A outra guerra perdida
Os grandes escritores de Rianxo agardan por un proxecto na súa vila natal
"É a praza normal, non?" A praza pola que se pregunta, nunha entidade bancaria, é a Praza Castelao de Rianxo. Nunha das súas saídas, a Rúa de Abaixo, viviron Castelao -á volta de América, na primeira mocidade-, Manuel Antonio -que marchou a Padrón sendo crianza- e Dieste, a maior parte da vida.
As de Manuel Antonio e Dieste son propiedade do Concello. Teñen placa pero están pechadas. A de Castelao, no número 42, é aínda propiedade de Xavier Baltar, neto de Ángel Baltar, amigo da alma de Castelao, porque así o testou Teresa Rodríguez Castelao (1899-2000), a última das irmás. Foi a familia Baltar quen posibilitou que a casa non fose espoliada en 1936, e quen axudou a Josefina e Teresa, abandonadas por case todos -ou todos, como subliñan algúns dos consultados- durante os anos máis duros do franquismo.
"Artellar unha boa iniciativa museográfica sería fundamental"
A súa casa permanece pechada dende a morte da súa irmá Teresa
"Eu o que lamento é que me chamen do ensino moitos profesores interesados en visitar o Museo Castelao de Rianxo, porque lles teño que dicir que non hai", di Fernando Lavandeira, técnico de Cultura na vila desde 1988. "Artellar as tres casas arredor dun bo proxecto museográfico, máis alá da venda turística, sería un recurso fundamental para Rianxo".
O problema agora é a casa de Castelao, pechada desde a morte de Teresa. "O Concello e a Fundación Castelao dixémoslle a Baltar que puxera prezo. Nós hai anos ofrecímoslle 72.000 euros. Hai ano e medio, o banco taxou o inmoble en 200.000 euros [o concello mercou as casas de Dieste e Manuel Antonio por 240.000 e 300.000 nos dous últimos anos]". O alcalde rianxeiro, que critica a suposta "patrimonialización" de Castelao por parte do BNG, gaba a "sensibilidade de Madrid", e critica á Consellería. "Cantos anos hai que morreu Castelao? Cultura leva traballando tres anos e durante os dous primeiros non moveu palla para declarar a casa Ben de Interese Cultural", di o socialista Pedro Piñeiro.
O alcalde afirma que o obxectivo do Concello é "facer un proxecto museístico cun centro nodal no Pazo de Martelo [actual biblioteca]. De momento actuamos nas casas de Manuel Antonio e Dieste". Entre 2006 e 2008, o Concello recibiu máis de un millón de euros para ese fin. O do proxecto museístico xa viña de antes, segundo Xosé Luís Axeitos: "En 2003 o alcalde encargounos un proxecto museolóxico das tres casas a Alonso Montero, a Díaz Pardo e a min, e fixémolo". Aquel proxecto chamouse Academia Literaria de Rianxo. As claves pasaban por centralizar os estudos dos tres escritores rianxeiros e, máis alá, converterse nunha das referencias estatais no estudo do exilio. A Fundación Casares deseñou despois un plan director, pero a idea esmoreceu. "E aínda lle mercamos a casa de Dieste a uns sobriños políticos de Carmen Muñoz [muller de Dieste] que non eran nin herdeiros", lamenta un rianxeiro vencellado á cultura local, que fala dun legado pictórico "moi superior ao valor da casa de Dieste".
"O alcalde é demasiado personalista", critica o concelleiro do BNG Adolfo Muíños, que pecha filas na declaración urbanística que impide a venda para uso residencial da antiga casa de Teresa Castelao (xa sometida a alegacións por parte do actual propietario). Para José Ramón Vázquez (PP), "as casas dos ilustres rianxeiros deben pertencer a Rianxo, pero non se lle pode facer unha primeira peritación de 12 millóns das antigas pesetas á casa de Xavier Baltar".
Por parte da Consellería de Cultura, que remarca que os trámites para declarar BIC a casa de Castelao "comezaron en xullo de 2006", pedíronselle informes á Real Academia de Belas Artes, ao Consello da Cultura e á Universidade compostelá. Se as tres responden favorablemente, como é o previsible, comezará o proceso. O máis probable é que a declaración se amplíe ás casas de Dieste e Manuel Antonio, como pediu tamén o concello. Se o procedemento non se dilata, Baltar terá que abrir a casa, que seguirá sendo súa, para catalogala.
"Ás veces parece que o obxectivo non é protexer o legado de Castelao, senón deixarme sen a casa", di Xavier Baltar. "Eu son un paciente sufridor, non belixerante", considera, e asegura estar reunindo apoios para crear "unha fundación sólida". Entre as instrucións de Teresa Castelao, asegura, unha delas foi "non unir as casas".
A Fundación Castelao, reducida desde 1984 a un local de 20 metros cadrados, na compostelá Rúa do Hórreo, acaba de recibir 300.000 euros de Cultura para inventariar e catalogar a obra esparexida. "Tamén Rosalía ordenou que queimasen toda a súa obra", di Miguel Anxo Seixas, vicepresidente da Fundación "dos derrotados e espoliados". Cal é o valor da casa de Rianxo? "Cultural e economicamente, sería transcendente para Rianxo", resume. A crítica de Seixas a Baltar porén, é que "nin ata nin desata". "Castelao segue perdendo a guerra", lamenta. "O que cómpre é un esforzo de xenerosidade".
Tu suscripción se está usando en otro dispositivo
¿Quieres añadir otro usuario a tu suscripción?
Si continúas leyendo en este dispositivo, no se podrá leer en el otro.
FlechaTu suscripción se está usando en otro dispositivo y solo puedes acceder a EL PAÍS desde un dispositivo a la vez.
Si quieres compartir tu cuenta, cambia tu suscripción a la modalidad Premium, así podrás añadir otro usuario. Cada uno accederá con su propia cuenta de email, lo que os permitirá personalizar vuestra experiencia en EL PAÍS.
En el caso de no saber quién está usando tu cuenta, te recomendamos cambiar tu contraseña aquí.
Si decides continuar compartiendo tu cuenta, este mensaje se mostrará en tu dispositivo y en el de la otra persona que está usando tu cuenta de forma indefinida, afectando a tu experiencia de lectura. Puedes consultar aquí los términos y condiciones de la suscripción digital.