_
_
_
_
Reportaje:Luces

Emilia Pardo Bazán tamén escribiu en galego

O profesor Yago Rodríguez exhuma o seu único texto coñecido nesta lingua

A historia literaria non arrima a Emilio Pardo Bazán (A Coruña, 1851 - Madrid, 1921) ao galeguismo. A autora de Los pazos de Ulloa (1886) chegou a escribir sobre a distancia que afastaba a conciencia nacional galega e a catalá e que sintetizaba na ausencia de usos cultos da lingua de Galicia: "No así en Cataluña, donde todas las clases sociales, para todos los usos de la vida, se sirven del habla provincial". Porén, o profesor Yago Rodríguez Yáñez (Lugo, 1980) vén de exhumar un texto que modifica "un pouquiño" esta imaxe. Na primeira plana do número 693 do xornal bonaerense Correo de Galicia, o 3 de agosto de 1919, aparecía un artigo asinado pola Pardo Bazán de título A música galega.

'A música galega' publicouse en 1919 nun xornal de Buenos Aires
O artigo refírese á "idiosincrasia rexional" a través dos compositores

"Trátase do primeiro texto coñecido de Pardo Bazán escrito en galego", afirma, antes de relatar a historia do achado. Rodríguez Yáñez, experto na influencia do romántico inglés John Keats na poesía española, pescudaba na casa museo da escritora, é dicir, nas dependencias da Real Academia Galega na rúa Tabernas da Coruña, para un traballo sobre a lírica da autora. Ao tempo, un colega seu, Carlos Gegúndez, revisaba o arquivo biblioteca da Academia á procura de indicios sobre Prudencio Canitrot, "un autor bastante descoñecido", un humanista morto en 1913. "El deume aviso de que había un artigo en galego de Pardo Bazán nun periódico editado na Arxentina; en realidade el foi quen o atopou", recoñece.

A música galega, segundo Yago Rodríguez, refírese "á idiosincrasia galega". E faino, nun pequeno espazo na portada do periódico, a través de compositores como Pascual Veiga -o autor da melodía do Himno Galego- ou Juan Montes -o compositor de Negra Sombra sobre o célebre poema de Rosalía de Castro-. "Tamén se interesa moito pola música popular", materia de máximo interese para un rexionalismo a piques de evoluír maioritariamente cara ao nacionalismo. En realidade, o termo en relación a Galicia aparecera un ano antes, na Asamblea Nazonalista de Lugo cpnvocada polas Irmandades da Fala. "Esa concepción de que non practicaba o galego cambia un pouquiño con este texto, aínda que sexa anecdótico", salienta o investigador, quen, amais da lingua empregada "chea de castelanismos e dialectalismos", pon o ollo sobre o propio contido: "Chega a falar da defensa da terra".

Non é o uso do galego o único risco oculto de Emilia Pardo Bazán analizado por Yago Rodríguez Yáñez. O libro no que A música galega aparecerá transcrito, editado pola Asociación Cultural Xermolos de Guitiriz e a Irmandade Manuel María con prólogo de Darío Xohán Cabana e que se presentará na Academia o dous de outubro, dedícase, en realidade, á produción poética da autora. "Cando rematei a miña tese sobre John Keats", explícase o profesor Rodríguez, "decidín estudar a Pardo Bazán; e dentro do seu traballo decanteime pola súa vertente lírica, apenas coñecida".

Tan pouco coñecida, argúe, que a propia Pardo Bazán non quería publicala en forma de libro. O iso dicía. "Creo, máis ben, que era unha cuestión de cortesía, dunha especie de falsa modestia", opina Yago Rodríguez. Porque, malia a que a meirande parte dos seus poemas viron luz en revistas e periódicos, o seu único volume exento, Jaime (1881), si acadou repercusión. "Era un libro dedicado ao seu fillo, con moita influencia da lírica nórdica do tempo", describe o profesor, "un desafogo lírico que recolle as súas mellores composicións". E a escritora encargouse, con esforzo e ambición, "a difundilo entre os intelectuais máis significados do seu tempo".

Tamén nas preocupacións poéticas de Pardo Bazán, que pasou aos manuais de literatura polas súas novelas abeiradas ao naturalismo, se advirte a pegada rexionalista. "Sempre se interesou polo que denominaba poetas rexionais", afirma. E aínda que a súa displicencia pola obra de Rosalía de Castro foi notoria -tildou Follas Novas de "poemitas" e acusou á poeta de repetir "quejas muy prodigadas en la enfermiza poesía lírica de medio siglo acá"-, é certo que verteu ao castelán, e publicou en xornais, escritos de Eduardo Pondal. Talvez prefería a épica cultista do de Ponteceso ao existencialismo de combate de quen escribira Cantares Gallegos.

O profesor Yago Rodríguez Yáñez remata facendo unha defensa da face en verso da Pardo Bazán. "Non se trata dunha parte marxinal da súa obra", defende, "e a súa narrativa non se pode entender de todo sen atender á súa poesía".

Tu suscripción se está usando en otro dispositivo

¿Quieres añadir otro usuario a tu suscripción?

Si continúas leyendo en este dispositivo, no se podrá leer en el otro.

¿Por qué estás viendo esto?

Flecha

Tu suscripción se está usando en otro dispositivo y solo puedes acceder a EL PAÍS desde un dispositivo a la vez.

Si quieres compartir tu cuenta, cambia tu suscripción a la modalidad Premium, así podrás añadir otro usuario. Cada uno accederá con su propia cuenta de email, lo que os permitirá personalizar vuestra experiencia en EL PAÍS.

En el caso de no saber quién está usando tu cuenta, te recomendamos cambiar tu contraseña aquí.

Si decides continuar compartiendo tu cuenta, este mensaje se mostrará en tu dispositivo y en el de la otra persona que está usando tu cuenta de forma indefinida, afectando a tu experiencia de lectura. Puedes consultar aquí los términos y condiciones de la suscripción digital.

Archivado En

Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
_
_