O último galeguista histórico
O escritor Carlos Casares, morto hai dez anos, foi o herdeiro das maneiras e as prácticas do ‘piñeirismo’ A súa literatura imponse á figura pública
“Xa? Parece mentira. Teño a sensación de que non lle fixemos o duelo completamente, que aínda está entre a parroquia dos vivos e a dos mortos, e cada vez que teño un libro del véxoo como obra en tránsito. Non podemos entrar na fase de San Miguel, de pesar as almas, pero penso que pesan ben. É o mellor da nosa narrativa”. Pese ás contas de Manuel Rivas, hai hoxe exactamente dez anos, con 60, morría en Vigo Carlos Casares. Galaxia, a editorial que dirixiu, pensa celebrar a data co lanzamento das súas obras en dixital, unha web específica e un libro homenaxe “en agosto, para celebrar o nacemento, non a morte”, segundo Víctor Freixanes, hoxe no posto que tivo Casares na editorial. Quitado un par de volumes que completen a súa obra xornalística, non hai moito máis que editar, porque practicamente toda a obra casariana está xa publicada. Nin Freixanes, de memoria, dá concretado se son 40 ou 50 libros.
Casares foi, en certa forma, o último galeguista histórico. Non soamente por compartir esa variedade de campos de actuación da Xeración Nós, da creación literaria á acción política, pasando pola promoción cultural, senón porque asumiu e desempeñou o papel de herdeiro cun nítido perfil político e cultural. O gardián da mesa, titulei hai anos unha entrevista súa, en alusión á mesa camilla de Ramón Piñeiro, e fixéralle máis graza que outra cousa. E porque tiña un gusto pola conversa e unha arte practicándoa inusuais no seu tempo. Tamén, igual que agora Rivas e Freixanes, Casares foi o primeiro escritor digamos profesional. Unha década debería ser tempo bastante para analizar como esas facetas —a política, a pública— influíron ou non, e como, na súa literatura.
“A súa obra resiste o paso do tempo. Na división dun crítico norteamericano entre escritores ‘peles vermellas' e ‘rostros pálidos’, el sería dos segundos, polo seu esmero na técnica e na procura da racionalidade. Pero o que vai emerxendo é a literatura, non nos acordamos de se Valle-Inclán tiña ou non a medalla de Isabel a Católica”, di o autor coruñés. “Tiña opcións persoais, defendeunas con sinceridade, e nalgún caso foi incomprendido. Tiña unha dimensión cívica da vida, e non distinguía entre o papel de escritor e o de cidadán. Hai xente á que lle favorecen os compoñentes extraliterarios, e a el non”, sinala o escritor e editor pontevedrés. “A súa obra ten unha enorme eficacia comunicativa e esixencia estilística, aínda que ás veces parece fácil. Hai quen se dedica a decorar unha ventá e quen fai a ventá para que se vexa a paisaxe”, conclúe Freixanes.
Para Manuel Rivas, “a súa obra vai emerxenro e resiste o paso do tempo”
“Casares tiña nos últimos tempos unha posición mediática e institucional moi forte. Iso foise con el e fica unicamente a súa dimensión como escritor e a súa figura humana”, apunta Suso de Toro. Co seu característico prurito analítico, De Toro debulla as contradicións do autor de Deus sentado nun sillón azul: “Piñeiro levou a Casares a ocupar o seu posto, e el aceptouno. Pagou un prezo por ser escritor en galego, tivo a oportunidade de integrarse nos escritores españois da súa xeración e non quixo por esa fidelidade. Tiña mecanismos fortes para apoiar a súa obra, pero neste sistema literario moi ligado a faccións que empezan sendo ideolóxicas e acaban sendo persoais, esa batalla perdeuna. Era un galeguista que se distanciou dese mundo, arroupado por xente hostil ao galeguismo”.
Entre os escritores máis novos, os que coñeceron a Casares no programa de lecturas escolares, hai tamén ambivalencia. “Toda a dignidade política que exhibira contra a ditadura quedou suavizada pola tapicería do coche oficial. Amoldouse ao fraguismo con comodidade, sen chistar. Modernizou o Consello da Cultura converténdoo en actor importante, e soubo erguer as lápidas de mármore que esmagaban Galaxia e encarreirala cara a modernidade. Padeceu, iso si, a soberbia de asumir moitas máis dignidades e responsabilidades das que era quen e iso provocoulle un desenvolvemento menor ao seu potencial”, pensa Jaureguizar. “Interesoume Deus sentado nun sillón azul, onde retrataba toda unha xeración. O resto, pouco, porque falaba sobre un mundo e un tempo aos que eu non pertencía, algo que si conseguen contemporáneos seus de Estados Unidos. Se algo queda é de ámbito infantil: as galiñas e as laranxas”.
Jaureguizar di que “se algo queda, é de ámbito infantil: as galiñas, as laranxas”
Rosa Aneiros tivo un profesor de EXB que consideraba que Vento ferido era unha lectura axeitada para os 12 anos, así que o leu, e Os mortos daquel verán, antes que A galiña azul ou As laranxas máis laranxas… “Foi moi duro, pero estivo ben porque foi unha ruptura total co que leramos en galego, máis costumista. Non sei se a figura institucional está distanciando aos lectores da súa obra, facendo menos visible a parte literaria”. “Os maiores de 40 anos ten un coñecemento amplo da súa figura. A parte cívica como parlamentario, axente literario, editor… Para os máis novos, é un escritor que se le no instituto, por iso levamos tres anos potenciando o seu coñecemento en primaria”, asegura Gustavo A. Garrido, director da Fundación Casares. A Fundación, na que participan institucións e empresas, viu reducido a menos da metade o seu orzamento (120.000 euros), polo que tamén reduciu as súas actividades. Este ano, segundo Garrido, seguirán dixitalizando o arquivo persoal de Casares (levan 8.000 documentos e queda case un tercio), meterán material audiovisual na web, e tamén preparan unha edición da narrativa curta en castelán. E a biografía canónica que non hai.
Desde hoxe, Carlos Casares cumpre os requisitos da Academia (da que formou parte con 36 anos, o máis novo da historia da institución) para ser homenaxeado polo Día das Letras. Os dous académicos consultados veríano ben, sen desvelar se o propoñerán. “Estaría moi ben que se lle dedicara. O tempo que se dedique a lembrar a este escritor é tempo gañado”, di Rivas. Freixanes, que ten na RAG a mesma cadeira que tivo Casares, recoñece que “está cantado que llo dediquen, tanto ten este ano como outro”.
Á marxe, pero menos
Casares comezou coas colaboracións semanais en prensa en 1975, que se converteron en diarias en 1988, ata a súa morte. Aquela sección, A marxe, por moito que estivera escrita nese idioma que din que espanta aos lectores, foi con moito a máis lida de La Voz de Galicia. "Á marxe proba que parte da mellor literatura está nas hemerotecas. Eran pezas como pequenas onzas de ouro que xustifican todo un periódico", opina Rivas. "Todos temos un artigo brillante, pero Carlos conseguiu facer un territorio propio, algo moi difícil", asegura Freixanes, que coincide con Rivas en comparar a Casares con Cunqueiro. "A pesar do que se di dos índices de lectura, a prensa en Galicia ten un papel importante na xente, e a Casares escribir nela deulle unha gran presenza como persoa, axudouno a configurarse como personaxe, e tamén contribuiu a valorar a nosa lingua", di De Toro, o único dos escritores consultados que non é xornalista (pero si escribe nos xornais).
En valorar a obra xornalística de Carlos Casares coinciden mesmo os que confesan non ter apreciado os seus artigos no seu día. "Como xornalista tiña iso que dicía Mailer de que 'un bo periodista é quen de improvisarche dez historias interesantes na barra dun bar'. Era inigualable desenvolvendo con plasticidade e humor o contiño que duraba un café. Malia os esforzos actuais dalgún medio no que colaborou, esforzouse en ser tan aséptico e tan equidistante que resultaba intranscendente e, consecuentemente, non transcendeu", opina Jaureguizar. "O aprecio polo gato [Samuel, o gato protagonista de varias das columnas] non di nada, pero a tarefa de escribir todos os días é moi difícil, e lendo os artigos en conxunto aprendes a valoralos", di Rosa Aneiros. Iso foi o que lle pasou ao xornalista Iago Martínez, que recoñece que cando lía Á marxe na facultade "ríame máis ca outra cousa", pero logo tivo que facer un traballo periodístico sobre ela, "e foi como un exercicio de madurez: entendín o que había detrás". Nun xiro do destino bastante piñeiro-casariano, Iago Martínez acabou sendo o responsable de editar os tomos de Á marxe.
Tu suscripción se está usando en otro dispositivo
¿Quieres añadir otro usuario a tu suscripción?
Si continúas leyendo en este dispositivo, no se podrá leer en el otro.
FlechaTu suscripción se está usando en otro dispositivo y solo puedes acceder a EL PAÍS desde un dispositivo a la vez.
Si quieres compartir tu cuenta, cambia tu suscripción a la modalidad Premium, así podrás añadir otro usuario. Cada uno accederá con su propia cuenta de email, lo que os permitirá personalizar vuestra experiencia en EL PAÍS.
En el caso de no saber quién está usando tu cuenta, te recomendamos cambiar tu contraseña aquí.
Si decides continuar compartiendo tu cuenta, este mensaje se mostrará en tu dispositivo y en el de la otra persona que está usando tu cuenta de forma indefinida, afectando a tu experiencia de lectura. Puedes consultar aquí los términos y condiciones de la suscripción digital.