As letras máis novas
A literatura infantil convértese no producto editorial que mellor exporta Galicia
Pode haber diagnósticos para tódolos gustos sobre o estado da literatura galega, pero é moi doado atopar unanimidade sobre unha cuestión: o vizoso momento das letras infantís e xuvenís. Partindo dun estado de semiclandestinidade, en a penas 15 anos, a literatura dedicada a nenos e mozos avanzou ata converterse no producto maís rendible para as editoriais galegas.
"A pesar de nacer moi tarde, a nosa literatura está á altura de calquera en Europa"
A pesar de ser das últimas incorporacións ó universo da cultura galega, é tamén un dos seus mundos máis consolidados. En a penas cen anos de existencia (case a metade deles na práctica clandestinidade) a literatura infantil e xuvenil galega non soamente ten unha magnífica proxección exterior, senón que -e este é o aspecto diferencial- é a máis consumida en Galicia, con diferencia. Todo iso non quita que siga a ter unha consideración, en certa forma, un tanto subalterna.
Polas casas da cultura dalgúns dos máis pequenos concellos da Coruña xirará ata o verán Un século de literatura infantil en galego, unha montaxe que recolle nunha ducia de paneis a historia dese ascenso tan meritorio como discreto. "É un intento de facer visible un xénero agachado que moven os rapaces e non os adultos, e que é unha da actividades culturais máis normalizadas do país", asegura a súa comisaria, Pilar Sampedro, que considera que a literatura infantil "só se produce cando os pobos están preparados para considerar ós nenos como destinatarios de productos culturais A pesar de nacer moi tarde, a nosa literatura está á altura de calquera en Europa".
A montaxe comeza con Os fundadores (1897-1949) e parte de Fábulas Galaico-Castellanas? o primeiro libro en galego que se considera feito específicamente para nenos, de Amador Montenegro Saavedra, o director do semanario A Monteira. Neste apartado inclúense aquelas primeiras obras de fins do XIX que xurdiron coa corrente de gusto pola tradición e o sentimento popular que percorreu Europa case cen anos antes. Tamén aquelas que, xa no século XX, pulou o primeiro galeguismo, con finalidade didáctica e moita influencia da tradición oral. "Os da Xeración Nós eran moi conscientes da importancia dos libros para a infancia e escolares e centráronse neles máis do que se pensa", asegura o coordinador da mostra Gustavo Adolfo Garrido, que pon de exemplo O rei avarento (1921), de Vicente Risco. Hai outras curiosidades, como Margarida a da sorrisa d'aurora (1927), un conto de Evaristo Correa Calderón que debeu ser o derradeiro que escribiu en galego antes de facerse primeiro falanxista e logo filólogo do castelán. E tamén pezas de moito valor artístico, como as ilustracións que para Contos de guerra fixo Camilo Díaz Baliño.
Os pioneiros (que en puridade deberían ser Os resistentes) abrangue desde 1950, cando a Editorial Galaxia retoma como pode a edición no noso idioma e as asociacións culturais tentan difundir, tamén como poden e lles deixan, eses e mailo resto dos productos culturais. Desa época, ata 1975 en que a bioloxía axuda a rematar coa dictadura, reprodúcense portadas de fitos históricos como o long seller de Xosé Neira Vilas Memorias dun neno labrego (un dos moitos libros transversais entre a literatura infantil e a literatura a secas); A galiña azul, de Carlos Casares ou Polo mar van as sardiñas, de Xohana Torres. Logo, o apartado A normalización contén toda a producción desde 1976 a 1989, os parénteses que inclúen a época na que a lei de normalización lingüística relanzou o xénero (mesmo con experiencias tan intensas á par de breves como a revista Vagalume).
A consolidación (1990-2002) reflicte a etapa do bum editorial e a nosa proxección como potencia no panorama foráneo (Paco Martín, Agustín Fernández Paz, Xabier P. Docampo, Fina Casalderrei, Marilar Aleixandre, Gloria Sánchez). Así mesmo, "o tratamento explícito da conciencia nacional e social devala a novos valores como a igualdade entre os sexos e o ideal ecolóxico", rezan os propios textos da montaxe. Tanto Pilar Sampedro como un dos mestres do xénero, Xabier P. Docampo concordan en que unha das razóns do bum no que respecta ós autores (e tamén á súa maioritaria actividade profesional como ensinantes) é que cando o galego entrou no ensino, "non había textos, así que puxémonos a facelos, e acabaron por editalos", recorda Docampo, que critica que a montaxe non incida máis na ilustración, "porque se hai unha ducia de autores moi bós, hai 30 ou 40 ilustradores excelentes". A sementeira do futuro (2003-) está dedicada á aparición das novas tecnoloxías e os soportes dixitais. ¿Por que ese predominio do galego nas primeiras épocas de lectura non se mantén despois? "Hai cousas que se fan nas etapas formativas e logo non tanto de adultos, como pasa coa masturbación. Tamén é máis fácil convencer a un rapaz de que lea, e normalmente, nunha clase de lingua ou de literatura galega hai un entusiasta do idioma que é o profesor. Ademais, a lectura, en calquera idioma, nunca foi un fenómeno xeral ou masivo, nin o será", responde Docampo.
Cuestión de talla
Unha das probas de que a literatura infantoxuvenil vai vento en popa pode ser que avanza o desdobramento en infantil por un lado e xuvenil polo outro, como vén de facer Edicións Xerais cos seus premios.
"Antes estaban xuntos porque non estaba moi claro, pero agora, a un rapaz de doce anos, non lle presta ler algo que poña libro infantil.", divaga Xavier P. Docampo. "Logo están esas novelas para aborrescentes como di un meu amigo mexicano, esas novelas de instituto que me horrorizan, quitado O vixía no centeo - porque o protagonista deixa o instituto- que están pensadas para o alumnado específico de secundaria... Quizais a súa función sexa formar lectores para que logo lean os libros serios dos autores que desprezan a literatura infantil". Docampo conclúe: "Isto das tallas non hai demo que o entenda. A illa do tesouro escribiuna Robert Louis Stevenson para un rapaz de 13 anos".
"Hai libros que valen para calquera idade, e que se identifican como infantís ou xuvenís pola etiqueta ou polo deseño", asegura Pilar Sampedro, "pero que poderían aparecer noutras coleccións, mesmo de poesía como O país de amarnos, de Ana María Fernández. É máis, os adultos que non len literatura infantoxuvenil están a perder moito".
Tu suscripción se está usando en otro dispositivo
¿Quieres añadir otro usuario a tu suscripción?
Si continúas leyendo en este dispositivo, no se podrá leer en el otro.
FlechaTu suscripción se está usando en otro dispositivo y solo puedes acceder a EL PAÍS desde un dispositivo a la vez.
Si quieres compartir tu cuenta, cambia tu suscripción a la modalidad Premium, así podrás añadir otro usuario. Cada uno accederá con su propia cuenta de email, lo que os permitirá personalizar vuestra experiencia en EL PAÍS.
En el caso de no saber quién está usando tu cuenta, te recomendamos cambiar tu contraseña aquí.
Si decides continuar compartiendo tu cuenta, este mensaje se mostrará en tu dispositivo y en el de la otra persona que está usando tu cuenta de forma indefinida, afectando a tu experiencia de lectura. Puedes consultar aquí los términos y condiciones de la suscripción digital.