_
_
_
_
Reportaje:DESEÑOS DE FUTURO | LUCES

O negocio de revisar os símbolos

O proceso de alfabetización audiovisual e a fenda dixital lastran aínda a reinterpretación da iconografía do país, desde as camisolas de tendencia ao entorno web

Os trisqueis son visibles nos adubíos dos galegos desde finais dos 70, pero a substitución simbólica comezou cando Antón Lezcano, dono da marca coruñesa Nicetrip, chegou ao estadio Santiago Bernabéu con 200 bandeiras galegas cunha vaca dentro. Foi en 2002, cando o Deportivo gañou a Supercopa no centenario do Real Madrid, e falamos de roupa.

Dous anos despois había unha ducia de marcas facturando niques de tendencia, a maioría con motivos galegos. Hoxe sobreviven Bonitacamiseta.com, de Marta Villoslada e Miguel Rey (Yo también soy de buena familia é unha das súas frases máis recoñecibles), Rei Zentolo (os da Rosalía warholiana) e a división téxtil dos Aduaneiros sem fronteiras. Fernando Lema, o creador de Once Varas (as camisolas que ironizaban coa meteoroloxía compostelá), compaxina agora o deseño gráfico coa rexencia dunha tenda (de moda urbana).

Más información
"Non sei se fago arte urbana"

Este diario xuntou no Casino de Santiago a Lema, Berto Yáñez, creador de Chuza.org e cofundador de Aduaneiros con Pancho Lapeña, Pánchez, e Xosé Miranda, un dos tres socios de Rei Zentolo, para falar de deseño gráfico galego partindo das camisolas. Pánchez e Lezcano puntualizan vía telefónica. Empeza Miranda.

"Púxenme a isto despois dun ano horrible na hostalería", di. En 2003 comezaron a estampar camisetas con motivos galegos. "Dalgún xeito queriamos renovar a iconografía do país, romper con esa merda de discurso da obra única".

Aínda que coñecían o que odiaban (paisaxes mariñas, esculturas de granito), Miranda convén que o resultado acabou sendo "máis publicitario que artístico". "Queriamos facer unha arte social, pero eu relacionábao máis con algo artístico que co deseño gráfico". O primeiro éxito de Rei Zentolo foron as camisolas cos Little Green Hot Peppers from Padron. A aceptación chegou coa Rosalía coreada, que chegou aos armarios dalgunhas deputadas. "Ao primeiro pensamos que había que ir con tino". "Pasounos que xente de máis de 40 anos non entendía imaxes comprensibles para un neno pequeno". Os deseños de Rei Zentolo véndense agora "en 70 tendas de Galiza e unhas 20 ou 30" no resto do Estado. En 2006, segundo asegura Miranda, Rei Zentolo facturou 500.000 euros, .

Máis alá da perspectiva de negocio, Pánchez e Berto Yáñez fundaron en 2004 o weblog aduaneiros sem fronteiras na idea de "coller un elemento visual e darlle unha volta ás malas". A licenza Creative Commons na que traballan redúcelles moito o mercado (a conectividade no país aínda non superou o 30%), pero permitiu a expansión dos seus deseños Santa Compaña ou Turismo Rural: Sei o que fizestes aos meus repolos.

E tamén a dos que ficaron na web. A división téxtil de Aduaneiros, con 18 deseños, non inclúe os celebrados Reviraboiras (con Moncho Reboiras como Bruce Lee sobre unha bandeira vermella da UPG) ou o Mata os teus ídolos sobre o rostro de Castelao en tinta vermella. "Non nos pareceu que a imaxe de Castelao desangrándose fose demasiado comercial", sinala Yáñez. "Houbo post de xente que dicía que non o entendía antes de pensalo".

Aquí Pánchez signifícase: " A masa popular á que habería que ilustrar é a que merca camisolas de mediocre deseño, e por iso os números dos mediocres son máis altos". "No que son deseño e formas populares, Galiza ten unha iconografía xigantesca. Non estamos atrasados no deseño, pero si na adaptación do noso deseño á cultura anglosaxona... Mais nese sentido é un erro facelo", afirma. "O estudio das formas autóctonas de Díaz Pardo está aí... Dalgún xeito existe un deseño propio galego que nós intentamos plasmar desde unha óptica contemporánea. O mal do deseño galego é que non está preparado para asumir que hai un deseño galego".

Lapeña critica a dimensión do Fondo Documental do Deseño Gráfico Galego que organizou o concello pontevedrés "cando" -opina- "debera partir da Xunta". Sobre a procura "do modelo de fóra", exemplifica: "O novo logotipo do Xacobeo é o do Hiperxel cambiado de posición". "Aínda coaba se fose unha empresa finlandesa, pero así...".

Sobre un posible atraso ou falta de gusto en Galiza, como criticaron hai anos Raúl Marinho e Álvaro Valiño, entroutros deseñadores que alternan Galiza e a emigración, cadaquén fala desde o seu ámbito. Fernando Lema, que en 2003 apostou os 1.000 euros que tiña aforrados en rexistrar Once Varas (con modelos tan recorrentes como Chuzos de Punta, Nubes Baixas ou Kucukurutxu, sátira da marca vasca Kukuxumusu, que conseguiu exportar as súas vacas serigrafiadas a Galiza), é bastante escéptico ao respecto: "Ata que pasen dúas xeracións, haberá que inventar sobre terra virxe. Se vas a Londres e traes un produto que aquí non funciona é porque faltan os pasos previos".

Desde o entorno web, Yáñez lembra que, ademais da cultura audiovisual, hai unha cultura que se pode cliquear. "A vantaxe da web é que non é un deseño pechado". O paradoxo xungue aquí un proceso xeral, a alfabetización audiovisual, coa fenda dixital. O inventor de Chuza, ao que lle encargan cada vez máis cousas, charlas incluídas, fala dun "lavado de cara" da Internet galega no plano institucional, con lousas que requerirían un maior grao de especialización. "Algo tan básico como axudas para que a xente se conecte, aínda que non constitúan empresa". Fóra diso, para Yáñez a implantación de novas tendencias [un proxecto no ronsel da Web 2.0 como Chuza naceu cun só mes de paralaxe con respecto a Cataluña] na Internet galega está funcionando, segundo afirma, "como se o 60% dos galegos tivese acceso á Rede".

A práctica por diante da teoría seguirá sendo durante un tempo a vantaxe da Rede. "Nós temos galería onde queiramos", di Lema, que aínda conserva os seus esprais. Zizek seguirá facendo chistes coa posibilidade dun Lenin ciberespacial, pero a operatividade social do soporte haberá que medila cando as conexións aumenten.

A publicidade

"Fundei Nicetrip porque había un gran baleiro no deseño de niques", di Antón Lezcano. "Galiza era só celta". "Agora o problema é a banalización dos símbolos". A idea actual do creador da bandeira da vaca é ir "un pouco por diante". Non distribúe fóra da tenda, pero segue deseñando e organiza accións publicitarias e algunha performance.

"Aquí chaman para encargarche o deseño dunha idea corporativa, dis o prezo e moitos colgan", sinala. O salto xeracional entre deseñadores afiunzados (Barro, Permuy ou Díaz) e o que el denomina "clase obreira" é "enorme". "Non é que a xente non encargue deseño. Simplemente contratan a un tipo que saiba de Coreldraw. Aos rapaces dálles pola arte urbana e polo deseño máis activista por conciencia, pero tamén porque non poden acceder a un estudio, nin traballar para os consagrados".

A fenda (audiovisual) está presente se falamos da publicidade, un dos principais alimentos dos deseñadores. "Non hai ningunha empresa punteira en Galiza facendo publicidade", afirma Lezcano. "En parte porque non hai clientes que contraten publicidade boa. Aquí é sota, cabalo, rei e faino o meu fillo, que ten un ordenador".

Tu suscripción se está usando en otro dispositivo

¿Quieres añadir otro usuario a tu suscripción?

Si continúas leyendo en este dispositivo, no se podrá leer en el otro.

¿Por qué estás viendo esto?

Flecha

Tu suscripción se está usando en otro dispositivo y solo puedes acceder a EL PAÍS desde un dispositivo a la vez.

Si quieres compartir tu cuenta, cambia tu suscripción a la modalidad Premium, así podrás añadir otro usuario. Cada uno accederá con su propia cuenta de email, lo que os permitirá personalizar vuestra experiencia en EL PAÍS.

¿Tienes una suscripción de empresa? Accede aquí para contratar más cuentas.

En el caso de no saber quién está usando tu cuenta, te recomendamos cambiar tu contraseña aquí.

Si decides continuar compartiendo tu cuenta, este mensaje se mostrará en tu dispositivo y en el de la otra persona que está usando tu cuenta de forma indefinida, afectando a tu experiencia de lectura. Puedes consultar aquí los términos y condiciones de la suscripción digital.

Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
_
_