_
_
_
_
Reportaje:ROLDA DAS LETRAS | Luces

De autores e de editores

A actualidade literaria das últimas semanas estivo protagonizada, como non podía ser doutro xeito a estas alturas do ano, por Novoneyra. Igual por mor da crise, ou por contaxio do talante minimalista do poeta, o certo que desta volta pareceu imperar unha certa contención na tradicional enxurrada de títulos de ocasión. A salientar, sen dúbida, as Folerpas de Novoneyra de Fran Alonso, un exemplo modélico de como se pode achegar os escritores ao público máis noviño, e A distancia do lobo de Antón Lopo. Este explora outra volta a fórmula da autobiografía ficcional, algo que xa fixera con excelentes resultados no caso da figura de Lorenzo Varela. A fórmula dota o texto dun poder evocador que adoita resultar fanado no corsé documental das biografías ortodoxas, e consegue achegarnos ao escritor dabondo como para coñecelo mellor, mais non tanto como para que deixe de engaiolarnos a súa aura de creador.

Más información
O libro vai resistindo

- Abandono de De Toro. Pero tamén nestes días Suso de Toro contribuíu -unha vez máis- a animar o ambiente, comunicando e ensaiando unha explicación da súa dupla decisión de, por unha banda, voltar a facer do ensino o seu modus vivendi e, por outra, abandonar a escrita literaria. Suso, que sempre teimou en diseccionar as contradiccións do noso sistema literario, non quixo deixar de facelo nesta ¿derradeira? ocasión, e argumentou con todo luxo de detalles para xustificar unhas opcións persoais, na miña opinión menos vencelladas á situación do campo cultural galego do que o agora ex escritor quixo facernos ver. En todo caso, os axentes literarios non se mostraron dispostos a aceptar a cota de responsabilidade na dita decisión que o autor lles quixo imputar, e recibiron o argumentario de Suso como unha proba máis do seu talante dialéctico, tan necesario sempre para este noso país.

De resto, a situación de emerxencia en que se atopa o libro galego vén posta de vulto pola fuxida cara adiante que se está a practicar en ámbitos tales coma a edición, e que debe ser entendida como un mecanismo de supervivencia nun contexto ben complexo, tanto pola marcha da economía coma pola mingua dos apoios ao libro galego por parte da administración. A última novidade nesta liña foi a decisión da Consellaría de Educación de retirar a cota mínima de libros en galego nas partidas destinadas á adquisición de fondos para as bibliotecas escolares. Digo isto polo contraditorio que semella que, nun momento de crise como o que estamos a vivir, sigan a aparecer novas editoriais, case sempre proxectos unipersoais ou locais, de escasa dimensión profesional.

Pero aproveitar as posibilidades que as ferramentas dixitais ofrecen para a elaboración e distribución de libros non significa ter un proxecto editorial, e algunhas destas novas iniciativas semellan máis prácticas narcisistas (edito o que me gusta e o que me peta) ou localistas. Bótanse de menos no noso mundo editorial os proxectos colectivos, as tarefas de amplo alento, os desafíos de ir conquistando espazos de relevo, ben articulados como tales, para as nosas letras. Aínda que pareza mentira, o libro galego perde así visibilidade, resígnase a circular por circuítos de iniciados e amadores, renuncia á conquista do lector anónimo, da lectura común, e achégase perigosamente á condición de fetiche. Lonxe de min cuestionar a calidade das escollas editoriais destes homes e mulleres afoutos e radicais na súa paixón pola literatura, pero moito me temo que á volta ás trincheiras beneficia pouco ao libro galego. Postos a ser resistentes, quédome coa coherencia do proxecto verdadeiramente independente e alternativo de Estaleiro Editora, un grupo que como a formiga, gran a gran, vai constituíndo un catálogo que comprende dende o pensamento de Toni Negri ao teatro de Clara Gayo.

Non renunciemos logo á ambición, tamén no mundo editorial. Ben está cultivar o xardín de cada quen, como recomendaba o Candide de Voltaire, pero non fagamos da leira o noso horizonte. E lembren que no eido do libro galego podemos atopar case todo: por exemplo, a oportunidade de sermos solidarios gozando da boa literatura: Níxer é un libro contra a fame, porque autores como Fernández Naval ou Camilo Franco alistaron a súa ollada e as súas verbas nas tropas de Acción Contra a Fame, e porque houbo un editor galego que renunciou aos seus beneficios para, polos menos, facer visible a fame.

Lo que más afecta es lo que sucede más cerca. Para no perderte nada, suscríbete.
Suscríbete

- Novidades primaverais. Coa primavera literaria que en Galicia comeza en maio, chegan as novidades, algunhas moi desexadas mais non todas igual de interesantes. Se na edición de poesía hai máis silencio do que nos gustaría, quizais para permitirnos escoitar a voz de Novoneyra, a oferta acumúlase na novela onde salientan, polas expectativas creadas, as de Teresa Moure e Marcos Calveiro.

A intervención de Teresa Moure é unha novela ben resolta, na que a autora terma con rigor dunha certa tendencia ao exceso estilístico, mais faino sen renunciar á textura da escrita que xa lle é característica. Cun ritmo ben pautado, uns personaxes convincentes na súa vontade por viviren instalados nas estremas do convencional, e unha voz narrativa menos invasiva do que podían resultar as de anteriores entregas da autora, A intervención é unha novela que nos fala de moitas, moitas cousas, e que pide ser relida porque nos obriga a facernos preguntas de non doada resposta. Máis alá dun primeiro nivel de lectura en que se nos anima a cuestionar o canon e a función da arte tal e como adoito a concebimos, a obra é tamén unha proposta para repensar conceptos tan solidamente establecidos que nin maxinamos que poidan entenderse de xeito diferente: a amizade, o amor ou a maternidade. Pola contra, a Calveiro faltoulle en Settecento un chisco de perseverancia ou simple intuición para apostar en exclusiva por ese mundo venecián que tan ben recrea, e teima en achegar a súa ficción de novo a unha Compostela que nada engade, fóra de abortar a tensión conseguida e desorientar a quen le. Ás veces o exceso de ambición literaria, e de xenerosidade creativa, pode xogar malas pasadas.

- Fieis á tradución. Na tradución, mantense a aposta por fidelizar lectores, e así hai que entender a versión galega de New York-Bilbao-New York de Kirmen Uribe, recente Premio Nacional de Narrativa, versión que representa a vontade de seguir a tender pontes entre a nosa sociedade e a cultura vasca, pontes precarias que cómpre afianzar, e nesa liña hai que valorar tamén a continuidade das traducións da sobras de Unai Elorriaga ou Bernardo Atxaga. O galardón a Uribe non deixou de ser cuestionado por sectores que o quixeron entender como a peaxe autonómica que estes certames de ámbito estatal deben pagar periodicamente. A novela, en todo caso, non acaba de convencer, quizais polo impostado da estructura marco -unha viaxe en avión de Bilbao a New York-, quizais polo mal que canxa a estructura posmoderna do discurso cun esquema axiolóxico solidamente xerarquizado a partir da convición da necesidade de recuperar a memoria como alicerce da identidade. Para meterse a novelista posmoderno non chega con querer selo. Na mesma liña de anosar determinadas voces reaparece a sempre cordial Anna Gavalda, desta volta con Unha bonita escapada, unha narración máis lixeira que Xuntos e máis nada, coa que se estreara en galego, pero que resulta deliciosa en boa medida grazas ao bo facer da tradutora, Dolores Torres París.

Pero sen dúbida a gran novidade literaria desta primavera é a estrea como novelista de Manuel Portas, a quen botabamos de menos na vida política. Mais logo de ler Denso recendo a salgado cómpre recoñecer que se cadra foi mellor perder un político e gañar un novelista. Frescura, soltura narrativa, dominio das distintas técnicas de modalización e autenticidade lingüística son os recursos que lle permiten a Portas resolver con nota un argumento pexado xa de entrada por tratamentos anteriores (por exemplo, certas novelas de Reigosa) pero ao que en Denso recendo a salgado a personalísima voz do autor consegue dotar dun anovado poder de convicción.

Regístrate gratis para seguir leyendo

Si tienes cuenta en EL PAÍS, puedes utilizarla para identificarte
_

Archivado En

Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
_
_