A Galicia libertaria e Monte Alto-Art
E foi entón cando Perla Torreiro, 70 anos despois, baixou as escaleiras a brincos, como cando era nena. O pelo branco, cando o pelo é tan branco que se volve unha cor alegre, xuvenil.
- Xa era hora!
Ela naceu na rúa da Liberdade cando se chamaba rúa da Liberdade. Unha das primeiras medidas coa nomenclatura urbana por parte das autoridades fascistas foi ordenar o cambio de rúa da Liberdade por rúa da Disciplina. Tíñanlle ganas a Monte Alto. Porque a xente que nacía na rúa da Liberdade levaba ese nome calado até os ósos. Perla Torreiro criouse nesa rúa. Un dos días de terror viñeron e cambiaron a placa. Saña mesmo cos nomes. As cartas que levaban o nome de Liberdade eran devoltas.
O pasado venres, día 29, Perla Torreiro oíu un rumor de comitiva festeira na rúa. Estaba a preparar a cea. Mirou pola xanela. Había xente de todas as idades. Ocuparon a encrucillada. E entón Perla viu como un mozo subía unha escada, colocaba unha placa e tapaba a de Disciplina. Alí estaba o nome da súa rúa. O nome roubado. Perla Torreiro, nacida en 1929, nunca falara por un megáfono. O outro día, con 78 anos, pediuno e falou fóra de programa. Foi como se falara o lugar. Un pestanexar de xanelas. A palpitación dos vellos números nos portais. Estabamos en Liberdade, a carón de Igualdade.
A Comisión para a Recuperación da Memoria organizou un roteiro marcha por lugares e casas significados deste barrio coruñés, de tradición anarquista. Se A Coruña, nas súas orixes, foi un burgo de veciños libres, non sometido a vasalaxe eclesiástica ou feudal, a xente que se asentaba no monte ou lugar do Faro, era da procedencia máis humilde e da estirpe máis indómita. Á historia do Monte Alto íalle ben de banda sonora o fado da "estraña forma de vida" e o "corazón independente".
Unha táctica de guerra do imperio romano, cando á fin conquistaban o lugar rebelde, era decimar a poboación. Iso fíxose no Monte Alto e noutros barrios coruñeses como A Silva ou Santa Lucía. O Monte Alto cos seus ateneos de cultura popular. Os mozos da Xeración Consciente, das Xuventudes Libertarias, que entendían que había que "armarse" con libros. Onde vivían as impulsoras de Mulleres Li
bres. Os lugares do martirio foron os chamados Campo da Rata e Punta Herminia, no treito que vai de San Amaro á Torre. Naquelas calas e penedos era onde se bañaban os primeiros nudistas coruñeses. Os Pelamios, o Club do Mar, a praia das Cunchas, os penedos lendarios como O Cabalo das Praderías, eran espazos de lecer. Naqueles eidos, onde hoxe cae a urbanización de Durmideiras, íase construír unha cidade-xardín, con mil vivendas para traballadores, seguindo o modelo do Campo Volante ou Campo de Marte, que naceu como cooperativa obreira e que segue a ser modelo fronte á barbarie urbanística.
Esas e outras páxinas arrincadas da historia explicounas moi ben, in situ, o arquitecto Xosé Luís Martínez, o mellor coñecedor do libro da cidade. O impulsor destas vilas obreiras, con parque natural e dotación escolar, foi o socialista e concelleiro Ramón Maseda, asasinado o 31 de agosto de 1936, co alcalde Suárez Ferrín e con Martín Martínez, secretario do concello coruñés e vocal da Liga Española de Dereitos do Home. O ano 1937 foi especialmente cruel, coa caída de "casas anarquistas". Como estudou Carme Blanco, nun traballo editado pola CNT, as mulleres anarquistas do Monte Alto foron trabe da resistencia.
Esas casas foron agora recordadas. Re-visitadas. Outro intre emotivo foi o que se viviu diante da casa dos Villaverde, na rúa Marconi. Alí falou un bisneto do histórico líder da CNT galega, José Villaverde. Era tal o seu carisma que, no cárcere, as autoridades franquistas déronlle a escoller: ou ser un xefe sindical do "novo Estado" ou a morte. Sabemos a resposta: foi asasinado naquel verán do 36. Da casa só queda o oco. Mais Villaverde deixou unha propiedade importante. A que custodia a súa filla Mariquiña. A maleta de Villaverde. Carpinteiro de profesión, traballaba de listeiro no camiño de ferro. Tivo a intuición de gardar esa maleta, con documentación imprescindíbel para coñecer aquel tempo. Esa maleta andou de obra en obra, pola Coruña, agochada por traballadores. Pasaron os anos e volveu ás mans da filla. Na maleta estaba a foto dos bañistas da Xeración Consciente, a ler na beiramar Tierra y libertad.
A DENUNCIA DO PRECARIO
O barrio non perdeu o espírito. Tivo un papel exemplar no movemento veciñal contra o franquismo e a primeira conquista da asociación foi unha biblioteca no Campo Volante. E hai que lembrar o papel do ateneo Mil Lúas, pechado por indefensión burocrática, que tivo moito que ver no actual renacer do barrio. A marcha roteiro polos lugares libertarios non era a primeira que percorreu Monte Alto. Pola contra. O xeito de estar en Monte Alto é o "andar a pé", o facer dos desprazamentos, das rúas, unha experiencia. En pedante, unha perfomance. O barrio está a converterse nun grande obradoiro de expresións creativas. Os alugueres son algo máis económicos que noutras partes da Coruña, mais hai que subir as escaleiras das casas vellas sen elevador. Tampouco está á marxe da presión especulativa, pero mantén a personalidade. Alí está o coro máis antigo de Galicia, o Cantigas da Terra, participando nos actos da memoria libertaria. Históricos bares e cafés, onde andaron os membros de Renacimento e Pensamento e Acción, en alternancia xeográfica con novísimos pubs onde atopar os herdeiros da Antorcha Galaica do Librepensamento.
Ao día seguinte do roteiro da Memoria, o día 30, celebrouse a Gran Marcha Queer das Maribolheras Precárias. Un xeito diferente de celebrar o chamado Día do Orgullo Gay. O vencello entre a liberación sexual e a denuncia do precario, que domina as condicións laborais, o acceso á vivenda, o medio ambiente. Lemas e retrousos houbo moitos. Berrouse, por exemplo: "Pracer anal contra o Capital!" ou "Fóra as vosas leis dos nosos corpos!". Alí estaba o espírito dos entroidos de Monte Alto. Hai fíos de vida, a comitiva de Dioniso, que nunca se perden. Nesta ocasión, o deus festeiro era García, o cantante rapeiro de Dios Ke Te Krew. Un memorábel celebrante. Extraordinaria a súa versión en hip hop de Lingua proletaria do meu pobo. O Monte Alto de hoxe vai collendo a fasquía, no mellor sentido, do que foi no seu tempo o Barrio Latino de París, sen perder a alma popular. Monte Alto-Art. Que ben lle vén ao clima atlántico a rebeldía con alegría!
Tu suscripción se está usando en otro dispositivo
¿Quieres añadir otro usuario a tu suscripción?
Si continúas leyendo en este dispositivo, no se podrá leer en el otro.
FlechaTu suscripción se está usando en otro dispositivo y solo puedes acceder a EL PAÍS desde un dispositivo a la vez.
Si quieres compartir tu cuenta, cambia tu suscripción a la modalidad Premium, así podrás añadir otro usuario. Cada uno accederá con su propia cuenta de email, lo que os permitirá personalizar vuestra experiencia en EL PAÍS.
En el caso de no saber quién está usando tu cuenta, te recomendamos cambiar tu contraseña aquí.
Si decides continuar compartiendo tu cuenta, este mensaje se mostrará en tu dispositivo y en el de la otra persona que está usando tu cuenta de forma indefinida, afectando a tu experiencia de lectura. Puedes consultar aquí los términos y condiciones de la suscripción digital.