_
_
_
_
Entrevista:Luces

Algo de drama para empezar

O traballo de Blanca Cendán á fronte do teatro público arrinca coa tempada perdida e recurtes de ata o 20% - "Hai que resolver con imaxinación", di

A situación, así de entrada, non é a mellor. Tras sete meses sen dirección no Centro Dramático e a escena máis alá da resistencia -esixen dimisións en Cultura pola rebaixa "ilegal" de 190.000 euros nas axudas, publicitada vía correccións no Diario Oficial-, hai dúas semanas que Blanca Cendán (Ares, 1963) se puxo á fronte do Centro Dramático Galego. No trafego de recibir xente, escoitar e ver propostas, ela mesma se recoñece nun mundo "novo en parte".

Hai un ano aínda era parte do elenco de Saltimbanquis, o musical de Teatro do Morcego, e tiña un papel na serie de TVG Padre Casares. "Pasar de actriz a xestora dun teatro, tomar decisións e ter un posto que dalgunha maneira ten poder... É novo nese sentido. Xa veremos o que se pode facer e o que non".

"Hai que buscar público, pero, ao mesmo tempo, asumir riscos"
"A Salomé de Carlos Santiago non terá nada que ver coa pop de Chévere"

Polo de pronto, non é viable recuperar As actas escuras, única produción do CDG na tempada 2009/2010, que esgotou a xira en abril. "O recurte [Industrias Culturais admite un 19% menos de orzamento sobre os 1,9 millóns do ano pasado] veu aplicado a este segundo semestre, non podes facer nin a metade das cousas que poderías, pero son danos colaterais, é algo xeral". Así as cousas, trátase de arrincar cunha obra pequena e cubrir a programación do Salón Teatro compostelán, sede do CDG, o que resta do ano. A primeira produción propia será a Salomé de Oscar Wilde para seis actores, que abrirá a tempada que vén a finais de novembro. A adaptación corre a cargo de Pepe Sendón, que xa traducira a traxedia na primeira Salomé do CDG, dirixida por Vidal Bolaño e John Eastham en 1989. "Non terá nada que ver con aquela Salomé pop que fixeran os Chévere", di Cendán, actriz naquela montaxe que levara a cabo o grupo fundador da Sala Nasa.

Na dirección de Salomé, a cargo do músico, poeta e dramaturgo compostelán Carlos Santiago, fixa Cendán unha das súas apostas. "Acabando de entrar, para min sería máis sinxelo deixar a produción para o ano que vén, pero considero que hai que producir". Se na escena paira un certo temor a que o CDG risque só bazas seguras -canda o medo ao descenso na contratación-, Cendán exemplifica no seu primeiro director a inexistencia de "bazas seguras". "Eu xa me arrisco presentando un director non recoñecido, que non tivo oportunidade de dirixir un espectáculo para unha institución pública. Hai que buscar público, pero tamén hai que asumir riscos". "Haberá xente do teatro clásico e xente nova, será un fifty-fifty".

Esas ideas subxacían na recente presentación das liñas mestras do novo CDG, aínda por concretar: buscar novas vías de financiación, dinámicas "máis innovadoras", potenciar o sistema de coproducións e a distribución exterior, o traballo de base e, no trazo groso, potenciar "o teatro galego en xeral e o público", con especial atención ao teatro músical e de rúa. A novidade corporativa é a creación dun consello asesor do que formarán parte Xan Cejudo, Gerardo Pereira, Alfonso Pato, Kukas, Roberto Taboada, Ana Vallés e Carlos Neira. Para o conselleiro de Cultura, Roberto Varela, no novo órgano consultivo está "a renovación do papel do CDG no marco do actual sistema cultural galego", pero a súa primeira encomenda ha ser a escolla de textos.

Non hai referencias ao Plan Escénico do bipartito -66 millones entre 2008 y 2011-, soterrado por Agadic. Cendán tenta adaptarse ao novo contexto: "Hai que resolver as cousas con imaxinación e sabendo buscar onde non hai, non por facer as cousas con menos cartos deixan de ter calidade. Algúns espectáculos grandiosos do Centro Dramático Nacional non conseguen o que pretenden, e montaxes móbiles de Teatro La Abadía, de entre dous e cinco actores, son dunha calidade impresionante". Cendán reuniuse cos responsables de La Abadía, que dirixe en Madrid José Luís Gómez, con vistas a intercambiar producións, igual que estableceu contactos cos diferentes teatros autonómicos ou co Instituto Nacional de Artes Escénicas.

"É moi importante reducir gasto", insiste, "pero tamén se trata de sermos hospitalarios". Aquí acáelle a experiencia de Cendán en Berlín (1995-1998), onde afondou no cabaré e nun familiar "feed-back" de vida: "Eu compartía casa con xente que empezaba na escola de cine [participou en varias curtas de Hannes Stöhr, que logo a dirixiu en Galatasaray-Depor], na escola de circo... Os berlineses viaxan moito; logo toda esa xente chegaba a Berlín e ti ofrecíaslle a túa casa". Aínda así, na cuestión dos intercambios está por ver cómo se manteñen iniciativas da época de Cristina Domínguez, desde o programa Artistas en residencia ao propio Centro de Creación Dramática, coordinado entón por Cándido Pazó como autor residente. Outras vellas dinámicas "innovadoras", como os incentivos á distribución ou as residencias estables para as compañías, aínda hai que reconstruílas. "No capítulo de prioridades está a programación do Salón Teatro porque ten que seguir existindo como teatro en por si, e despois as producións. Se queda espazo para as residencias e queremos tirar por coproducións con máis orzamento... Veremos as propostas que temos".

Entre o previsto, para abrir a tempada 2011-2012 cóntase recuperar A ópera de a patacón, na versión de Brecht e Weill, quizais coproducida. "Luís Tosar xa saíu na prensa dicíndoo", ri. Para guialo a el e aos demais pensan nun "director nacional, non galego, autor recoñecido de musicais". Será difícil manter o ritmo dos últimos anos, dúas obras propias e tres coproducións por tempada, pero, matiza,"se se poden facer dúas producións por ano, farémolas; se non, faremos unha e tiraremos das coproducións". "Iremos vendo". A idea é non rebaixar o traballo do CDG como centro de produción e manter no posible as tarefas de formación.

Se hai un novo discurso con respecto á cuestión do público, unha das teimas da época anterior, ou con respecto ao teatro "musical e de rúa" que quere preponderar Cendán á fronte do CDG, este podería ser o despece: "Recuperar a captación dese público que ao mellor non é o habitual no teatro, facendo novas propostas e intentando chamalo desde a rúa. Non desde un espectáculo de rúa concreto, que o haberá, non hai datas aínda, senón tamén facendo pequenas performances arredor do teatro".

"A partir do ano que vén veráse mellor a nosa liña", recoñece. A primeira responsable da política teatral elixida por concurso público entra no CDG contra a idea inicial de Industrias Culturais, que pretendía unificar teatro e danza na figura dun único xestor, é dicir, desactivar Centro Dramático e Centro Coreográfico -agora no camiño de ter dirección- como unidades de produción por un suposto exceso de custo. "A xente do teatro quere o Centro Dramático, sempre o viu como necesario", apón Cendán con cautela. "Xera moito traballo".

Nos sete meses que durou o traspaso o poderes, foi a xefa de produción, Cecilia Carballido -agora substituída por Belén Brandido- quen se ocupou da cuestión da lexitimidade no teatro público. Primeiro tornando d'As actas escuras, e despois da organización da parada galega do novo circo, Jeunes Talents Cirque Europa, no Salón Teatro a partir do 17 de xuño.

Blanca Cendán, no Salón Teatro de Santiago.
Blanca Cendán, no Salón Teatro de Santiago.Anxo Iglesias

Tu suscripción se está usando en otro dispositivo

¿Quieres añadir otro usuario a tu suscripción?

Si continúas leyendo en este dispositivo, no se podrá leer en el otro.

¿Por qué estás viendo esto?

Flecha

Tu suscripción se está usando en otro dispositivo y solo puedes acceder a EL PAÍS desde un dispositivo a la vez.

Si quieres compartir tu cuenta, cambia tu suscripción a la modalidad Premium, así podrás añadir otro usuario. Cada uno accederá con su propia cuenta de email, lo que os permitirá personalizar vuestra experiencia en EL PAÍS.

En el caso de no saber quién está usando tu cuenta, te recomendamos cambiar tu contraseña aquí.

Si decides continuar compartiendo tu cuenta, este mensaje se mostrará en tu dispositivo y en el de la otra persona que está usando tu cuenta de forma indefinida, afectando a tu experiencia de lectura. Puedes consultar aquí los términos y condiciones de la suscripción digital.

Archivado En

Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
_
_