_
_
_
_
_
Reportaje:Luces

A quen fala hoxe Rosalía?

Ensaios e discursos seguen a cismar na obra da poeta a 172 anos do seu nacemento

O espectro rosaliano continúa a roldar. 172 anos despois do seu nacemento en Santiago de Compostela, a poeta segue sen resultar un expediente pechado. Nin a beatificación confesional nin a laica conseguiron institutír unha imaxe unívoca, unha figura cómoda, no corpo da autora de Follas Novas. "Convén precaverse contra a redución de Rosalía a planos simples", avisa o profesor Arturo Casas. Un libro colectivo, ao coidado do escritor Anxo Angueira, ou certo fío vermello cosido ao discurso de ingreso na Academia de Margarita Ledo Andión, conforman dúas das últimas achegas que asexan dende ángulos pouco transitados a obra de Rosalía de Castro.

"O utopismo e a fraternitas puntúan a práctica vital e literaria de Rosalía", escribe Ledo Andión no texto que leu o pasado 7 de febreiro no paraninfo de Historia, en Santiago, "no século das grandes promesas". A versión da máis recente das académicas arrinca, confesa, na interpretación da tese de doutoramento de Francisco Rodríguez, ao tempo que recolle ao marxista francés Alain Badiou: "El define o século XX como o século que pon en acto as promesas do XIX". Para Margarita Ledo, con todo, Rosalía resulta máis problemática que a simple operación de resituala no realismo social. "Como síntoma, é a negación onde ten lugar a muller con corpo, o pensamento problemático fronte ao poder", explica.

Do Cebreiro: "A denuncia do tópico en Rosalía vira, decote, en tópico"
"Nos billetes de 500 pesetas eran todos homes, e de súpeto aparece ela"
Más información
Unha muller do século

A poeta María do Cebreiro (Santiago, 1976) conecta coa lectura de Ledo, pero engade prevención. "Existe tamén unha tradición de denuncia do tópico rosaliano, máis antiga do que parece e que, decote, vira ela mesma en tópico". Segundo a escritora, que remata un ensaio -Fogar impronunciábel- no que, entre outros asuntos, postula novas olladas sobre a inquilina da Casa da Matanza. "Interésame a noción de síntoma", afonda, "que desvela o tópico das condicións históricas nas que se recibiron os seus textos".

Lo que más afecta es lo que sucede más cerca. Para no perderte nada, suscríbete.
Suscríbete

No coñecido limiar a Follas Novas -Iria Sobrino, no volume colectivo Rosalía 21, interpreta os prólogos aos dous libros en galego como "manifestos por unha cultura de resistencia"-, Rosalía procura contornar os seus lectores. "As multitudes dos nosos campos tardarán en ler estos versos, escritos a causa deles, pero só en certo modo para eles". A poeta subscribe, con case cen anos de adianto, o programa literario prescrito polo filósofo francés Gilles Deleuze: escríbese para lectores que aínda non existen. "Seguramente nunca existirán", apón María do Cebreiro, quen lembra que a poeta Chus Pato adoita adscribirse á palabra de orde rosaliana-delueziana.

"Rosalía ten unha virtude só á altura dos verdadeiros clásicos", reflexiona Yolanda Castaño, poeta, "a capacidade para reflectir o sistema de valores de quen a contempla ou le". Segundo Castaño (Santiago, 1977), unha das autoras máis lidas na última década, "De Castro funciona máis para unir que para separar, e esa é tamén unha das súas grandezas, mesmo mal que pese". E reclama, ao xeito de relato non patriarcal, unha denominación alternativa para a tríada do Rexurdimento: Eduardo, Manuel e De Castro.

Inma López Silva, que vén de publicar a novela Memoria das cidades sen luz, conta 30 anos, e así o especifica para describir a súa relación coa matriarca da literatura. "Eu si que lembro aquela sensación de santa que a envolvía", admite, "e para min foi unha descuberta saber que outra Rosalía era posíbel". Unha profesora de instituto abriulle o tótem a López Silva, que rescata "a muller feminista e crítica co seu tempo" en Rosalía e reivindica a narradora, a de El caballero de las botas azules (1867). Coincide María do Cebreiro: "A maneira de defendela do conservadurismo é lela; hai enormes zonas de sombra, por exemplo, as súas novelas".

Non unicamente sombra, senón tamén, a dicir de López Silva, ausencias. "A lectura machista do Romanticismo español, e tamén a lectura nacional española", argumenta, "producen que Rosalía sexa a grande ausente". "Todos estudamos, ao cabo, nos libros de Lázaro Carreter", conclúe. Na escola foi onde Iolanda Zúñiga (Vigo, 1975) coñeceu os poemas de Rosalía. A súa lectura cínxese á biografía da cabeceira central do Rexurdimento -con Cantares Gallegos 1863- e pescuda as marcas da vida na obra: as enfermidades, a morte dos fillos.

"Non sei se foi moderna ou irreverente, o que si sei é que foi valente", considera. Zúñiga fala de empatía cos desfavorecidos, da afouteza de "ser muller e escribir en galego naquela época". Pero a Rosalía que mellor identifica, asegura divertida, "é a dos billetes de 500 pesetas; todos os que aparecían no papel moeda eran homes e, de súpeto, unha muller".

Hai tres días facíanse 172 anos do nacemento da poeta. A Asociación de Escritores en Lingua Galega encargou a Teresa Moure a redacción do Manifesto en conmemoración do Día de Rosalía. Moure toma partido e coloca a Rosalía nas barricadas. "As formas poden variar mais, con toda probabilidade, seguirías estando nas barricadas", asegura o texto, que se aproxima ao socialrealismo como chave interpretativa: "Contigo aprendemos a ser elos dunha cadea, a non renegarmos, a recoñecermos que só sendo galegas e galegos podemos ser universais".

E, no entanto, Rosalía apréndelle aos lectores que a literatura non pode comprenderse en presente. Sobre esa tese, Do Cebreiro desfigura certas intervencións da esquerda institucional en Rosalía. "Darlle valor representacional á súa subxectividade é perigoso, problemático", di, "porque o que se ve en Rosalía é unha representación dalgo que está por constituír". A lectura da poeta deberá exceder a clave social: "Cómpre lela en clave do político, mesmo do histórico", finaliza.

Regístrate gratis para seguir leyendo

Si tienes cuenta en EL PAÍS, puedes utilizarla para identificarte
_

Archivado En

Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
_
_