_
_
_
_
Entrevista:ANTÓN SOBRAL - Artista | Luces

"Intento que a miña vida sexa unha obra de arte"

Son incontábeis as ribeiras que baña o seu océano particular. Quizabes só nunca corrente trasatlántica poidan viaxar todos os intereses, presentes, pasados e futuros do artista Antón Sobral (Marín, 1952): autor polifacético, profesor na Escola Superior de Conservación e Restauración de Bens Culturais de Galicia, en Pontevedra, e xestor cultural que se iniciou na arte entre lenzos e pinceis e que transmite o seu pulso creador na poesía, o ensaio, a fotografía, a danza e o audiovisual. Co poemario representado Lévame bailando ata o final do amor participa na exposición O libro de artista como colector de ideas, no Museo Verbum de Vigo. As súas inquedanzas están reunidas no monográfico sobre a súa traxetoria que lle dedica a Deputación de Pontevedra.

"Na creación, o resultado dos artistas e dos que non o son non se distingue"
"A viaxe e o paseo, o 'flâneur' de Baudelaire, son eixos constantes"
"Eu dígolle a todo o mundo que é artista, pero non se atreven"
"Arte é todo, mais se non a sentes así, tampouco pasa nada. Non ten lindes"

Pregunta. Cando presentou ao público o seu caderno de artista, sorprendeu ao auditorio cunha peza documental, Bitácora dun mariñeiro sentimental, na que soaba unha composición súa de corte tradicional. É a música a última incorporación á súa paleta?

Resposta. Hai tempo que compoño para min e pensei que a música sería moi importante para esa peza documental. O vídeo formará parte da exposición que estou preparando para novembro na galería Metro, coa intención de levar o mar a Compostela! Son un amante de todas as artes e da música en particular. Nos últimos anos tomei gusto polos seráns e a música popular. En Galicia hai músicos fantásticos mais falla a produción, xente que os venda. Procuro estar ao día do que se fai no eido da cultura galega que, en xeral, non ten nada que envexar ao que se fai a nivel internacional.

P. Que lle queda por facer?

R. Todo, teño todo por facer. O que pasou, xa pasou, vivino. Mesmo este libro foi para min unha grande ilusión. Mais non é que me poña a, é que estou traballando a todas horas. Din os entendidos niso que temos 40.000 ou 60.000 pensamentos ao día: para min a arte é canalizar todos os pensamentos e que fiquen incorporados á vida para que a arte e a vida sexan a mesma cousa. Intento tamén que a miña vida sexa unha obra de arte para gozar de todo e que todo teña un resultado creativo. Teño uns veciños, dous nenos pequenos, que ás veces veñen pintar á casa e eu aprendo deles. O outro día, un deles, de 6 anos, quixo empregar tinta chinesa. Empezou a coller todo tipo de obxetos, que a min nunca se me tería ocorrido utilizar, cun resultado sorprendente.

P. Daí que promova os encontros entre artistas e non artistas.

R. Temos un problema, a educación discrimina o que ten que ser e o que non e acaba por restrinxir a liberdade de que cada un de nós faga o que lle dea a gana. Eu dígolle a todo o mundo que é artista, pero coa creatividade a xente non se atreve. Unha cousa é pintar como os clásicos, o que require unha aprendizaxe longa, mais hoxe a creatividade vai por outros camiños. Nunha ocasión, visitáronme unhas amigas vascas, que non teñen relación profesional coa arte, e estiveron pintando comigo. Como proba, expuxemos os cadros nun par de locais. Aos poucos días, apareceu unha crítica na prensa local que aprezaba influencias de Klee e de Kandinsky. Elas alucinaron porque apenas sabían quen eran! Pero de certo que estaban alí.

P. Onde está a fronteira entre o que é arte e o que non o é?

R. Arte é todo, mais se non a sentes así tampouco pasa nada. A arte non ten límites, fóra dos lindes tamén hai creatividade. Mira os arquitectos. Frank Gehry, por exemplo, fai un debuxo que 30 persoas convirten nun edificio. Un dos meus artistas favoritos é Gerhard Richter, un pintor de paisaxes que reúne a súa obra nunha compilación de máis de 6.000 debuxos, fotos e proxetos chamada Atlas que se expón en Munich e que está constantemente actualizando; outro caso é Ólafur Eliasson, quen creou un sol de luz na Tate Modern de Londres e está tamén o coruñés Pedro Bueno, un creador totalmente descoñecido a quen eu teño o pracer de velo pintar cando nos xuntamos. Bueno é unha persoa que só se preocupa de gozar e moi pouco de espallar a súa obra. Nun contexto creativo, o resultado dos artistas e dos que non o son non se distingue, saen obras extraordinarias produto dese "intre branco" ou fluxo, como o define Daniel Goleman. Nun deses encontros, celebrado na Illa de Arousa, participaron mariscadoras canda os profesionais. Un experto non sería quen de distinguir as pezas das mariñeiras.

P. Fixo a proba de someter esas obras aos críticos?

R. Non, porque non me gusta que queden mal!

P. Como fai compatíbel estes presupostos co ensino?

R. Os profesores temos que cumprir un programa, pero o fundamental é que os alumnos saian das aulas amando a arte, con inquedanzas, con curiosidade. Como di John Berger, aprender a mirar. Cando comecei a pintar, cría que coa arte se podía cambiar o mundo, e decateime de que non. Despois pensei a arte como forma de coñecer e agora estou na etapa de aprender a mirar e de ensinar a mirar. Como mostra, é importante discernir que o Guernica é a ollada do terror, das guerras, neste mundo no que hai tanta información e todo o mundo fala da crise.

P. Con todo, vostede tamén se involucra en proxetos de carácter social.

R. Porque a arte é solidaria. Nunha exposición no Museo Provincial vendimos 130 cadros a beneficio de Haití e estou traballando na organización dun evento simultáneo en outono en grandes espazos de varias cidades galegas en colaboración con Acción contra a Fame para visibilizar este problema.

P. A súa dedicación á Fundación Man de Camelle cadra nesta constelación de intereses.

R. Procuramos a restauración do seu herdo e confío en que poderemos resolvelo porque paga a pena, foi un grande artista. A súa autenticidade foi o que primeiro me atraeu, ninguén pasa 30 anos espido, traballando nesa casa minúscula en medio dese bruído constante... Man fixo da súa casa e da súa vida unha obra de arte.

P. O binomio arte e natureza é unha constante na súa obra, sempre en asociación con outras expresividades.

R. Desde pequeno gustoume pintar na natureza por un proceso de identificación, e con iso pagueime os estudos! Por desgraza, vivimos metidos en caixas cada vez máis pequenas, polo que cando temos tempo o primeiro que facemos é fuxirmos cara á natureza. Alén diso, e a diferenza da estética do século XX que valora a fealdade, para min a beleza é fundamental, sempre pretendo a beleza. A viaxe e o paseo, o flâneur de Baudelaire, constitúen dous eixos. Iso procuro facelo todos os veráns na compaña do poeta Xaime Toxo. Construímos un libro de viaxe coa experiencia dun percorrido no que sempre descubrimos lugares, eu debuxo e el escribe.

P. Na serie Marea Nejra (2000), realizada antes do Prestige, consegue ver a fermosura nunha paisaxe arrasada.

R. Tivera unha experiencia previa de traballo conxunto con Yolanda Castaño para a exposición Venecia: o vicio da beleza (2000), que resultou moi ben. A seguinte foi con outra poeta, Olga Novo, dous anos antes do Prestige mais a pé feito de mareas negras anteriores. Hai denuncia nese retrato, aínda que belo, do horror porque eu non me podo propoñer facer un cadro feo, para min a arte ten que ter beleza na súa esencia. Porque é paixón, desexo e ilusión.

Antón Sobral, na Alameda de Pontevedra, a súa cidade.
Antón Sobral, na Alameda de Pontevedra, a súa cidade.LALO R. VILLAR

Tu suscripción se está usando en otro dispositivo

¿Quieres añadir otro usuario a tu suscripción?

Si continúas leyendo en este dispositivo, no se podrá leer en el otro.

¿Por qué estás viendo esto?

Flecha

Tu suscripción se está usando en otro dispositivo y solo puedes acceder a EL PAÍS desde un dispositivo a la vez.

Si quieres compartir tu cuenta, cambia tu suscripción a la modalidad Premium, así podrás añadir otro usuario. Cada uno accederá con su propia cuenta de email, lo que os permitirá personalizar vuestra experiencia en EL PAÍS.

En el caso de no saber quién está usando tu cuenta, te recomendamos cambiar tu contraseña aquí.

Si decides continuar compartiendo tu cuenta, este mensaje se mostrará en tu dispositivo y en el de la otra persona que está usando tu cuenta de forma indefinida, afectando a tu experiencia de lectura. Puedes consultar aquí los términos y condiciones de la suscripción digital.

Archivado En

Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
_
_