_
_
_
_
Reportaje:Luces

Poesía en recesión

As coleccións de libros de versos son as máis afectadas polas reducións editoriais - "Hai que procurar modelos máis axeitados", din en Xerais

Entre os 25 libros en galego máis vendidos durante 2009, que encabezaba a versión galega d'O neno do pixama a raias de John Boyne, non figuraba ningún título de poesía. O exceso lírico da literatura en Galicia, tópica dominante pero poucas veces probada estatisticamente, non adoita traducirse no comercio. "Levamos varios títulos da colección en papel de poesía que non chegaron aos 200 exemplares vendidos", lamenta o director de Edicións Xerais, Manuel Bragado, quen constata, ademais, "as dificultades para que as librarías acepten os libros de poemas no servizo de novidades". Na Asociación Galega de Editores non posúen datos comparativos sobre a edición por xéneros. Os últimos son do Informe sobre o comercio interior de 2007, que consignaba 63 poemarios publicados ese ano, máis que en 2006, cando saíran 51 volumes de versos. Non comezara a crise.

Bragado: "É difícil mesmo que as librarías acepten as novidades"
Carlos Lema, de Galaxia, bota en falta unha revista para poetas

"A redución de tiraxes na nosa editora afectará non só á poesía, senón a todos os xénros, incluída a narrativa", admite Fran Alonso, responsábel editorial de Xerais, "mais existen xéneros nos máis difíciles de rendabilizar economicamente". Por iso, explica, o axuste editorial ten maior peso na serie Poesía ca noutras áreas. Xerais tamén canaliza poemas baixo outros epígrafes -Biblioteca das Letras, na que vén de reeditar Samos e No desterro, de Ramón Cabanillas-, en infantil e xuvenil -Makinaria, de Carlos Negro- ou Clásicos -Os Eidos, de Novoneyra, ou a Poesía galega completa, tamén de Cabanillas.

As novidades inmediatas atinxen, porén, a autores contemporáneos: transmuta, o regreso de Xabier Cordal tras nove anos sen botar libro; Silencio, o terceiro poemario de Mario Regueira e 750 versos de ausencia, o primeiro do dramaturgo Roberto Salgueiro. O plano editorial de Xerais, que incorpora catro títulos anuais de poesía, segue adiante pero os exemplares de cada edición minguarán. "Paréceme terríbel que non se cheguen a vender nin dous centos de cada libro", confesa Bragado. Xerais procura arestora "modelos máis axeitados, viábeis, como a edición baixo demanda". Esta modalidade permite imprimir os textos segundo a presión do mercado e impide a acumulación de stock.

Tamén son catro os volumes de poemas que a colección Dombate, da editorial Galaxia, leva anualmente ás librarías. "Seguimos coa programación", afirma o director de edicións, Carlos Lema. A recuperación de Fascinio, peza chave na obra de Chus Pato e no devalar poético dos anos 90, orixinal de 1995; Estremas, de Ana Romaní; Aire tamén é materia, de Gonzalo Navaza e a segunda incursión, tras Derradeiras conversas co Capitán Kraft, de Oriana Méndez serán as contribucións de Galaxia á poesía galega de 2010. "Seguramente haxa que publicar máis", sinala Lema, "pero talvez esa sexa a función de editores máis especializados".

O que si bota en falta Carlos Lema, sen matices, é unha revista dedicada á poesía "e cunha periodicidade regular, como mínimo tres ao ano". Segundo o tamén poeta -en 2008 sacou O xeito de Freud-, a publicación serviría "para que os autores non se sintan abandonados ao escribir, para evitar esa angustia do poeta e evitar o tempo que vai da escrita á publicación: saberían da reacción dos colegas e da crítica ao que están escribindo". A reflexión teórica de fondo ou o debate de posicionamentos a través do ensaio tamén entrarían nas súas páxinas.

Outra eiva detectada por Carlos Lema en relación á paisaxe poética ten a ver coa preparación das obras completas. "Como se pode entender que non haxa unha poesía completa de Uxío Novoneyra ou que a obra poética de Méndez Ferrín non estea dispoñíbel?", pregúntase. Non hai tantos meses, Galaxia xuntou os poemas de Luís Pimentel. "Si, pero cantas obras completas se publican? É de valorar o esforzo que realizou hai unas anos Espiral Maior", engade.

A empresa que dirixe Miguel Anxo Fernán Vello, con quen este xornal non puído contactar nos últimos dous días, é a única especializada en poesía. Ao longo desta década, ademais dos dous tomos dedicados a Manuel María, reuniu as obras de Xosé María Álvarez Cáccamo ou Manuel Rivas, compañeiros de xeración do propio editor. E con Nós escoitando o badalo de Marienplatz, de Eli Ríos, premio Concello de Carral, a piques de arribar nas librarías, o seu ritmo editorial pareceu decelerar nos últimos meses. Igual que decelereu, case até a parálise, a colección Leliadoura de Sotelo Blanco. Central nos anos oitenta e reactivada en 2007 con seis títulos simultáneos, só catro máis visitaron os andeis comerciais dende entón.

As pequenas contra a intemperie

Nin sequera a intemperie na que, segundo os grandes editores, se atopa a publicación de poesía arreda a algúns valentes de o intentar. Entre os últimos en se arriscar aparece Acha Escrava, unha casa con base en Noia que debuta con Antítese nativa, de Manuel L. Rodrigues. É o propio Rodrigues quen explica a aventura: "Todo xurdiu ao preparar a segunda edición de Antítese nativa, cando os amigos do Colectivo Sacou [grupo literario da vila] comezamos a remoer na idea de montar a editorial, ser unha plataforma máis para os escritores en galego".

Este libro, que engade con respecto da primeira tiraxe os poemas d'A demarcación do volcán, "arrinca o motor da editortora". Con dous títulos máis en reserva dos que prefiren non ofrecer detalles, dende Acha Escrava procurarán "achegar o libro aos lectores, non unicamente colocalo na distribuidora e agardar que chegue ás librarías". Rodrigues fala de "auténticas xiras" de presentación dos libros, de percorrer "casas da cultura, librarías" e colocar así os exemplares. "Comercialmente, pensamos que así cubriremos os gastos", indica. No medio prazo, consideran a edición doutros xéneros, mais inauguran andaina co poético "por facilidade técnica". De momento, as súas previsións céntranse nos entre cinco e sete títulos anuais cos que contribuirán "a dar saída aos escritores que gardan os textos no caixón".

No Morrazo, arredor da Rinoceronte Editora especializada en tradución, vén de aparecer Barbantesa. Pan prós crocodilos, de Calros Solla, e Poemas de África lonxe, dos angolanos Eduardo Bettercourt e Jorge Arrimar, conforman a súa aposta poética nunha empresa que non afasta por coleccións. "A colección de poesía de Rinoceronte [que publicou a Anna Akhmátova ou a Kavafis] morreu de inanición", admite a responsábel de Barbantesa, Penélope Pedreira, "e agora imos probar así. Se non funciona, cambiarémolo". Na web, anuncian tamén un libro do galego residente en Islandia Elías Portela, Con peitos desenchufados.

Estaleiro Editora, operativa en Santiago, naceu arredor das reformulacións en curso dos conceptos sobre propiedade intelectual. Edita en réxime creative commons e na súa sección de poesía botou o primeiro de Alberto Lema, Plan de fuga (2008), e Suburbia, do brasileiro Oscar Mourave (2009).

Pero talvez o máis peculiar dos proxectos manteno, en Lalín, Emilio Araúxo. Con Amastra-n-gallar edita unha revista do mesmo nome, traducións de poetas europeos, e non só, contemporáneos e unha serie de écfrases (texto a partir dunha imaxe) sobre fotografías de felos do Antroido limiao. Nel participaron Lupe Gómez, María do Cebreiro ou Xulio Calviño. Todo en edicións non venais que agasalla nas librarías.

Tu suscripción se está usando en otro dispositivo

¿Quieres añadir otro usuario a tu suscripción?

Si continúas leyendo en este dispositivo, no se podrá leer en el otro.

¿Por qué estás viendo esto?

Flecha

Tu suscripción se está usando en otro dispositivo y solo puedes acceder a EL PAÍS desde un dispositivo a la vez.

Si quieres compartir tu cuenta, cambia tu suscripción a la modalidad Premium, así podrás añadir otro usuario. Cada uno accederá con su propia cuenta de email, lo que os permitirá personalizar vuestra experiencia en EL PAÍS.

En el caso de no saber quién está usando tu cuenta, te recomendamos cambiar tu contraseña aquí.

Si decides continuar compartiendo tu cuenta, este mensaje se mostrará en tu dispositivo y en el de la otra persona que está usando tu cuenta de forma indefinida, afectando a tu experiencia de lectura. Puedes consultar aquí los términos y condiciones de la suscripción digital.

Archivado En

Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
_
_