_
_
_
_
EPISODIOS GALEGOS

Quen saíu cazar a lingua galega?

Este golpe de mar coloca o funcionamento da Academia Galega nunha situación de ‘stand by'

Manuel Rivas

Tivo a voz d’a alma perdida un estremecemento porvirista e o Viaxeiro acolleu unha Espranza: a de que algún día os homes que non tiñan alma chegarían a ter saudade d’ela”. Teño nas mans unha alma. O que Frazer (A póla dourada) chama unha alma externada, unha alma que anda por fóra e pousou nalgún lugar protector. Esta alma que eu teño na man, e da que tanta saudade tiñamos, é un libro. Un libro que brinca porque é un almeiro que emerxe do invisíbel. Un cardume que reúne escritos na maioría inéditos. Que vibra e escintila coa felicidade do rescate. Por fin, a obra completa de Manuel Antonio (1900-1930). E este que bule nas mans é o volume primeiro e tamén o máis agardado por esa natureza en gran parte oculta. O da prosa. Os detalles limiares, a calidade da edición, correspóndese coa importancia da obra. E así nace unha nova colección que se denomina Clásicos da <CF1001>Academia.

 Unha nova colección, dise na introdución xeral, “con vocación de futuro”.

O futuro? Hai moitas cousas en suspenso é unha delas é o futuro. Mesmo, nun arrouto de brutal sinceridade, o FMI vén de expresar nun informe o custoso que está a resultar en Europa a esperanza de vida, esa teima que teñen os vellos de non morrer.

Tamén as almas teñen problemas.

Haberá que falar polo miúdo desta obra que inaugura os Clásicos da Academia, desta “saudade” que tomou corpo, que emerxeu das profundidades náufragas, por mor do traballo de Xosé Luís Axeitos Agrelo, que sitúa as coordenadas dos textos do escritor navegante cunha orixinal cronobiobibliografía, con informacións que son fíos esenciais. Véxase, como exemplo, a nota do ano 1929: “O 3 de xuño embarca en Cádiz no pesqueiro Arosa, de Vigo, como agregado para facer un total de cento catorce días e tres horas de mar ao longo dos caladoiros de Saffi Norte e Saffi Sur, Cabo Sim, Mogador, Tefelnech, Gibraltar, Faro de Kantin, Cabo Espartel, etc. Desembarca en Cádiz o 3 de outubro. Jean Cocteau publica Les enfants terribles, en París”.

Ademais de prosa creativa, e notas culturais e de natureza política, as súas descubertas e pescudas de especies literarias revélannos a rota extraordinaria desoutra navegación paralela do rianxeiro: a que fai pola literatura máis tormentosa, ousada e vangardista, dende Apollinaire a Tristan Tzara, con especial querenza por Arthur Rimbaud. Hai un detalle especial a subliñar no deseño, da autoría de David Carballal, e é a inclusión facsimilar das follas manuscritas de Manuel Antonio.

O rescate da caligrafía reforza esa sensación de alma externada.

Mais esta miña fixación hoxe coas almas non só ten de ver co goce por unha saudade cumprida, a de ver publicada a prosa de Manuel Antonio, senón coa perturbación de asistir a un novo aldraxe, dun estilo noxento que un pensaba en desuso. E o órgano onde ese aldraxe toma forma oficial é nada máis e nada menos que o Boletín Oficial do Estado. Alí veñen de publicarse os orzamentos destinados ás diferentes academias por parte do Ministerio de Educación e Cultura. Era previsíbel un recorte de fondos, e así foi. Esa poda é dunha media do 22% na Real Academia Vasca (xunto coa Sociedade de Estudos ou Eusko Ikaskuntza) e no homólogo Instituto de Estudos Cataláns. Esa mesma proporción dáse nas outras institucións que teñen esa condición de academias, incluída a Academia de Historia (que por enriba recibe un agasallo para o seu Dicionario histórico pro-franquista). A excepción é a Real Academia Galega. O recorte orzamentario para a RAG é o triplo das outras entidades. Pola súa banda, a Xunta recortou nos dous anos pasados as súas axudas nun 30% e este ano outro 29% máis.

Este golpe de mar coloca o funcionamento da Academia da Lingua Galega nunha situación de stand by, que diría Manuel Antonio. Iso vai obrigar a paralizar todas as comisións de traballo, pois o orzamento nin sequera é dabondo para os gastos correntes. A institución ademais ten ao seu cargo a actividade e mantemento do Museo Pardo Bazán. Semella que só a axuda da Fundación Barrié fará posíbel a continuación de Clásicos da Academia. Cómpre lembrar que foi o ano pasado cando por vez primeira a RAG recibiu prestacións do Estado español, a diferenza das súas homólogas. Existe unha “débeda histórica” e, neste caso, non é un eufemismo.

O espantallo da crise está a xustificar todo tipo de trapalladas. Provoca ademais unha especie de competencia oprobiosa entre os afectados. Así se oen desafogos cheos de prexuízos: que corten aos funcionarios que non dan pancada; os teatreiros? A picar pedra!; os sindicatos? Uns preguiceiros! Todos contra todos. Pero o que non se entende neste caso é o escarnio oficializado. A discriminación sen eufemismos. O castigo executado, consciente, calibrado con perversidade, contra a primeira institución en preservar e espallar o idioma galego, unha tarefa que constitucionalmente obriga á Xunta e tamén ao Estado español.

Sabemos que o Día do Xuízo Final estará San Miguel coa balanza para pesar as almas. O que é un misterio é como e quen pesou as linguas no ministerio de Educación e Ciencia. Existirá algún documento, algún informe onde se estableza que a lingua galega pesa menos que as outras? Quen saíu a cazar a lingua galega? Cal foi a man que perpetrou este agravio, esta vergoña?

E escribiu Manuel Antonio, o mozo poeta e navegante que amaba a liberdade: “Hespaña é o país d’o mundo que rexe piores gobernantes. Sentado isto os hespañoles dividen-se en duas crases: os que non-o cren e os que o cren”.

Pois xa poden ir crendo.

Tu suscripción se está usando en otro dispositivo

¿Quieres añadir otro usuario a tu suscripción?

Si continúas leyendo en este dispositivo, no se podrá leer en el otro.

¿Por qué estás viendo esto?

Flecha

Tu suscripción se está usando en otro dispositivo y solo puedes acceder a EL PAÍS desde un dispositivo a la vez.

Si quieres compartir tu cuenta, cambia tu suscripción a la modalidad Premium, así podrás añadir otro usuario. Cada uno accederá con su propia cuenta de email, lo que os permitirá personalizar vuestra experiencia en EL PAÍS.

En el caso de no saber quién está usando tu cuenta, te recomendamos cambiar tu contraseña aquí.

Si decides continuar compartiendo tu cuenta, este mensaje se mostrará en tu dispositivo y en el de la otra persona que está usando tu cuenta de forma indefinida, afectando a tu experiencia de lectura. Puedes consultar aquí los términos y condiciones de la suscripción digital.

Archivado En

Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
_
_