_
_
_
_
Entrevista:ANDRÉS TORRES QUEIRUGA | Filósofo e teólogo | Luces

"Se lle pido a Deus que remate coa fame, estoulle botando a culpa"

O teólogo Andrés Torres Queiruga (Aguiño, 1940) viuse sorprendido hai meses por unha filtración: a Comisión Episcopal para a Doutrina da Fe -o antigo Santo Oficio- dispoñíase a condenar a súa obra. Os máis escolásticos levan tempo acusándoo de hegelián ou de defender concepcións demasiado humanistas, pero el non ten medo: "Estudándome en serio, non hai motivos".

A piques de saír do prelo Repensar o mal. Da poneroloxía á teodicea (Galaxia), o académico que traduciu a Biblia ao galego fala con optimismo. "A falta de democracia é o gran problema do goberno eclesiástico", di, "pero nos peores momentos séguese lendo o Evanxeo". Formado en Amor Ruibal, o idealismo alemán, os teólogos conciliares e a hermenéutica de Ricoeur -tamén leu aos nihilistas-, Torres Queiruga critica o "gran défice de filosofía" nos estudos teolóxicos. Dun Deus como ágape (amor) fala todo o tempo.

"O criterio é o ben común, non os 'dereitos' da Igrexa ou do Estado"
"A Igrexa en Galicia só ten dereito cristián de existencia sendo galega"
"Enténdenme mellor seglares e filósofos ca moitos teólogos"
"Os evanxeos son ultrademocráticos; o cristianismo é revolucionario"

Pregunta. É o seu primeiro tratado sobre o mal.

Resposta. O mal sempre me interesou, desque estudaba Filosofía. Alí tiven a miña primeira intuición de por onde podía vir a solución. O título do libro expresa a aportación máis novidosa: o mal empezouse a pensar no mundo relixioso, pero hai que enfrontalo nunha cultura secular.

P. A convivencia entre o filósofo e o teólogo non ha ser sinxela.

R. A miña teoloxía vive dunhas cantas intuicións moi claras, e procuro ser coherente e honesto coas súas consecuencias, tamén as filosóficas. O mundo está entregado ás nosas mans, e Deus chámanos a que o transformemos. Se eu lle pido que remate coa fame de África, bótolle a culpa a el e excúlpome a min. Iso, que para min é evidente, causou un escándalo. Sobre a cuestión do inferno tamén o houbo, cando eu só digo que é absurdo que un Deus que nos crea por amor nos poida facer inmortais para que esteamos sufrindo eternamente... Na teoloxía, hoxe, penso que hai un gran défice de filosofía.

P. Séntense comprendido?

R. Penso que me entenden mellor seglares e filósofos ca moitos teólogos. En Latinoamérica, desde o mundo da teoloxía da liberación, tamén recibo sempre unha acollida moi quente.

P. Hai caso Torres Queiruga?

R. Houbo un certo intento de censurar algunhas doutrinas teolóxicas miñas por parte da Comisión da Fe española, que nestes momentos penso que non está en sintonía con toda a xerarquía. O cerne estaba no libro que publiquei sobre a revelación en 1985, agora en castelán. Pero creo que se decataron de que non había motivos, estudándome en serio. Teño que agradecer que o volvesen pensar, é difícil enxuizar a obra sen falar co autor.

P. A José Antonio Pagola, amigo de José María Setién, pasoulle algo semellante. O perfil dos disidentes adoita ser parecido.

R. Eu non o levaría por aí, anque unha certa desconfianza que sementaron arredor da miña teoloxía comezou por acusarme de nacionalista, xa hai moitos anos.

P. Son o Opus Dei e os neocatecumenais os que dominan a Comisión da Fe?

R. Penso que non. Pero si é unha teoloxía claramente conservadora. Un membro afín á Comisión chegou a censurar a Ladaria, hoxe bispo secretario da Comisión da Fe en Roma.

P. Escribiu que os valores evanxélicos "proban que unha revolución é posible dentro da Igrexa católica".

R. O gran problema do goberno eclesial é a falta de democracia, por un sentido xerárquico sacralizado. Os evanxeos son expresamente ultrademocráticos; por estrutura, o cristianismo é revolucionario. Ollo: nos peores momentos da Igrexa, séguese lendo o Evanxeo; por iso suscita revolucións. De feito, os tempos de Pío XII eran moito máis pechados e veu o Concilio Vaticano II: Xoán XXIII recoñeceu a necesidade de abrir as fiestras. Esa cachoeira de renovación, como toda revolta, xerou conflitos. O ton público desde entón é de restauración, pero a sementeira de ideas que foi o Concilio segue xermolando.

P. Como ve a saída á rúa dos bispos?

R. É un tema moi intrincado. En todo caso, o criterio non poden ser os dereitos da Igrexa ou do Estado, senón unicamente o ben común, unha sociedade máis humana. Pensemos na clonación: ¿si ou non, en que casos e condicións?¿Ter un fillo para curar outro? De entrada, falamos de problemas éticos que deben estudarse a ese nivel, sen interferencias estatais ou eclesiásticas. No caso do aborto, a gran desgraza está en pensar que se trata do que quere a Igrexa fronte ao que quere o Estado, ou peor, progresismo fronte a conservadurismo, en troques de buscar entre todos qué é o mellor para a nai, para a vida humana en xestación e para unha sociedade auténtica. Sería moi empobrecedor prescindir da milenaria tradición ética da Igrexa, aínda que aquí ela só debe dialogar con argumentos éticos, universalizables. Igual que o Estado non pode caer no reducionismo legal sen reparar nas consecuencias éticas das súas leis.

P. O Tribunal de Estrasburgo declarou que a presenza obrigada de crucifixos nas aulas viola a libertade relixiosa. É o laicismo a fórmula menos ensaiada nos Estados aconfesionais?

R. Cómpre serenidade nun mundo cambiante. Creo que non deberiamos caer nun varrer todo o anterior, convertendo en suspostas agresións presenzas normais, que veñen pacificamente dunha tradición cultural normalizada. Nin agarrarse ao tradicional cando as circunstancias poidan cambiar o modo de percibilas. Desde logo, hoxe na escola non pode ser obrigatorio ter crucifixos, e eu non daría ningunha batalla por os introducir. Pero, cando xa están alí, consideralos unha agresión á liberdade paréceme esaxerado.

P. Cando a titular de Sanidade, Pilar Farjas, di entender o traballo político coma un "valor intrínseco" da súa fe, que di exactamente?

R. Non coñezo as declaracións exactas e non podo enxuizar. En principio, non hai unha política relixiosa como non hai unha medicina relixiosa.

P. Como influíu Piñeiro na súa descuberta de Galicia?

R. Eu espertaba a Galicia en Comillas, ao contacto coas outras Españas. Piñeiro foi un catalizador. Unha vez pregunteille por carta qué dicía Castelao sobre as cruces de pedra, e el copioume non sei cantas páxinas de Sempre en Galiza. Entre o seu influxo e o que vivimos alí un grupo de amigos galegos, o meu compromiso foi irrevocable: fixen voto de estabilidade en Galicia.

P. Na visión emancipadora da cultura como fío entre o individual e o colectivo, a súa idea non tira un pouco cara San Anselmo?

R. Piñeiro era un home profundamente realista e analítico, absolutamente adicado a Galicia. Tiña un enorme sentido das posibilidades reais, e eu penso que no franquismo, cunha sociedade pasiva e dominada, a única posibilidade real era traballar desde a cultura comprometida en alicerzar o futuro. En lugar de lamentar o que non fixo Piñeiro, ¿por qué non se fai agora?

P. Invócao Feijóo en balde?

R. Eu teño esperanza en que a política de Feijóo, mesmo no idioma, sexa mellor cás súas proclamas electorais.

P. Falta moito para falar de igrexa galega, non?

R. Demasiado. Non acabamos de ver que en Galicia a Igrexa só ten dereito cristián de existencia sendo Igrexa galega.

Tu suscripción se está usando en otro dispositivo

¿Quieres añadir otro usuario a tu suscripción?

Si continúas leyendo en este dispositivo, no se podrá leer en el otro.

¿Por qué estás viendo esto?

Flecha

Tu suscripción se está usando en otro dispositivo y solo puedes acceder a EL PAÍS desde un dispositivo a la vez.

Si quieres compartir tu cuenta, cambia tu suscripción a la modalidad Premium, así podrás añadir otro usuario. Cada uno accederá con su propia cuenta de email, lo que os permitirá personalizar vuestra experiencia en EL PAÍS.

En el caso de no saber quién está usando tu cuenta, te recomendamos cambiar tu contraseña aquí.

Si decides continuar compartiendo tu cuenta, este mensaje se mostrará en tu dispositivo y en el de la otra persona que está usando tu cuenta de forma indefinida, afectando a tu experiencia de lectura. Puedes consultar aquí los términos y condiciones de la suscripción digital.

Archivado En

Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
_
_