Ela e a coma
Hai anos que amo un home. Non nos vemos case nunca. Ás veces pasa un lustro e atopámonos por casualidade na tenda onde Hugo vende verduras, comida para gatos e mexillóns deshidratados. Entón bicámonos cariñosamente diante de Hugo e facémonos preguntas rápidas e nerviosas. Eu casei hai dous anos, dígolle. Separeime pouco despois, dígolle para borrarlle da cara o aceno de decepción que a aloda. Hugo míranos e sabe que sempre será así, que nos atoparemos toda a vida e a min custarame retirar a man de entre as súas mans, e a el custaralle soltarma. A última vez que nos atopamos na tenda, el mercou viño tinto, unha bolsiña de millo seco e un par de mazás. Estaba case calvo, gordo e parecía medir menos que a última vez que nos viramos. Despediuse dicindo que pensaba quedar un tempo na vila, que podiamos tomar un café. Que estaba intentando rematar o seu poemario para Ela. Que sería a obra que o faría grande entre os máis grandes, por iso era tan estrito mesmo coas comas. Saíu da tenda e quedei mirándoo ata que que se perdeu na rúa. Hugo faloume xusto detrás da caluga. Vireime e, como o meu desacougo era tan grande, Hugo dixo que eramos as persoas máis imbéciles que coñecera. Que aquilo arranxábase cunha boa remexedura na cama e que tiñamos que deixarnos de parvadas ou iamos botar así toda a vida. Repondinlle que esa era a mellor opción: botarmos así toda a vida. E quen será Ela?, pregunteille a Hugo e Hugo botou a rir, retranqueiro e cabrón.
Esa noite Hugo chamoume por teléfono. Eu xa estaba metida na cama, medio durmida. Insistiu en que me erguese e fose ata o Trece. Erguinme e vestinme, preguiceira. Pintei un chisco os beizos porque iso sempre me dá enerxía para saír da casa. Cheguei ao Trece e atopei a Hugo e mais ao poeta falando na barra. Os poetas beben coma tolos, dixo Hugo cando sentei onda eles. Eu tamén bebín e falei con el, con ese home que amo e que pola tarde mercara viño, millo seco e dúas mazás. Non souben cando marchou Hugo. Hugo marchou porque o poeta comezou a bicarme. Primeiro un bico na fronte, despois os beizos acariñándome a boca. Despois as linguas resucitando como mexillóns deshidratados. Será mellor saírmos de aquí, suxeriu e eu dixen si coas palabras enleadas nunha única lingua bífida. Subimos ao seu coche, atrapados nun desexo que polo visto nunca se volvera reseso. Puxo o coche en marcha e deiteime sobre os seus xeonllos, a lingua a lamberlle a entreperna. De súpeto o coche parou, levantei a cabeza e vin que estabamos diante da miña casa. Será mellor aparcar e entrar, non si?, preguntou dubidoso. Daquela lembrei o poemario que escribía para Ela e recuperei a lucidez. Pasei a man polos beizos, arranxei o pelo e despendinme educadamente. Corrín cara á casa e nin sequera virei a cabeza para miralo. Cando me desvestín para meterme na cama, sentín o sabor do viño, das mazás e do millo seco na boca do estómago. Non tardei en quedar durmida. O teléfono espertoume. Era Hugo enfadado porque tivera que aturar ao poeta toda a noite. Pero que carallo che pasou?, preguntoume. E eu, no desconcerto do súpeto espertar, díxenlle que simplemente acontecera que había meses que non depilaba as pernas. Que unhas pernas sen depilar, como unha coma mal posta, podían estragar un poema. O grande poema para Ela.
Tu suscripción se está usando en otro dispositivo
¿Quieres añadir otro usuario a tu suscripción?
Si continúas leyendo en este dispositivo, no se podrá leer en el otro.
FlechaTu suscripción se está usando en otro dispositivo y solo puedes acceder a EL PAÍS desde un dispositivo a la vez.
Si quieres compartir tu cuenta, cambia tu suscripción a la modalidad Premium, así podrás añadir otro usuario. Cada uno accederá con su propia cuenta de email, lo que os permitirá personalizar vuestra experiencia en EL PAÍS.
En el caso de no saber quién está usando tu cuenta, te recomendamos cambiar tu contraseña aquí.
Si decides continuar compartiendo tu cuenta, este mensaje se mostrará en tu dispositivo y en el de la otra persona que está usando tu cuenta de forma indefinida, afectando a tu experiencia de lectura. Puedes consultar aquí los términos y condiciones de la suscripción digital.