_
_
_
_
_
Reportaje:DO TRINQUE | LUCES

O talento está na peza curta

Concursos que promoven falsos tráilers, videocreacións e micropelículas descobren a creatividade dos realizadores máis novos

Videoclips, falsos tráilers, videocreacións ou micromovies. As curtametraxes xa quedaron demasiado longas, agora é o momento da peza aínda mais curta. Aguilloados pola aparición de varios concursos orixinais, os realizadores máis novos veñen cargados de talento e mostran como carta de presentación unha imaxinación desbordante.

O concurso mais participativo que naceu ultimamente en Galicia é, sen dúbida, Curtas na Rede, un certame en Internet de pezas inéditas de duración inferior a cinco minutos, promovido pola Dirección Xeral de Comunicación Audiovisual. O éxito da convocatoria da primeira edición sorprendeu incluso ós propios organizadores. Na última edición presentáronse case un cento de pezas curtas, das cales unhas 25 son micromovies (pezas feitas con teléfono móbil). Aínda que o fallo da presente edición non se fixo público, este festival premiou o pasado ano a Pablo Millán, un arousán criado en Teo, que coa súa peza O conxuro ten paseado por festivais de medio mundo. "En principio, eu fixen a peza só para o concurso, porque me parecía un bo escaparate, pero non contaba que fose ter o éxito que tivo", declara Millán. Esta obra, que mestura realidade con técnicas de animación, e que fixo en tres meses na súa habitación, levou premios en Manchester ou Kawasaki (Xapón), ademais de ser seleccionada en festivais de cidades tan dispares como Boston ou Houston, Ankara ou Bucarest. "A min gústame moito o Curtas na Rede porque reparte moitos premios e non é elitista. Creo que esa é a clave de promover a participación", opina Millán, que agora está experimentando coa videocreación e coa animación.

Se Curtas na Rede é un dos novos festivais de pezas curtas con máis éxito de participación, seguramente o mais enxeñoso sexa o Premio Lente negra de tráilers falsos que organiza a Fundación Luis Seoane da Coruña. "Un día na televisión puxeron varios tráilers seguidos, e despois de consultar en Internet, vimos que non había ningún festival. Comenteillo á directora, Silvia Longueira, e animoume coa idea", explica Antón Lezcano, ideólogo do concurso e coordinador das animadas Seoane Sessions, que teñen lugar no verán no patio da Fundación.

Malia que os concursos de tráilers non existían, e os realizadores tiveron que facelos ex profeso, o certame foi un éxito e presentáronse 30 tráilers inéditos, dunha duración inferior ós tres minutos. O xurado elixiu gañador ó adianto da inexistente película Huida a Tijuana 2, unha disparatada peza de minuto e medio, que podería colar perfectamente por un tráiler dun filme con xenuino sabor tex mex. "Gravouse en tres horas, usando dous planos", explica sen arrubiarse o seu director, o coruñés Jorge Saavedra. "En vez de contar unha película nun tráiler, o que fixemos foi facer un chiste parodiando os tráilers de verdade", di. Para Saavedra, este concurso resultou "unha boa idea, sobre todo porque foi moi divertido rodar o tráiler, e máis aínda levar o premio". De momento só foi exhibida en pases reducidos, pero o director anuncia que, en breve, a vai colgar na rede.

Ademais de Curtas na Rede e Lente negra, outra das convocatorias que naceron o pasado ano e están a ter unha grande acollida entre os realizadores novos é o certame GZ Crea, que organiza a Dirección Xeral de Xuventude. O concurso promove ós novos creadores menores de 30 anos en varias disciplinas, entre elas a de creación audiovisual, unha das mais concorridas. Nesta edición, da que en breve se coñecerá o gañador, presentáronse 25 pezas curtas inéditas que van desde a animación á videocreación pasando polo documental. Na última edición, o premio recaeu na peza experimental Paralelo, dirixida por Yanira Heredia e Guillermo Maceiras. A partir dun arriscado planeamento, a obra narra, sen diálogos e con moito protagonismo para a música, as vidas paralelas dun home e unha muller. O traballo proxectouse esta semana en Madrid e anteriormente exhibiuse no Instituto Cervantes en Berlín. Malia todo, Maceiras cre que "hai unha falta de mercado e de circuito para o audiovisual que experimenta, e o problema acaba sendo a distribución". Polo premio GZ Crea correspondéronlle 3.000 euros, pero Maceiras ten claro que preferiría "gañar a metade do premio e que se promoveran mais experiencias como a de Berlín, cun coloquio enriquecedor".

Os concursos e, sobre todo, os seus premios, promoven o talento e aguilloan o enxeño, pero como ben lembra o realizador Jorge Saavedra, todo parte dunha premisa básica: "Ter unha cámara e un par de amigos".

Lo que más afecta es lo que sucede más cerca. Para no perderte nada, suscríbete.
Suscríbete

Regístrate gratis para seguir leyendo

Si tienes cuenta en EL PAÍS, puedes utilizarla para identificarte
_

Archivado En

Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
_
_