven algunha visita e axexa para escoitar o que falan os maiores. Ese rapaz foi logo á escola da aldea e aos nove anos a Lugo, estudar o bacharelato elemental. Seu pai buscaba para el algún tipo de futuro. A que rematou, volta a aldea e alí arou e foi coas vacas levando canda si os versos do Dante e de Ossian e unha antoloxía de poesía galega. Neses anos ocupaba na aldea o lugar dun sabio precoz no que todos buscan información ou consello. As amizades chamárono fóra da aldea traballar a Sarria para levar as contas nunha ferraxería, e alí afíxose a ler o xornal republicano madrileño El Sol e acabou por se subscribir ao vigués El Pueblo Gallego, republicano e galeguista, onde descubriu o xornalismo en lingua galega. Xa lle entrara o verme da preocupación polo país. Voltou a Lugo completar o bacharelato superior, asistiu a un mitin galeguista no que falou Castelao e alí no instituto, uns meses despois, fundou con outros rapaces a Mocedade Galeguista de Lugo. Dando ese paso comezou unha implicación fonda e militante, mesmo interviu con Castelao nun Mitin das arengas, na véspera do Día de Galiza de 1934. Ramón comezou a botar sobre si un peso moi grave para un mozo como era, e ese será o seu signo logo: cargar un peso que non parece soportábel. Até ese momento no que se escapule do Goberno Civil e ten que agacharse dos fascistas.

Comezan así uns anos de probas sucesivas moi duras. A primeira é ter que servir no exército dos militares sublevados para evitar as represalias. Na guerra ve un lado terríbel do ser humano, a crueldade sen límites, iso provócalle unha grave depresión nervosa que ten que ser tratada. Piñeiro xa era de carácter pragmático, non partillaba as visións utópicas doutros compañeiros de partido, e o que veu no frente fíxoo máis pesimista. Pesia todo, o seu espíritu non foi destruido. A que acaba a guerra, pasan catro anos nos que o Réxime ten o control absoluto e semella que a Alemania nazi, aliada de Franco, vai vencer ás potencias aliadas. Os galeguistas están completamente aterrorizados e desmoralizados. En1943 hai unha inflexión na guerra mundial, os exércitos alemáns son derrotados en Rusia e os norteamericanos desembarcan en Europa. Os galeguistas vigueses (Enrique Peinador, Gómez Román, Del Riego, Illa Couto...) consideran a posibilidade de reorganizar o PG na clandestinidade, contactan con Piñeiro, aquel mozo animoso de Lugo que nese entón retomou os estudos e está a rematar a carreira de Filosofía e Letras en Santiago. Este acepta a responsabilidade de reorganizar o partido. Comeza a viaxar polo país en autos de liña, encontra persoas aterrorizadas refuxiadas nas súas casas; con todo, pouco e pouco tece unha pequena rede de contactos. Os galeguistas forman unha dirección do partido e mesmo editan un boletín clandestino, Roteiro. A que remata a carreira en Santiago, vai a Madrid estudar filosofía pura, unha pasión que non puido apenas cultivar. Aínda que escribiu ensaios sobre a "saudade", no curso dos anos ese traballo intelectual na práctica foi abandonado para dedicarse por enteiro á reorganización do galeguismo.

En Madrid contacta cos galeguistas que viven alí e continúa coas súas actividades clandestinas. O 10 de abril de 1946, os xornais publicaron: Detención de cuatro atracadores en la Gran Vía. Era unha nota difamatoria da policía franquista para dar conta de que detiveran a catro representantes de organizacións clandestinas reunidos no Café Pidoux, un deles, Ramón. Cumpre tres anos de cárcere dunha condena de seis. Nese tempo traduce do alemán os poemas celtas de Pokorny coa axuda desde o exterior de Celestino Fernández de la Vega.

Cando sae do cárcere, con cataratas na vista, a situación internacional cambiara: víase que os aliados non pensaban derrocar a Franco. Nese ambiente de dificultades e de pesimismo, dirixe un replantexamento dos galeguistas: chegan á conclusión de que pensar nunha volta da República e a autonomía é unha utopía. Esa conclusión é argumentada con rotundidade por Piñeiro e acaba por levar a unha dorosa ruptura cos irmáns no exilio, con Castelao á cabeza. Esa ruptura terá unha consecuencia importante para a nosa historia: o Consello da Galiza, creado en Montevideo, a institución política do autogoberno, vai ser esquecida polos galeguistas do interior e acabará por desaparecer. Co paso do tempo, tras a morte de Franco, os galegos, a diferencia de vascos e cataláns que tiñan gobernos no exilio, non contarán cunha institución propia. Ese momento é un gran dilema para Piñeiro e víveo, como sempre, con convicción e asumindo a súa responsabilidade.

Piñeiro e os galeguistas do interior conciben entón un plan de acción: a tarefa é recomezar desde cero. Deixar de banda a actividade política, que na práctica resúltalles imposíbel, e concentrarse en chegar ás novas xerazóns e transmitirlles o coñecemento prohibido: a nosa historia, lingua e cultura, a memoria republicana..Para divulgar a existencia da cultura galega, os galeguistas vigueses, nomeadamente Illa Couto, deciden crear a Editorial Galaxia, a mestra que nos educou, que formou xeracións de cidadáns galegos.

Piñeiro establécese en Santiago e alí contacta co médico García-Sabell, que será un amigo e protector en adiante. Comeza a facer contactos entre a mocedade universitaria do único xeito posíbel. Con discreción e de modo indirecto, vai seleccionando mozos con inquedanzas intelectuais e con curiosidade por coñecer o seu país. Mais a súa estratexia non só o conduce a tropezar e enfrontarse cos exiliados senón tamén cun novo grupo xeracional dentro do país que escapa á súa tutela e desafía a súa autoridade. Estes mozos, optando pola loita política desde a perspectiva marxista e antiimperialista, fundan a UPG en 1964.

Piñeiro e o grupo de persoas que o acompañan entenden que, dada a situación histórica, a Galiza xa nunca será unha nación e fían os seus esforzos en salvar a lingua e a cultura. Para el, a lingua é a base d a nosa existencia colectiva. Galiza non será unha comunidade política senón lingüística, cultural e antropolóxica. En consonancia, en morrendo Franco e tras a reforma política e a Constitución, propugna un galeguismo que non sexa unha corrente político ideolóxica senón unha cultural e que se debe diluir nos partidos estatais existentes. Así, na vez de crear un partido propio, pretende incidir na loita política dun modo indirecto. A mesa camilla da súa casa, pola que pasaba de contino xente a pedir consello e que actuaba como un lugar de encontros, é o símbolo da súa forma de actuar: fóra do espazo público da política, pero influindo nas decisións políticas e convencendo a individuos con poder. Neses anos, hai un intento de que a Galiza non recupere a autonomía e o círculo de galeguistas que coordina Piñeiro actúan sobre todo nos partidos estatais, os que tiñan o poder de decisión, para convencelos. Ese traballo por atrás súmase á mobilización política. E unhas enormes manifestacións cidadás, o 4 de nadal do 1977, deteñen o intento de negarnos a autonomía.

En consecuencia coa crenza de que o galeguismo non debe ser unha corrente política senón unha cultura que penetre nos partidos estatais, preséntase a deputado como galeguista independente nas listas do PSdeG.

Piñeiro morreu en Santiago en 1990, dedicado até a fin a servir a Galiza. Agora que pasaron os anos e desapareceron aquelas persoas nas que influiu, vemos como se esvae o efecto dos seus traballos e constatamos que aquela dereita que el axudou a convencer de que aceptasen a nosa personalidade colectiva e a nosa lingua volveu ser o españolismo antigalego de sempre. As persoas logo se van, e as organizacións continúan, constatamos.

Tu suscripción se está usando en otro dispositivo

¿Quieres añadir otro usuario a tu suscripción?

Si continúas leyendo en este dispositivo, no se podrá leer en el otro.

¿Por qué estás viendo esto?

Flecha

Tu suscripción se está usando en otro dispositivo y solo puedes acceder a EL PAÍS desde un dispositivo a la vez.

Si quieres compartir tu cuenta, cambia tu suscripción a la modalidad Premium, así podrás añadir otro usuario. Cada uno accederá con su propia cuenta de email, lo que os permitirá personalizar vuestra experiencia en EL PAÍS.

En el caso de no saber quién está usando tu cuenta, te recomendamos cambiar tu contraseña aquí.

Si decides continuar compartiendo tu cuenta, este mensaje se mostrará en tu dispositivo y en el de la otra persona que está usando tu cuenta de forma indefinida, afectando a tu experiencia de lectura. Puedes consultar aquí los términos y condiciones de la suscripción digital.

Archivado En

Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
_
_