O surrealista rei do churro
O lalinés Juan Orol triunfou como director de serie Z en América
A vida de Juan Orol ten elementos como para facer unha película. Este fabulador nato creou un mito falso sobre o seu nacemento, que el situaba en Ferrol, cando en realidade naceu nunha aldea de Lalín co nome de Juan Rogelio García. Sendo un neno marchou a Cuba e na súa adolescencia marchou cara a México, o país no que montou a súa vida. Ao longo da súa mocidade exerceu de mecánico, boxeador, xogador de béisbol, actor de teatro, toureiro, co nome artístico de Juan García Esparterito, e piloto de carreiras.
Nunha entrevista concedida a EL PAÍS en 1980 comentaba por que deixou de pilotar coches. “Íanme contratar en Indianápolis e faltáronme unhas décimas para a marca de 118 millas por hora, así que iso me alporizou e non volvín correr”. Traballou como publicista de radio e de aí deu o salto ao cine, montando a produtora Aspa Films coa axuda dos cartos de dous socios capitalistas. O seu debut como cineasta aconteceu coa cinta Sagrario, que colleitou un éxito inesperado e serviu para que o galego se afianzase na sétima arte. Daquela adoitaba mergullarse en argumentos moi melodramáticos.
Di Eduardo de la Vega Alfaro no seu libro biográfico sobre o cineasta que para o seu terceiro filme, Madre Querida, repartía el mesmo panos de mans na entrada do cine para que os espectadores secasen as bágoas, e se alguén o devolvía seco tiña dereito ao reembolso da entrada. As súas etapas cinematográficas adoitan dividirse en cinco períodos, que coinciden cos de cinco mulleres que exerceron como musas e coas que tivo relación sentimental. Elas foron, na meirande parte das ocasións, as intérpretes dos filmes. Encetou exercendo de inspiración Consuelo Moreno, coa que principiou un estilo cualificado como cine de rumberas. “Eu comecei co cine dramático en México e facía chorar ata aos homes. Logo, cando os outros comezaron con isto, eu fixen películas tropicais e traía rapazas bonitas de Cuba. Como tiveron éxito, outros produtores pasáronse ao tema, e entón adiqueime a facer cine de gangsters”. Ese xénero comezouno cando tiña de musa a María Antonieta Pons e continuouno con Rosa Carmina.
Cómpre indicar que o cine elaborado polo director era eminentemente popular e todo estaba tinxido dunha atmosfera catalogada como camp, kitsch. As cuestións técnicas non preocupaban demasiado a quen é reclamado por certos sectores como un trasunto de Ed Wood. Que logo dun tiroteo os cristais afectados queden intactos non era impedimento algún para seguir con normalidade a filmación e erros como ese son abondosos na súa filmografía. De aí que fora coñecido co alcume de O rei do churro.
“Eu realicei en México o que Bogart realizou nos filmes de EE UU”
Orol interpretaba na pantalla aos gangsters tendo como referente ao cine negro norteamericano e algunha experiencia propia tamén debeu tirar da súa vivencia como axente federal. Nesa profesión tiña sona de ser moi valente. “Sucedeu que un día, comentaba a este xornal, xogaba en México o Argentina contra un equipo español de fútbol e eu quería ir, aínda que estaba de servizo. O meu superior díxome que se agarraba ao Manzanitas e ao Charrascas, dous bandidos que mataran a sete, podía ir ao partido. Collinos eu só, nun barrio onde non entraba ninguén. Para levarmos a xefatura baleirei un autobusito e leveinos ata alí apuntados. Finalmente fun ao fútbol e ameazáronme con castigarme pola ousadía. Así adquirín sona de valente e mandábanme a todas as misións perigosas”. No que atinxe ao seu labor como criminal no cine, salienta: “Eu realicei nas películas mexicanas o que Bogart fixo no seu tempo nas norteamericanas”.
O seu filme número 31 como director levouno en 1955 a Madrid para rodar Secretaria peligrosa, filme que nun comezo ía titularse Agente internacional. O galego foi contratado pola produtora Almasirio para realizar ese labor, mentres que para o papel principal ficharan á súa muller, a cubana Rosa Carmina. Daquela manifestaba á revista Radiocinema, no número 272 da publicación, que estaba ledo. “Por poder facer unha película na miña patria”. O seu cine non era coñecido en España, onde só se estreara El corazón no miente, da que comentaba que era unha das súas “peores películas, e ademais realizáronlle unha serie de cortes para a súa exhibición que lle fixeron perder continuidade e harmonía”. Orol manifestaba que ser á vez director, protagonista e produtor era un traballo esgotador, pero que lle creara un crédito e prestixio en Hispanoamérica bastante apreciable.
Nas dúas últimas etapas cinematográficas, onde contou como musas con Mary Esquivel e Dinorah Judith, volveu bastante ao xénero do melodrama. O seu cine tiña un punto surrealista, que acadou o seu cumio ese día que nun filme, necesitado daquela en México dunha duración mínima determinada, sacou un cartel dicindo que repetía o número musical que viñan de contemplar a petición do público, co que xa cumpría a normativa vixente en canto ao metraxe. Existe un filme de ficción, titulado El fantástico mundo de Juan Orol, que recolle a peculiar traxectoria deste creador. Nunha entrevista publicada en Cuadernos de la Cineteca Nacional, o galego declara que facía cine “para gañar cartos, como calquera outro negocio. Pero ademais tiña a satisfacción de amosar á humanidade os seus propios defectos. Eu representaba ao crime para logo punilo. Nas miñas películas sempre castigaba ao delincuente dun modo atroz: de tal xeito que o meu público evitara cometer os erros das miñas personaxes”.
Juan Orol faleceu na capital de Mexico o 26 de maio de 1988.
Tu suscripción se está usando en otro dispositivo
¿Quieres añadir otro usuario a tu suscripción?
Si continúas leyendo en este dispositivo, no se podrá leer en el otro.
FlechaTu suscripción se está usando en otro dispositivo y solo puedes acceder a EL PAÍS desde un dispositivo a la vez.
Si quieres compartir tu cuenta, cambia tu suscripción a la modalidad Premium, así podrás añadir otro usuario. Cada uno accederá con su propia cuenta de email, lo que os permitirá personalizar vuestra experiencia en EL PAÍS.
En el caso de no saber quién está usando tu cuenta, te recomendamos cambiar tu contraseña aquí.
Si decides continuar compartiendo tu cuenta, este mensaje se mostrará en tu dispositivo y en el de la otra persona que está usando tu cuenta de forma indefinida, afectando a tu experiencia de lectura. Puedes consultar aquí los términos y condiciones de la suscripción digital.