_
_
_
_
O CREADOR NO SEU OBRADOIRO | Luces

Blanca Silva, a arte de baleirarse

Afirma o poeta Xulio López Valcárcel que a obra de Blanca Silva ten un certo alento místico; que esta muller aspira a "pintar o Alén", e leva toda a razón. Di tamén o tamén crítico de arte que o expresionismo abstracto de Silva está máis vencellado ó de Rothko ca ó de Pollock, ó de Muñoz ca ó de Kandinsky. Niso tamén leva razón. As series de cadros, de gravados de Silva invítannos, si, ó samadhi, ó estado de acougo, á suma concentración. Son unha sorte de mandalas sintéticos. E a que fin máis alto que a ese pode aspirar un artista?

"Baleiro e cheo / Nunha pincelada / Flúe o eterno", acordo en entrando no seu obradoiro. A arte de Blanca Silva é a arte de baleirarse, a arte do sunyata, a arte do non saber. "A pintura sérveme para internarme nun universo misterioso", afirma ela, e enxergo o seu "internarse" no senso máis literal: ir ó cerne do cerne. "A maioría dos creadores coidan que hai que estar cheo para poder expresarse, mais eu preciso baleirarme de todo para transmitir algo. Non podo traballar cando estou ateigada de mundo". Para Silva, "o obradoiro non é unha terapia" senón un lugar ó que acude "á cata do baleiro". Un espazo de meditación en movemento o desta creadora interesada por toda caste de espiritualidades e de espíritos. "Aínda que isto é un proceso que dura moitos anos".

Baleirarse: verbo que de seu abonda para resumir toda a andaina de Silva. Pró meu grande abraio (esa mestura de pasmo e de entusiasmo, de asombro e de arrepío), Silva concédeme un privilexio: fitar as súas primeiras obras para enxergar o seu tránsito dende o expresionismo figurativo ó expresionismo abstracto. "Eu veño da literatura", confesa esta confesa crente da poesía, "o que pasa é que para min a escrita é un camiño de ida e volta, mentres que a plástica o é só de ida. Na poesía, malia a ser tamén unha vía de coñecemento, como dicía Valente, unha viaxe cara ó Absoluto, cando rematas un poema, volves ó punto de partida. Na plástica non, sempre volves ó punto cero".

A bisneta do avogado e escritor Alberto García Ferreiro comezou a pintar "xa tarde, dun xeito completamente autodidacta". Dúas claves ben significativas aclaran aquel principio. Unha exposición de Matisse -cuxa obra final serviu de referente ós vangardistas abstractos- foi o detonante que a impulsou a pintar. Dos superrealistas Silva aprendeu a "simbolizar os soños", pois, dende meniña, sempre tivo intensa vida onírica. "Lembro que daquela soñaba cunha xigantesca mazá vermella pairando nun azul escintilante". Unha visión ó Magritte. Ende ben, Silva deu con dous profesores tan bos que lle quitaron da cabeza a idea de aprender a debuxar. "Dixéronme que xa acadara un estilo de meu e que a aprendizaxe da técnica tan só podía roubarme esa frescura".

Asemade, naquel período Silva comezou "a coidar" dos seus mortos, para ela "importantísimos", e dende aquela traballa nunha serie de esculturas na que os defuntos, reencarnados nuns bonequiños de louza, penduran acó e aló coma exvotos primitivos. A comparación non é gratuíta: ollando esas figuriñas que espertan tanta tenrura lembro os poemas de Jean Joseph Ravearivelo sobre o culto ós mortos malgaxe. Ou, máis atrás, as estatuíñas das deusas do xamanismo prehistórico.

Tras aquela etapa inicial guiada polos soños, Silva desenvolveu, nos 80, un posmodernismo tamén moi persoal. Na súa Agra da Soleira de San Xoán de Vilanova, en Miño; a carón dun galano inédito da súa amiga Luísa Villalta, varios deses cadros dialogan en silencio. Especialmente fermoso é o retrato da súa filla María: natureza aberta coma A orixe do mundo de Courbet. Mais, de vagariño, Silva pasou de soñar con imaxes a soñar con cores que logo tentou plasmar nas súas teas. Tamén desa etapa de transición hai un dato moi revelador: "Cando non me gustaba un cadro, borrábao; ata que me decatei de que o que estaba a buscar eran aquelas supostas manchas que ficaban no lenzo. Non as liñas nin as formas senón as cores en si". Cores coas que Silva mantén "relación anímica, nada intelectual", e que "xamais significan o mesmo".

Esta procura case que irracional desvélanos a feito a actitude de Silva perante a creación e a Creación. Partindo dun estadio narrativo, curativo, no que o importante era esconxurar os seus demos, chegou a estoutro estadio poético, meditativo, no que o que conta non é, nin moito menos, a arela de contar senón a capacidade de transcender(se). Coma as abellas de Rilke, Silva é unha desas artistas que "liban o invisible" para facelo visible. Coma o equilibrista de Klee, Silva viaxa dunha á outra beira do real para transmitirnos o que non ten nin forma nin nome: preludios do Tao.

Por iso, sen dúbida, fala "tanto soa...".

Tu suscripción se está usando en otro dispositivo

¿Quieres añadir otro usuario a tu suscripción?

Si continúas leyendo en este dispositivo, no se podrá leer en el otro.

¿Por qué estás viendo esto?

Flecha

Tu suscripción se está usando en otro dispositivo y solo puedes acceder a EL PAÍS desde un dispositivo a la vez.

Si quieres compartir tu cuenta, cambia tu suscripción a la modalidad Premium, así podrás añadir otro usuario. Cada uno accederá con su propia cuenta de email, lo que os permitirá personalizar vuestra experiencia en EL PAÍS.

En el caso de no saber quién está usando tu cuenta, te recomendamos cambiar tu contraseña aquí.

Si decides continuar compartiendo tu cuenta, este mensaje se mostrará en tu dispositivo y en el de la otra persona que está usando tu cuenta de forma indefinida, afectando a tu experiencia de lectura. Puedes consultar aquí los términos y condiciones de la suscripción digital.

Archivado En

Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
_
_