_
_
_
_
_
Reportaje:Luces

O "indie" pasa a reválida

Celebrados membros da promoción pop de mediados de década enfróntanse ao reto do segundo elepé

Di o tópico que o segundo disco é o máis complicado dunha banda de pop. No primeiro contan cun prazo de gravación que abranxe a vida enteira, argumenta o lugar común, pero para a continuación, apenas un ano. A esta proba enfróntanse arestora algúns dos máis celebrados membros da heteroxénea promoción indie agromada a mediados de década. Outros, o caso do electro pop de Projecto Mourente, excedérona hai tempo: rexistraron o sucesor de Baixo os eucaliptos -de título Kar.o.ke- hai xa 13 meses.

"Rexeito a teoría do segundo disco", apón Noel Feáns, o Alexander de Fanny+Alexander e impulsor da plataforma A Regueifa: "Hai moitos grupos que van de menos a máis e no segundo, se cadra, rebentas, porque tes máis medios". E exemplifica co folk pop dos suecos Herman Düne. Feáns, canda Efi Arias, vén de poñer en circulación Alfaias, unha decena de achegas do seu "pop poliédrico". "Hai quen, en Alfaias, apreza unha síntese entre os primeiros epés e o elepé debut [Finais dos 70, comezos dos 80]", explica, "eu vexo unha evolución".

"No primeiro es máis agresivo, pero logo tes máis liberdade", din en Ataque Escampe
Noel Feáns: "Rexeito a teoría do segundo disco, hai grupos que van de menos a máis"
Para Anido, xa na súa 'Maqueta 17', "non ten moito sentido falar de discos"

Para o seu segundo longa duración, Fanny+Alexander recuncan en botar man de textos de escritores. Estíbaliz Espinosa, Emma Couceiro, Mario Regueira, Diego Ameixeiras ou Igor Lugrís arrandean nun, autodefínese Feáns, "pop de exploración". "Caracterizámonos por un afán de non ter estilo propio; neste disco as homenaxes resultan infinitas", argúe, "e iso leva canda si un risco: ninguén sabe onde encaixarte". Até o extremo de que, na tenda dixital iTunes, Fanny+Alexander aparecen na categoría de World music.

Lo que más afecta es lo que sucede más cerca. Para no perderte nada, suscríbete.
Suscríbete

Os matices electrónicos campan nunhas cancións que devalan cara ao acústico. "No outono presentarémolo case unplugged", avanza. Será uns meses antes de que penduren na Rede un pacote de versións -Joy Division, entre outros- e autoversións. "Volverémoslle a vida acústica a cancións de xorne máis electrónico".

Na Regueifa aparecerá, pasado o verán, a continuación de Tele Clube, a estrea en 2007 dos Noise Project. Semifinalistas no proxecto Demo do festival de Benicàssim, aos de Valga fáltalles "unhas semanas" para rematar a súa reválida. "Evolucionamos no son", sinala o baixista, e voz, Óscar Cereixo, "estiramos os temas e hai varios instrumentais; somos máis... post-rock e menos pop".

Sonic Youth e Pavement, o catecismo independente dos anos 90, servíronlles de escusa para conformar o grupo. "E Mogwai, por suposto", engade Cereixo. Noise Project síntense achegados a combos como Yoplay -"os nosos veciños, ensaian no local do lado"-, os grovenses do Telephone Rouges ou Mequetrefe, fonsagradino. "Identificámonos non só no estritamente musical, tamén somos colegas", expón Óscar Cereixo.

Logo de Galicia es una mierda, 15.000 descargas e concertos por toda a xeografía galega, Ataque Escampe (AE) comparecen con A grande evasión. "Cando falabamos de Galicia", esmiúza o guitarrista Miguel Mosquera, "usabámola como metáfora do mundo; agora, o mundo como metáfora de Galicia". O rock cadora menos serie B dos AE, beireando o pop americana e producido por Paino, o cerebro de Galegoz, procura a liña de fuga existencial: "Cando te atopas en situacións complexas, a primeira tentación é escapar; trátase dunha evasión para logo regresar á realidade máis enriquecido".

Mosquera resístese a dictar catálogo de influencias no traballo da banda. "Ao cabo, o son tamén é un reflexo da música que escoitamos no intre de composición ou de gravación". Se Noel Feáns, que gorece a banda na Regueifa Plataforma, non dubida en falar, precisamente, de americana (reactualización do folk estadounidense), Miguel Mosquera refírese a "eclecticismo": "Mesmo depende da riqueza dos instrumentos que utilicemos". E bocexa un resumo do trauma do segundo intento: "No primeiro disco es máis agresivo, máis espectacular, pero agora temos máis liberdade".

Menos miramentos sonoros amosa Rafa Anido. Cabeza visíbel do movemento bizarrista e batería en Jiménez Los Santos -o seu primeiro epé titúlase Te voy a taladrar-, o Sr. Anido finaliza a Maqueta número 17. "Xa non ten moito sentido falar de discos", asegura quen fixo da ubicuidade unha estratexia: logo do verán reincidirá con Jiménez Los Santos e durante o estío rexistrará fonograficamente outro dos seus proxectos, Metralletas Lecheras.

"Hai unha serie de músicos que queremos facer música sen nos preocupar pola transcendencia que teña". Anido menciona a Franc3s, Novedades Carminha, Los Santos, Indómitos, Telephones Rouge ou Vale Tudo. Todos galegos e conectados "polos primeiros elepés de Sinietro Total, os Cramps e Spacemen 3". "Non existe ningunha presión, porque a ningúen lle interesa a música", conclúe.

Entrementres, The Homens entrarán en breve ao estudio tamén para o seu segundo longa duración. Do mesmo xeito, o rock&roll clasicista de The Royalties busca reafirmarse. Os coruñeses Nouvelle Cuisine fixérono hai uns meses: De memoria.

Regístrate gratis para seguir leyendo

Si tienes cuenta en EL PAÍS, puedes utilizarla para identificarte
_

Archivado En

Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
_
_