_
_
_
_
Reportaje:LUCES

O feitizo de Marful

O grupo da cantante Ugia Pedreira trunfa coa súa mestura de folc, jazz e ritmos latinos

Din que a música de Marful enfeitiza. Se cadra é verdade. Hai músicas que posúen un poder máxico, arrebatador, que se apodera das persoas para transformalas, e quen as escoita por primeira vez precipítase tras elas coma se oíse ao frautista de Hamelín. A de Marful parece ser desas. Os seus músicos son a reencarnación de espíritos invisibles que habitan entre as sombras de salóns de baile e cafés xa desaparecidos, aqueles que se enchían de alegría e elegancia durante os anos 30 e 50. Hoxe non resulta difícil intuílos agachados detrás dos sons melódicos daqueles tangos, pasodobres, habaneras e twist que un día enmudeceron entre as paredes dos salóns con sabor a belle epoque. É esa música na que se percibe, en palabras de Ugia Pedreira, "a lembranza dos portos, das tabernas, da emigración, das casas de indiano, daquelas festas onde había pequenas orquestinas que mesturaban a música tradicional galega cos primeiros pasiños de jazz".

"Os catro temos claro cal é o 'son Marful': música galega urbana", di Ugia Pedreira

Pero, ¿son acaso os músicos de Marful espíritos do pasado? Nin moito menos. Entre os fermosos cascallos dun tempo derrubado, os de Marful, coa emotiva voz de Ugia Pedreira á fronte, procuran as raíces vivas, o combustible que os catapulta inequivocamene cara ao futuro. Porque a música de Marful é, sobre todo, futuro: supón camiños distintos, nunca percorridos pola música galega. E a súa traxectoria é inequívoca: "Os catro temos moi claro cal é o son Marful: a música popular galega urbana", asegura Ugia Pedreira. As críticas que recibe o primeiro traballo do cuarteto refírense a el con múltiples adxectivos: elegante, indiano, urbano, irreverente, conmovedor, ecléctico, portuario, cabareteiro, cosmopolita, equilibrado, fresco, contemporáneo. Desde logo, aínda que estea moi ben cimentada na tradición, é música contemporánea e semella adobarse mesturando o jazz, os ritmos urbanos latinos e o folc. Tan contemporánea, que en Galicia o que fai Marful podería ser denominado como postfolc.

Os de Marful xermolan nunha nova xeración de músicos experimentados e cunha enorme bagaxe profesional ás súas costas. O rostro máis visible é Ugia Pedreira, esa muller decidida e vital, que transmite enerxía en estado puro en cada ollada. Ela foi capaz de edificar en Lalín ese artefacto explosivo para a música galega que é o Conservatorio de Música Tradicional e Folque; é a directora dun milagre que se ergue da terra fría para reinventar en Galicia a calidez da música folc contemporánea. Nas súas aulas tamén imparte clase un dos irmáns Pascual. Os dous son membros de Marful. Pedro é profesor de acordeón diatónico, o mesmo instrumento que toca nas filas do grupo malia os agoiros de que non era apropiado para este tipo de música. Ligado tamén a outros proxectos como Talabarte ou Nuke Trío, Pedro Pascual colaborou con Leilía, Kepa Junquera, Uxía, Jacky Molard ou Xosé Manuel Budiño. E o seu irmán Pablo tamén desafiou a prudencia con éxito tocando un instrumento tan estraño como o clarinete baixo.

No escenario Ugia Pedreira é unha diva: compórtase coma se estivese na súa casa. "É unha auténtica deusa", afirma Xurxo Souto, músico e responsable do programa Aberto por reformas da Radio Galega. No último e recente concerto no Auditorio Teatro da Universidade de Vigo, Ugia fixo gala do seu dominio da escena improvisando, rindo, conversando e ironizando. Nas actuacións, o público advirte un excelente entendemento musical entre Ugia Pedreira e Marcos Teira, o terceiro home do grupo. O carisma de Marcos é innegable. Agochado baixo o seu sombreiro de pano, desliza axilmente os dedos sobre as cordas da súa guitarra sorrindo coa boca pequena. Hoxe non só é membro de Marful senón doutra das bandas máis interesantes do momento, o trío Narf.

Unha das cousas que máis sorprende desta nova xeración de músicos é a súa habilidade para se adaptar aos estilos máis diversos. A propia Pedreira alentou un grupo baixo o nome nada casual de Ecléctica Ensemble. A versátil vocalista de Marful tamén colabora con bandas tan distantes da música de Marful como Xenreira, Matraca Perversa e Nen@s da Revolta, e compartiu escenario con artistas como Antón Reixa ou o actor Carlos Blanco. Con todo, un dos traballos que máis proxección lle deu foi o que realizou no desaparecido grupo folk Chouteira.

A pesar dos gravísimos problemas de distribución que padece a música galega por falta dun mínimo tecido industrial que a apoie, o eficaz boca a boca logrou que o primeiro disco de Marful esgotase xa tres edicións. Non hai dúbida de que co seu característico son e as súas irónicas letras en galego (pero tamén en francés e castelán), logrou crear un discurso musical propio, novidoso, de desbordante creatividade. No último concerto na Universidade de Vigo, Pedreira interpretou a canción estrela do disco, o Leverelem fundindo distintas versións: con música da película Grease, coa letra en galego-portugués, na normativa oficial, en castelán e en portugués. Todo un derroche de dominio e ironía.

O cuarteto, que tomou prestado o seu nome do avó de Pedreira, réndelle homenaxe a un home que emigrou de Mondoñedo a Cuba, onde quedou fascinado polo país. No Caribe tivo unha filla cunha mulata e cando regresou, anos despois, viña cos petos baleiros e sen maleta, a trasmitirlle á súa neta o amor polas habaneras. Non fixo falta moito máis, porque Pedreira tamén naceu a carón do Baile de Benito, aberto ao público en Foz no tráxico ano de 1936, un local grande, de fermosas lámpadas de cristal e piso de madeira de castiñeiro, no que actuaban as mellores orquestras do momento e ao que chegaban os mozos da comarca para bailaren agarrados. O local onde a alma de Marful entoleceu entre as sombras e os sons da furia creativa mantén hoxe as súas paredes en pé e as súas ruínas aínda permanecen alí para demostrar que entre os cascallos poden atoparse as raíces do futuro máis luminoso.

Tu suscripción se está usando en otro dispositivo

¿Quieres añadir otro usuario a tu suscripción?

Si continúas leyendo en este dispositivo, no se podrá leer en el otro.

¿Por qué estás viendo esto?

Flecha

Tu suscripción se está usando en otro dispositivo y solo puedes acceder a EL PAÍS desde un dispositivo a la vez.

Si quieres compartir tu cuenta, cambia tu suscripción a la modalidad Premium, así podrás añadir otro usuario. Cada uno accederá con su propia cuenta de email, lo que os permitirá personalizar vuestra experiencia en EL PAÍS.

En el caso de no saber quién está usando tu cuenta, te recomendamos cambiar tu contraseña aquí.

Si decides continuar compartiendo tu cuenta, este mensaje se mostrará en tu dispositivo y en el de la otra persona que está usando tu cuenta de forma indefinida, afectando a tu experiencia de lectura. Puedes consultar aquí los términos y condiciones de la suscripción digital.

Archivado En

Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
_
_