_
_
_
_
OS GROUCHOS | Luces
Columna
Artículos estrictamente de opinión que responden al estilo propio del autor. Estos textos de opinión han de basarse en datos verificados y ser respetuosos con las personas aunque se critiquen sus actos. Todas las columnas de opinión de personas ajenas a la Redacción de EL PAÍS llevarán, tras la última línea, un pie de autor —por conocido que éste sea— donde se indique el cargo, título, militancia política (en su caso) u ocupación principal, o la que esté o estuvo relacionada con el tema abordado

A política 'posh' e a fin da mentira

Manuel Rivas

A verdade triunfa por si mesma, a mentira necesita sempre complicidade (Epicteto)

Avelino Pousa Antelo, coa dignidade e a excelencia dun mestre senlleiro, que o mesmo lle aprendeu aos escolares a ler un libro que a enxertar unha maceira, vén de propoñer un programa verdadeiramente radical e alternativo para Galicia. Un programa pacifista e rebuldeiro a un tempo. Foi na Quintana, ante unha marea de xente que levou a lingua de Galicia nos ombreiros, en vilo, non de defunta senón de crianza en coiros, salvada do mal de ollo como un pneuma do sol de outono. E alí Avelino Pousa puido cantar e cantou o de "Esperta do teu sono, fogar de Breogán!". Mais tamén formulou dun xeito maxistral, por vez primeira, o segundo punto dunha alternativa anovadora: "Que non durman tranquilos!".

Pousa Antelo formulou de unha alternativa anovadora: "Que non durman tranquilos!"

O espertar de Galicia. Ese foi de sempre o propósito do espírito ilustrado. Dende os consellos do conde de Gondomar, aquel moucho galego que escribía esperto en Londres, até o bulir científico do anatomista doutor Cadarso, o gran reitor republicano de Santiago, "experto en arquitectura humana", que gustaba de dar as leccións antes de abrir o día. E non lle faltaba un alumno! Dende os fareiros das Luces, como Cornide, Labrada e Pardo de Andrade, até a expedición ao saber, nunca igualada, que foi o Seminario de Estudos Galegos, decapitado (literalmente) polo fascismo e nova vítima agora da "desmemoria histórica" decretada de novo en Galicia.

O caso era espertar. O mesmo podemos dicir da política liberadora, de quen deu a cabeza por Galicia, dende o liberalismo afoutado do heroe Porlier, pendurado da forca mentres os seus manifestos ardían baixo os pés, até o mellor programa electoral da nosa historia, o do Partido Galeguista durante a IIª República, tamén fanado en vida. Alexandre Bóveda e Víctor Casas, que o teceran, ambos os dous foron dos primeiros executados polos "africanistas" que ocuparon España no 1936.

O sindicato máis activo na Galicia da resistencia, no tempo máis fusco da longa noite de pedra, foi o Despertar Marítimo da Coruña. Esa rede de xentes do mar, sereas e tritóns libertarios, foi quen de organizar a fuxida de centos de persoas, en pleno terror nazi, coa cidade decimada e violada polos franquistas "de pro" que tanta tenrura inspiran ao neocapitán da urbe marítima, o señor Negreira.

Si, espertar foi sempre para esta terra a verba talismán. A Galicia encamada tiña sono, moito sono. Un sono mórbido e inducido. Andaba sonada. Facíanlle falta soños xerminais. E o primeiro soño era o espertar. Iso é o que está a pasar coa lingua galega. Non é que a queiran matar, non é que queiran acabar con ela. O que queren é que durma. Unha lingua encamadiña, hospitalizada. Eu xa notei que a xente fala o galego con máis naturalidade cando vai ao hospital. Aí xa non hai "imposición". Aí está encamado. E se se arrepón, aínda o médico pode operalo de galego.

O caso é que de doente, lévase mellor. Aínda se lle deixa respirar un pouco. Contouno moi ben en entrevista, con confianza que é de agradecer, a conselleira de Traballo, Beatriz Mato. Que os seus pais non tiñan problema ningún coa lingua. Que o pai falaba sempre galego e entón a nai facía de tradutora co doutor. Velaí unha solución laboral para arañeira lingüística, señores do Goberno! Xa que decidiron que os médicos non teñen por que saber galego, agás os forenses, pois que polo menos os doentes poidan levar un tradutor. E o médico, outro. Iso si que sería un nivel de consulta. Unha especie de encontro entre mandatarios.

- O estilo bullshitter

Cáusame moita intranquilidade oír a un mandatario proclamar con fachenda que el "durme coa conciencia moi tranquila". Home, non imos reivindicar os pesadelos, mais nos tempos de hoxe, e máis se se ten unha responsabilidade de Goberno, ese "durmir tranquilo" non é precisamente un síntoma de normalidade. A tranquilidade dos inconscientes adoita ir asociada a un estado de mentira. Penso que iso foi o que pasou nos últimos tempos en Galicia. Dos oito tipos de mentiras que distinguía Santo Agustiño, eu aínda estou por dilucidar a que modelo se corresponde exactamente a argallada encol da lingua. Entre outras, hai a mentira que fai dano e non axuda a ninguén, a que fai dano e axuda a alguén e a que se argalla para compracer o discurso doutros. Talvez aquí temos unha modalidade que mestura as tres.

Un tipo de troleiro é o chamado bullshitter, aquel que é indiferente á verdade e mesmo ao efecto posto en marcha pola mentira. Hai un estilo bullshitter en parte desta nova dereita. Aínda que embosque o discurso, o que nos está a dicir o político bullshitter é: "Mire vostede. Estamos a bater marcas históricas. Por exemplo, vimos de crear en menos dun ano un conflito lingüístico na sociedade galega, cousa que antes non existía, polo menos con esta dimensión tan monumental. Antes tiñamos o galego, tiñamos o castelán, tiñamos un plan de normalización e un decreto de cooficialidade no ensino. E tiñamos un mandato da Constitución e do Estatuto. E tiñamos un consenso. En fin, un desastre. Isto xa case parecía Suíza! Entón importamos a síndrome de Münchausen, que é o da doenza inventada, o da imposición do galego, e armamos un cristo macanudo! Agora, tíralle do aire!".

O sector posh (grã-fino, en portugués; en francés, politica bling-bling; en resume, politica pija, ese estilo que toda a vida chamamos senhorito) que polo visto domina a Xunta aínda non espertou, aínda non se decatou de que na Quintana dos Mortos, que a gran marcha de Santiago encheu de vida, se puxo en escena a obra que con urxencia necesitaba Galicia: a derrota da mentira. O esconxuro está feito. A mellor frase que lin, nun artigo titulado Leccións do domingo, foi a de Franco Grande: "Despois do domingo, xa non se pode seguir enganando tanto tempo a tanta xente". Na intranquilidade, tranquiliza que haxa un pobo esperto que desmonte os enganos.

E se o espertador é de marca Avelino Pousa Antelo, pois aínda mellor.

Tu suscripción se está usando en otro dispositivo

¿Quieres añadir otro usuario a tu suscripción?

Si continúas leyendo en este dispositivo, no se podrá leer en el otro.

¿Por qué estás viendo esto?

Flecha

Tu suscripción se está usando en otro dispositivo y solo puedes acceder a EL PAÍS desde un dispositivo a la vez.

Si quieres compartir tu cuenta, cambia tu suscripción a la modalidad Premium, así podrás añadir otro usuario. Cada uno accederá con su propia cuenta de email, lo que os permitirá personalizar vuestra experiencia en EL PAÍS.

En el caso de no saber quién está usando tu cuenta, te recomendamos cambiar tu contraseña aquí.

Si decides continuar compartiendo tu cuenta, este mensaje se mostrará en tu dispositivo y en el de la otra persona que está usando tu cuenta de forma indefinida, afectando a tu experiencia de lectura. Puedes consultar aquí los términos y condiciones de la suscripción digital.

Archivado En

Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
_
_