O Manifesto da Infrarrealidade de Galiza
O ‘Testamento xeométrico’ de Dieste é un libro oculto, raro, esquecido, misterioso
“Busquen, non soamente nos museos hai merda”. Esta é unha das faíscas que axitan a ollada no primeiro manifesto infrarrealista, que leva por título e consigna Deixade todo, de novo. O infrarrealismo, do que aínda fican rescaldos que alumean con intermitencias, foi un movemento literario e artístico que xurdiu en México DF, a finais de 1975, integrado por xente nova cunha irónica melancolía vangardista que ben pode resumir outra das súas muxicas: “Os infrarrealistas propoñen ao mundo o indixenismo: un indio tolo e tímido”. Eles sentíanse parte dun “novo lirismo” que levedaba en América Latina, mais non había lindes nos seus referentes. “Rimbaud, volve a casa!”, berraban en salvaxe compaña, mentres asumían o propósito do vello Bertolt Brecht: “Novas formas, raras formas”.
Había humor, si, mais había tamén moita sustancia nese texto bulideiro, que leva a sinatura de Roberto Bolaño, un mozo talentoso, nado en Chile, emigrante logo en Barcelona, que escribiría dúas das mellores novelas das últimas décadas en lingua castelán: Los detectives salvajes e 2666. A mocidade infrarrealista é inspiradora de Los detectives salvajes, publicada en 1998, aínda que Bolaño reconverte a vangarda co nome de realismo visceral ou realvisceralismo. En todo caso, escribir dende as entrañas, fundir vida e escrita, e mesmo unha pulsión revolucionaria na que se mestura tanto desexo como desacougo.
Con estas tintas de lusco fusco están escritos os chanzos finais do primeiro manifesto infrarrealista:
—A morte do cisne, o derradeiro canto do cisne, o derradeiro canto do cisne negro, NON ESTÁN no Bolshoi senón na dor e a beleza insoportábeis das rúas.
—Un arco iris que principia nun cinema de mala morte e que remata nunha fábrica en folga.
—Que endexamais nos bique a boca a amnesia. Que endexamais nos beixe.
—Soñabamos con utopía e espertamos berrando.
Roberto Bolaño era tamén un gran poeta. As súas novelas, de certo, teñen trama narrativa e urdido poético. En Los perros románticos compara a poesía cun mergullador que se asolaga no ollo de Deus. O poema, como a vida, ten de ser unha aventura. O poeta é un vagabundo: “O verdadeiro poeta é o que sempre está abandonándose. Nunca demasiado tempo nun mesmo lugar, como os guerrilleiros, como os ovnis, como os ollos brancos dos prisioneiros a cadea perpetua”. Diriamos que a súa é unha poesía resucitada, de despois da poesía, post-poética. E velaí, co paradoxo dun epitafio liberador, o poema Entre las moscas: “Poetas troyanos / Ya nada de lo que podía ser vuestro / Existe /Ni templos ni jardines / Ni poesía /Sois libres /Admirables poetas troyanos” .
A revista literaria Granta anuncia a publicación a finais de setembro de dous textos inéditos de Bolaño. Un deles, unha Autobiografía. Outro, o que sería un segundo manifesto infrarrealista co título: Las fracturas de la realidad. Agardo a ler os dous con impaciencia.
Un dos asuntos que inspira o inmenso zurcido que é a novela 2666 (publicada no 2004, falecido xa Bolaño) é o Testamento xeométrico de Rafael Dieste, que publicou Díaz Pardo en Edicións do Castro, xusto o ano 1975. Foi un libro do que nin se falou, ou moi pouco, unha especie descoñecida que andou polos andeis como un fuxido polo monte. Lembro unha entrevista que lle fixen a Dieste. Vivía no décimo andar dun predio da Coruña, dende onde podía ver o mar. Mais eu non sabía aínda que se podía ver o mar. Estaba alí na porta, no décimo andar, e non era quen de premer o chamador, porque estaba a soar o piano. Pensei: "Non importa, agardarei a que remate." Non sei canto tempo estiven. Moito. Schubert, Satie, Schumann... Todos foron pasando por alí, por aquela porta pechada. E cando eu entrei, non era case quen de falar, porque me parecía que a música estaba á espreita, calada, mais atenta, e que calquera cousa que un puidera dicir pois sería un desbalde. Creo que o único atinado que fixen foi comentar algo daquel libro raro, oculto, esquecido, misterioso, que é o 'Testamento xeométrico'. E notei que a música calada daba a súa aprobación, porque Dieste botou azucre no café e dixo: "Xogueime a vida, apostei a cabeza, ao facer ese libro."
Así que Roberto Bolaño percibiu ese xogo de máximo risco, ese tremer do corazón do libro, a súa condición de ourizo a cavilar. O primeiro manifesto infrarrealista ábrese cun anaco entre aspas dun autor soviético de ciencia ficción chamado Georgij Gurevic (o nome non se cita), no que, entre outras, fai estas preguntas: "E se existisen corpos non luminosos ou escuros? Non podería suceder nos mapas celestes, a igual que nos da terra, que estean indicadas as estrelas-cidade e omitidas as estrelas-aldea?" Estes corpos escuros serían os Infra. O libro de Dieste foi para Bolaño como a descuberta dun corpo escuro, omitido. Como ben explica Patricia Espìnosa ao estudar as claves do movemento, "a misión dos tripulantes (dos escritores) será buscar desesperadamente unha 'infra'". É dicir, unha infrarrealidade. Un mundo ao revés.
No manifesto 'Deixade todo, de novo' aparece un personaxe chamado Darío Galicia do que só sabemos que ten a calidade de detectar o que outros non ven. En Galicia tivo moito suceso no seu día o manifesto 'Contra o Aldraxe' de Realidade Galega no que se reivindicaba o estatus de "nacionalidade histórica". Os impulsores eran un grupo de intelectuais e do que chamamos 'persoeiros'. Estes últimos foron os grandes beneficiados, ocupando altos cargos na Xunta e facendo da política unha excelente carreira. E digo eu, vendo o que estamos a ver, non habería que organizar unha Infrarrealidade Galega para acadar o mundo do revés?
Tu suscripción se está usando en otro dispositivo
¿Quieres añadir otro usuario a tu suscripción?
Si continúas leyendo en este dispositivo, no se podrá leer en el otro.
FlechaTu suscripción se está usando en otro dispositivo y solo puedes acceder a EL PAÍS desde un dispositivo a la vez.
Si quieres compartir tu cuenta, cambia tu suscripción a la modalidad Premium, así podrás añadir otro usuario. Cada uno accederá con su propia cuenta de email, lo que os permitirá personalizar vuestra experiencia en EL PAÍS.
En el caso de no saber quién está usando tu cuenta, te recomendamos cambiar tu contraseña aquí.
Si decides continuar compartiendo tu cuenta, este mensaje se mostrará en tu dispositivo y en el de la otra persona que está usando tu cuenta de forma indefinida, afectando a tu experiencia de lectura. Puedes consultar aquí los términos y condiciones de la suscripción digital.