Fábulas, animaliños e outras viñetas
A coruñesa Jane Joyd e os vigueses Fantasmage entregan os seus debuts
Precísanse catro ou cinco dioptrías de mala fe para comparar a Jane Joyd con Russian Red, ou o que é o mesmo, o proxecto musical da coruñesa Elba Fernández co da conservadora (sic) Lourdes Hernández. Talvez Shy Little Jane Presents: The Dramatic Tale of Her Animals(2012) axude a disipar algunhas dúbidas, cando menos entre os menos escépticos da parroquia. O debut de Jane Joyd en Origami Records propón catro fábulas sonoras en apenas 17 minutos meticulosamente orquestrados, un traballo que a arreda do seu habitual e ben traído folk-pop austero e acristalado para probar sorte, e sacar voz, na concorrida república do lirismo incandescente.
Se algunha vez se cruzaron as poéticas de Russian Red e Jane Joyd tivo que ser na prehistoria da primeira, cando Lourdes Hernández abría concertos para os galegos 6pm en La Iguana, baixo o seu propio nome, a soas coa guitarra, tan vulnerable que até tremían os trastes. Algo antes de que Elba Fernández empezase a seducir o seu público con cancións xigantes nun corpo pequeno e versións atrevidas, magníficas, de Bon Iver. Iso xa é pasado, e parece que polas dúas bandas. Máis alá de cuestións de clase e discurso, son mulleres e fan cancións. Até aí as coincidencias.
Hai un ano que a coruñesa recibiu un discreto pasaporte para Benicássim
Hai un ano xa que a coruñesa recibiu un discreto pasaporte para Benicássim —e algo de atención— tras gañar o concurso Proyecto Demo 2011 cunha maqueta gravada en Abrigueiro (Lugo). Agora calíbrase mellor semellante compás de espera. Shy Little Jane Presents: The Dramatic Tale of Her Animals é un disco curto, unha carta de presentación, pero ten un mundo de traballo e ambición detrás. Nada menos que 16 músicos á parte de quen canta e o seu inseparábel Xulio Vázquez, percusionista e tamén coprodutor. Ventos, cordas, teclado, baixo e coro. Un estadio en miniatura.
Os personaxes da fábula son catro: o paxaro cativo de The Cage, o cabalo sen corazón de Heartless Horse (The Disappearing Act), o peixe que xa non vai nadar máis en Dead Fish e o popular raposo que despide o álbum con Renard Came To My House, Stole My Smile And Left Forever. Cancións vagamente narrativas embarcadas nunha montaña rusa emocional, como aquela Beth Gibbons de Out of Season (2002) pero coa tensión arterial máis alta. A coidadísima edición do digipack, un origami con postais tamén de Elba Fernández, redondea o disco. Se hai que poñerlle un pero, que sexa no padal: pode chegar a resultar inofensivo, como se o sabor se diluíse tras a enxurrada inicial.
O elepé de Fantasmage estará entre os máis notables da tempada
De Asturias chega embalado e en vinilo outro debut notable da primavera. Os vigueses Fantasmage acaban de publicar no catálogo de Discos Humeantes un magnífico álbum homónimo que dá continuidade, e xenerosamente, ao material que xa difundiran a través da rede hai algúns meses. Gravados de novo por Manu G. Sanz en Tomiño, Daniel Nicolás Ferreiro (voz e batería, antes en Indómitos) e Andrés Magán (ex Anenome, aquí no baixo, a voz e o deseño da portada) cumpren co prometido nestas páxinas a mediados de xaneiro e entregan 12 cortes, entre eles os catro trallazos xa coñecidos: Vuelta a empezar, Huesos, Metido entre las sombras e Ella es un espectro.
Ao repertorio engádense agora outros sete cortes orixinais do dúo e unha deliciosa versión de Camilo Sesto, Fresas salvajes. A fórmula segue a ser a mesma: cancións sucias, retrousos luminosos e moita urxencia. Garaxe, pop e punk nun corpo magro, sen espaventos nin liftings innecesarios. Historias mínimas (La bulla), actitude (Tu adicción), algo de angst (La miedosa), episodios de serie B desacougante (La familia), viñetas de trazo groso (Camándula), melodías desacomplexadas (Vaciado) e un hedonismo nada posmoderno (La fiesta). Todo ao fío dos dous minutos e pico, sen perder un segundo en andrómenas, e cun son aínda máis cru e rugoso que na primeira maqueta. Iso si, igualmente apegado ao territorio natural de Fantasmage: o directo.
Comparados con Thee Oh Sees, aínda que definitivamente menos psicodélicos e máis aplicados nas melodías e xogos de voces que os norteamericanos, os vigueses exhiben don da puntería. Facturan temas poderosamente adherentes e van moi rápido. Hai nada que se xuntaron para abrir os concertos da xira galega de Davila 666, unha tribo bárbara do underground portorriqueño, e xa poden pasear un álbum de debut chamado a colocarse entre os máis notables da tempada, cando menos en Galicia. Axiña circulará ademais outra referencia súa, neste caso dentro dun álbum colectivo. Fantasmage é unha das 18 bandas que participan no segundo volume da serie Galician Bizarre, á que lle quedan algo máis de tres semanas para reunir na plataforma de crowfunding Verkami os 2.500 euros que necesitan. Se o conseguen, os promotores lanzarán 525 copias en 12 pulgadas.
Dobre aniversario
Para empezar, festa dos "dez violentos anos xuntas" dos composteláns Ataque Escampe, que os de Galicia es una mierda celebrarán esta noite (22.00 horas) na sala Moon de Santiago xunto a Vicky Polard e algunhas colaboracións especiais. E para completar o arranque desta quincena de música ao vivo, o segundo aniversario da asociación Desconcierto Cultural. A cita, mañá na sala Karma de Pontevedra (23.00) cos pontevedreses MLK e os vascos Lisabö. Oportunidade única para deixarse perforar ao vivo por Animalia Lotsatuen Putzua, o quinto disco dos irundarras.
Alternativas ás efemérides tamén as hai: hoxe en Santiago pódese optar por Maika Makovski e Gentle Music Men no Teatro Principal, e mañá actúan Abraham Boba no auditorio municipal de Vigo, Jero Romero (ex Sunday Drivers) na compostelá sala Capitol e The Waterboys, a banda de Mike Scott, no Pazo da Cultura de Pontevedra, presentando An Appointment with Mr Yeats.
Do resto da quincena, entre outras cousas, cómpre destacar a visita a Galicia de La Débil co seu recente e singular Sángrala. O 3 de maio pasarán por Lugo (Clavicémbalo), o 4 baixarán a Vigo (Mondo Club) e o 5 despediranse en Santiago (Zona C) xunto a Unicornibot. Ao día seguinte, domingo, empeza outra liga e outra historia: o Pop & Torgal de Ourense recibe a Chuck Prophet.
Tu suscripción se está usando en otro dispositivo
¿Quieres añadir otro usuario a tu suscripción?
Si continúas leyendo en este dispositivo, no se podrá leer en el otro.
FlechaTu suscripción se está usando en otro dispositivo y solo puedes acceder a EL PAÍS desde un dispositivo a la vez.
Si quieres compartir tu cuenta, cambia tu suscripción a la modalidad Premium, así podrás añadir otro usuario. Cada uno accederá con su propia cuenta de email, lo que os permitirá personalizar vuestra experiencia en EL PAÍS.
En el caso de no saber quién está usando tu cuenta, te recomendamos cambiar tu contraseña aquí.
Si decides continuar compartiendo tu cuenta, este mensaje se mostrará en tu dispositivo y en el de la otra persona que está usando tu cuenta de forma indefinida, afectando a tu experiencia de lectura. Puedes consultar aquí los términos y condiciones de la suscripción digital.