_
_
_
_
Reportaje:XENTE de AQUÍ | Luces

O País Seoane

A figura de Luís Seoane, como os seus deseños e pinturas, é tan viva que escapa deste papel. Aquel home de traza común e falar apaixonadísimo tivo unha dimensión estética e ética, foi o grande intelectual e activista republicano exiliado e tamén un artista moderno tremendamente pródigo. Coñecer a súa figura e a súa obra é coñecer unha outra Galiza luminosa, debuxada en cores vivas e trazos limpos, a que existiu na súa imaxinación exiliada. Sen Seoane, o exilio americano sería sombras esvaídas, e el teimou en que esa outra Galiza existise. E ademais existiu, Seoane existiu, existe.

Naceu na emigración arxentina e pasou case toda a vida en Buenos Aires, fillo da emigración, militante no exilio. Esas dúas ausencias, esas dúas faltas, o non nacer no territorio da Galiza e ese verse obrigado a vivir fóra e lonxe non son dúas circunstancias, son a explicación dunha vida obsesionada por gañar para si o ser galego. Seoane, o galego máis esforzadamente galego do século XX nunca tivo a seguridade de selo enteiramente e para exorcizar ese ansiedade acabou por ser o demiurgo dun país enteiro, a Galiza de Seoane. Debuxouna en xornais, revistas, libros, gravados, óleos, murais. Francisco Ayala: "Seoane es el más exiliado de los gallegos". Exiliado obseso e namorado confeso, unha verdadeira fábrica de imaxinería galega a repetir unha mensaxe ao mundo, ou para si propio: a Galiza existe e non é como vós a vedes, eu sei como é. Unha mensaxe única emitida reiteradamente, Seoane único e serial.

"Seoane es el más exiliado de los gallegos", afirmou Francisco Ayala
"É mester enxuizar ese galeguismo que se esvae e perde no tópico da cultura"

Nos anos estudantís, a Compostela republicana aprendeulle a linguaxe da propaganda. A edición aprendeuna a pé do prelo de Ánxel Casal, logo pasou a vida a deseñar cartaces como berros, murais como paisaxes e a editar libros e máis libros como botellas ao mar. Ao pouco de chegar exiliado a Buenos Aires, escapado por Lisboa, entrou a traballar na editorial Emecé, onde crea as coleccións Hórreo e Dorna con Arturo Cuadrado. Cuadrado, Lorenzo Varela, Antonio Baltar, Dieste, Espasandín, Laxeiro ..., falar de Seoane é falar dun potente motor de proxectos colectivos. Seoane existe cando se proxecta nos demais, todo el é existir impetuosamente en comunidade, en sociedade. Precisa dos outros, está atado a eles, esa era a súa forza. E o seu calcañar de Aquiles tamén.

Ese ser tan social nunca deixou de entender a súa arte como política. Artista moderno, informado e partícipe dos ensaios da pintura do século, sempre interpretou a arte ao servizo da súa causa, da súa obsesión: construír a Galiza soñada. Iso levouno a traballar tanto na ilustración en papel, debuxos para ser vistos por miles de persoas, que lle dedicase tanto ao gravado en linóleo, madeira, metal, que pintase algúns dos mellores murais do século XX e que en toda a súa obra, tamén nos óleos, aparecesen reiterados temas populares e formas que el considerou especificamente galegas. É imposíbel comprender a obra plástica de Seoane sen coñecer a cultura galega e tamén é imposíbel comprender a cultura galega sen coñecer a obra de Seoane. Cando alguén, prexuizoso ou desinformado, alega que non se pode vivir o noso tempo desde a cultura galega pois é algo caducado ou inservíbel só lle hai que contestar "Seoane". El, amigo do seu admirado Maside a quen consideraba mestre, actualizou a arte galega no século XX. A obra de Luís Seoane é vasta e rica como a obra de todo un país, o País Seoane.

Aquel Buenos Aires do exilio galego e español rodeaba a quen procuraba vivir inserido no tempo e na xente, María Teresa León e Alberti, Ayala... Instalouse tamén no centro da nova intelectualidade arxentina e xudeo-arxentina. E, con todo e con ser a cada paso máis recoñecido alí, iso non lle bastou nunca, faltáballe xustamente o máis necesario: formar parte da Galiza. A súa ansia nacía de enfrontar o seu soño coa realidade. A realidade que o esmagaba era que a súa Galiza ideal fora derrotada, fusilada e desterrada polo franquismo e que na terra só ficaba xente conforme ou aterrorizada. Nesa terra sobrevivían como podían algúns galeguistas, e quen levaba o leme desa supervivencia era Ramón Piñeiro. O conflicto entre o galeguismo do interior e o do exilio, o enfrontamento co piñeirismo, acabou por se personificar do modo máis pleno e profundo en Seoane. Defendeu o de Lorenzo Varela, o de Castelao, o de todos, mantivo a posición do Consello de Galiza. Sempre de modo dialogante, porén con toda firmeza. Esa retesía cos galeguistas do interior foi para el a forma de manter un diálogo, el necesitaba esa loita que non deixaba de ser un abrazo. Nunca puido aceptar a renuncia política de Piñeiro, tampouco puido aceptar a ruptura.

Temía recoñecer que a realidade estaba aquí. Había ser aquí onde el existiría, a súa existencia, a súa lembranza, alí desaparecería. Na Arxentina, aínda que triunfase como artista, era un intruso e aquí non podía estar. O máis ferinte: o piñeirismo ignoraba o exilio, ignorábaos a eles, a el. "Acepté ser académico de número en la Academia Nacional de Bellas Artes de aquí. Lo hice pensando en Galicia, en la Academia Gallega, en donde jamás fui propuesto para correspondiente; como tampoco Espasandín, Baltar, Varela y Cuadrado. Casi veinte años dirigiendo Galicia, habiendo editado unos 100 volúmenes de autores gallegos, publicando tres libros de poemas en gallego, una decena de álbumes de dibujos y grabados de tema gallego (...) Acepté por un acto de rencor". Escríbeo dorido o home que vive aló en castelán porteño e que escribe toda a súa obra literaria en galego. O despeito, a ferida máis dorosa do amor.

A controversia con Piñeiro está en todos os planos, é política antes de nada, é cultural e mesmo estética. Seoane percibe que Piñeiro prefire contactar antes cos membros da emigración que aceptan o franquismo que con eles. Os exiliados republicanos estórbanlle na súa estratexia. Teñen tamén unha retesía a conta da peza teatral de Seoane A Soldadeira, que tivo que ser editada alí en tradución castelá. Seoane escribe unha peza brechtiá cunha función explícitamente política, Piñeiro discútelle o valor estético desa tendencia artística cunha linguaxe hostil, e referíndose ao editorialista de Galicia emigrante, sabendo que o propio Luís Seoane é o editor da revista, "(...) como ese editorialista, cuias elucubracións, por certo, a min resúltanme simpáticas cando descarga nelas toda a inocente cólera pueril que domina ás veces o seu espírito (...)". No ano 1963, Seoane escribe: "É mester enxuizar ese galeguismo que se esvae e perde no tópico da cultura". Non pode haber máis distancia ideolóxica e vital entres eses dous espíritus fortes.

Mais por debaixo das diferencias varias, o enfrontamento en Seoane é existencial. Sente a estratexia de Piñeiro sepulta os exiliados e liquídao a el, impídelle existir no único lugar onde para el é posíbel, en Galiza. E sabe que é Piñeiro quen reparte a baralla, o dono do relato da Galiza que xa existe nese momento e a do porvir. E por iso, ademais da correspondencia con este, cartéase con outros membros dese grupo, especialmente con García-Sabell e Fernández del Riego. "(...) isolado, a maior ambición que teño é precisamente que a miña obra sexa coñecida nesa, pois toda ela está feita e pensada para Galiza". Loita contra a distancia e o exilio porque precisa manterse unido a eles e á terra, "Aínda o noso fracaso como xeración, se existise, ten unha grandeza pouco común dadas as circunstancias que nos tocou vivir". É quen, pese as diferencias tan grandes, a manter un nós xeracional compartido entre o exilio e o interior. El organiza en 1954 a visita a Buenos Aires de García-Sabell ("ti non podes imaxinar o que foi a túa viaxe para nós, para min máis concretamente") e de Del Riego. Á volta, García-Sabell prepara unha monografía sobre a obra de Seoane ese mesmo ano. Isto cáusalle unha alegría e un agradecemento enorme.

Sempre buscando maneiras de vir, aproveitando viaxes por Europa, familiares conséguenlle que poida expór a obra en Madrid e a partir de 1960 empeza a visitar a terra soñada aló teimosamente. "Al llegar a Galicia uno se olvida del mundo". Motor incansábel de proxectos sociais, acabou por partillar con Díaz Pardo o proxecto do Laboratorio de Formas de Galicia. Cada visita daquel entusiasta era percibida como unha molesta intrusión polo galeguismo estabelecido. Pensou que chegara o momento de voltar vivir aquí xusto nas vésperas da data que agardaba por el. Morreu xusto nas vésperas de entrar na Real Academia Galega, o 5 de Abril de 1979. A súa biblioteca viña detrás nun barco cruzando o océano, libros e gravados cheos de soles e cores luminosas.

Tu suscripción se está usando en otro dispositivo

¿Quieres añadir otro usuario a tu suscripción?

Si continúas leyendo en este dispositivo, no se podrá leer en el otro.

¿Por qué estás viendo esto?

Flecha

Tu suscripción se está usando en otro dispositivo y solo puedes acceder a EL PAÍS desde un dispositivo a la vez.

Si quieres compartir tu cuenta, cambia tu suscripción a la modalidad Premium, así podrás añadir otro usuario. Cada uno accederá con su propia cuenta de email, lo que os permitirá personalizar vuestra experiencia en EL PAÍS.

En el caso de no saber quién está usando tu cuenta, te recomendamos cambiar tu contraseña aquí.

Si decides continuar compartiendo tu cuenta, este mensaje se mostrará en tu dispositivo y en el de la otra persona que está usando tu cuenta de forma indefinida, afectando a tu experiencia de lectura. Puedes consultar aquí los términos y condiciones de la suscripción digital.

Archivado En

Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
_
_