_
_
_
_
GROUCHOS | Luces
Columna
Artículos estrictamente de opinión que responden al estilo propio del autor. Estos textos de opinión han de basarse en datos verificados y ser respetuosos con las personas aunque se critiquen sus actos. Todas las columnas de opinión de personas ajenas a la Redacción de EL PAÍS llevarán, tras la última línea, un pie de autor —por conocido que éste sea— donde se indique el cargo, título, militancia política (en su caso) u ocupación principal, o la que esté o estuvo relacionada con el tema abordado

Miña nai e o segundo manifesto

Manuel Rivas

Os circos concéntricos foron talvez a primeira escrita de Galicia, a carón dos labirintos e das representacións de cervos. Digo escrita porque sen dúbida son signos que contan un relato en pedra, con punzón de sílex no caderno aberto, á intemperie, do granito. Calendarios astrais, topografías, grafitis animistas ou ideogramas animados? Os arqueólogos debaten sobre o significado destes petroglifos que se sitúan na chamada prehistoria humana, mais constitúen un período maxistral na historia da liña. O que podemos dicir con seguridade é que os autores eran bos calígrafos, no sentido de ter unha "boa letra", unha vontade de estilo, un dominio do trazo, no que o formidábel é a extrema sinxeleza que contén infinda información.

Os circos concéntricos dos petroglifos permiten un ollar ensanchado do que a realidade é

Así é o trazo da boca da nai.

Non podo reproducir anacos dos soliloquios da miña nai. Por suposto, só falaba soa cando estaba soa ou nunha paisaxe humana da máxima confianza. Mais de cando en vez o rumor da corrente de conciencia (o seu stream of consciouness) da miña nai subía de ton, acelerábase, mesmo desdobrábase ou multiplicábase en voces diferentes. Iso ocorría moito nos lugares da auga. No lavadoiro da cociña, que era onde eu coincidía co meu traballo escolar, por estar alí a mesa máis útil, e no lavadoiro da roupa, ben no río veciñal ou ben no que acabaría construíndo meu pai a carón do pozo máis caprichoso da contorna, no que profundou ano tras ano. Meu pai retomaba sempre o traballo no verán, cando o pozo secaba. Até que atopaba outro daqueles "falsos mananciais". Así, até que chegou aos quince metros, cando a súa figura desaparecía no escuro, e considerou que talvez chegara a un final. Tocara o alzheimer da auga. A historia daquel pozo era a dun fracaso. Construíra un baleiro. Mais tamén construíra un desexo. Sempre me acheguei a ese pozo con mágoa e resentimento. Mais agora tamén o vexo como a boca da literatura. Vexo meu pai cavando silandeiro, ou dinamitando as pedras e a lingua con xuramentos, á procura da súa propia corrente.

No cano de auga da cociña, nese accionar xiratorio das mans na vaixela, ou no movemento de lavar no río, miña nai fala soa e en vilo. Murmura, comparte confidencias con seres invisíbeis, responde con xenio ou retranca a algún interrogatorio. Nalgún caso, sería moi interesante coñecer o interlocutor. Nunca foi violenta, era educada, doce no falar. Mais eu lémbroa nalgunha oficina oficial, cansa do mal trato, xurar que volvería cunha pedra na man como María Pita. Ben. Aquí temos a miña nai a falar soa. O seu rostro muda. Acalórase, ri, os seus ollos vólvense atmosféricos. Escintilan, tóldanse, lostregan, fican nunha suspensión neboenta. E todo iso está conectado coas palabras. Levanto a vista do caderno ou do libro e míroa de esguello, perturbado e marabillado a un tempo, sen atreverme a interromper. Non podo lembrar o que dicía, seguramente porque daquela eu estaba máis atento e preocupado polo fenómeno da expresión que polo que expresaba. Teño un recordo de retallos, de linguaxe en doas, que avanza e retrocede como no xogo da oca, que se expande e contrae, vira e vira.

Podería dicir que miña nai levaba a corrente da conciencia por fóra. Que se lle vía. En Corpo de rei, Pierre Michon recolle un anaco de Absalón, absalón!, de Faulkner. Falan dous mortos, Wash Jones e o coronel Sutpen, coñecido como O Demo. Foi Jones quen matou ao coronel, o seu amigo e amo, e despois morreu el. "Que foi iso Wash? Pasou algo. Qué foi? E Jones mirando o demo, a titubear tamén, sobrio tamén, contestaría: 'Eu qué sei, coronel. ¿O vento?', vixiándose os dous. Despois a sombra esvaeríase, o vento calmaría, e Jones acabaría por dicir, sereno, nin sequera triunfante: 'Vai ser quizais que nos mataron; pero aínda non acabaron connosco, ¿va que non?". Michon fai unha proclama inhabitual dende a crítica, radicalmente gozosa, dun goce incondicional: "Un deses anacos da historia das letras onde o que case fala é a inconcebíbel boca da Literatura en persoa". E pregúntase: "Cómo se fai algo así?".

Cando fun lendo William Faulkner, Samuel Beckett, Virginia Woolf, James Joyce, Juan Rulfo, Bohumil Hrabal ou a Saga / fuga de Torrente Ballester, mesmo diante d' A terra baldía, de T. S. Eliot, tiven a estraña sensación de que había unha boca que me axudaba. De que ao lelos, oía eses textos. Había que deixarse levar como na danza: D'aqueles puntos / que fan agora / de afora adentro / de adentro afora!

Hai anos, un amigo de Vimianzo, Roberto Mouzo, que é un amador do manuscrito da terra, pasoume unha serie de reproducións en papel dos petroglifos da Costa da Morte, nos que destacan os agrupamentos de circos concéntricos. Aqueles gráficos estiveron na mesa de traballo moito tempo, dando voltas arredor de min. Así que un día reparei neles. Tiña diante un cuestionario e tiña que escribir sobre os lindes da ficción e a verdade, a imaxinación e a experiencia, a literatura e a realidade. Estaba tan aborrecido como insatisfeito. Mais alí estaba a vangarda dos circos concéntricos a explicalo todo.

Fronte á concepción reducionista do que é real, que mesmo chega a confundirse coa pegañenta actualidade da primeira plana ou dos cabezallos informativos, os circos concéntricos dos petroglifos permítennos un ollar ensanchado do que a realidade é: un ser en expansión, sen lindes, que inclúe as dimensións da memoria e da imaxinación, das lendas e dos soños, e tamén do subconsciente, do oculto, do que existe en potencia ou do descoñecido.

Na escrita, o punto de arrinque, o punto onde apoia a esfera, e que avanza como un fogar nómade, só podía ser o mesmo lugar que o circo central, o primeiro circo, nos circos concéntricos. O punto de partida da expansión petrográfica solápase co punto de arrinque da escrita. Non hai dúbida. Os milenarios circos concéntricos da Terra de Soneira ou de Campo Lameiro din o mesmo que o segundo manifesto surrealista (1930): "Todo leva a crer que existe un certo punto onde a vida e a morte, o real e o imaxinario, o comunicábel e o incomunicábel, o alto e o baixo, cesan de ser percibidos contraditoriamente. E é inútil que se atribúa á actividade surrealista outro móbil que a esperanza de atopar ese punto".

Ese espazo onde conviven os antónimos é a boca da literatura. A fonte da enerxía que a move pode ser o desexo ou pode ser a dor. Ou unha fusión de desexo e dor. Eu coñecín axiña esa boca. Mais non sabía que aparecía descrita no segundo manifesto surrealista. Daquela era, nin máis nin menos, que a boca de miña nai a falar soa.

Tu suscripción se está usando en otro dispositivo

¿Quieres añadir otro usuario a tu suscripción?

Si continúas leyendo en este dispositivo, no se podrá leer en el otro.

¿Por qué estás viendo esto?

Flecha

Tu suscripción se está usando en otro dispositivo y solo puedes acceder a EL PAÍS desde un dispositivo a la vez.

Si quieres compartir tu cuenta, cambia tu suscripción a la modalidad Premium, así podrás añadir otro usuario. Cada uno accederá con su propia cuenta de email, lo que os permitirá personalizar vuestra experiencia en EL PAÍS.

En el caso de no saber quién está usando tu cuenta, te recomendamos cambiar tu contraseña aquí.

Si decides continuar compartiendo tu cuenta, este mensaje se mostrará en tu dispositivo y en el de la otra persona que está usando tu cuenta de forma indefinida, afectando a tu experiencia de lectura. Puedes consultar aquí los términos y condiciones de la suscripción digital.

Archivado En

Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
_
_