_
_
_
_
_
Reportaje:Luces

A arte galega que se goza fóra

Un bo número de creadores formados en Galicia teñen que marchar a outros puntos de España ou do estranxeiro para atopar mellores oportunidades

O Madrid de hoxe non ten unha efervescencia cultural como a que tiña o París dos anos 20, mais para algúns artistas plásticos galegos a capital converteuse na terra prometida na que poden atopar persoas e espazos axeitados para desenvolveren a súa carreira. Os alugueres son moi elevados pero tamén o son as oportunidades para atopar unha galería interesada no seu traballo ou un lugar que promova aos artistas novos e organice de xeito continuo exposicións dedicadas a eles. A situación é similar si botamos unha ollada ao que ocorre noutras capitais importantes coma Londres, Berlín ou Nova York, onde tamén hai artistas galegos na procura de mellores posibilidades para traballar.

O paradoxal é que Galicia conta nestes momentos co maior número de contedores culturais da súa historia. E moitos deles atópanse baleiros, sen financiación ou, o que e aínda pior, sen ideas para poder desenvolver unha programación que aposte polos novos valores da arte. Outras veces o que ocorre e que segue vixente o vello costume de programar a un artista de fóra (preferentemente cun apelido exótico) polo simple feito de selo, sen ter en conta se a súa calidade xustifica traelo a Galicia. Delo hai exemplos dabondo incluso en centros ou museos de certo prestixio. A difícil situación e a incerteza que rodean a institucións culturais que se distinguiron por apoiar aos artistas novos, coma a Fundación Caixa Galicia, por exemplo, non contribúe a aclarar o panorama.

A maioría dos que triunfan no exterior manteñen vencellos con Galicia
"En Madrid hai moitos espazos alternativos. Aquí necesitámolos"
"En Galicia as decisións xiran arredor de intereses persoais ou políticos"
"Non podería voltar a un lugar no que se me ignora. Sería un suicidio profesional"
Lo que más afecta es lo que sucede más cerca. Para no perderte nada, suscríbete.
Suscríbete

Moitos destes artistas que viven no exterior manteñen vencellos con Galicia tanto no terreo persoal coma no profesional. É o caso do lugués Carlos Maciá, que saiu de Galicia para estudar Belas Artes en Valencia e que logo se desprazou a Madrid para rematar a súa formación académica dar os primeiros pasos no mundo da arte. Actualmente vaille bastante ben e as súas pezas son moi solicitadas. Neste ano tivo unha exposición individual en Lisboa e a súa obra puido verse en diferentes mostras colectivas celebradas en distintos puntos de España, e noutra que tivo lugar en México. Maciá permanece vencellado a Galicia xa que ten galería en Vigo e ademáis vén a miudo para participar en proxectos como a mostra colectiva que tivo lugar hai un par de meses en Lalín, xunto a outros creadores novos.

O artista lugués considera que unha cidade como Madrid ofrece máis posibilidades para alguén que quera sair adiante no campo das artes plásticas. Nestes momentos él mesmo conta cunha beca do centro cultural Matadero Madrid, unha institución que apoia con moita forza aos artistas novos. "Nesta ciudade hai moitos espazos alternativos para expoñer e son lugares moi importantes para os artistas que empezan nisto. Incluso hai grupos que se xuntan para abrir espazos nos que se axude a exponer aos artistas emerxentes. Algo semellante debería facerse en Galicia, ás veces non son tan necesarios os cartos como outras cousas", indica Maciá.

Outro dos artistas galegos que residen en Madrid e que despertan un gran interés polas súas creacións é a coruñesa Victoria Diehl, unha moza cunha obra fotográfica moi impactante e que ten exposto as súas pezas en Roma, Londres e diversos puntos de España. Curiosamente, comparte galería galega con Carlos Maciá aínda que tamén traballa con outra ubicada en Extremadura. Estudiou na facultade de Belas Artes de Pontevedra e posteriormente completou a súa formación na Real Academia de España en Roma. O ano que vén disfrutará durante seis meses dunha das bolsas de Unión Fenosa para artistas novos. De tódolos xeitos, aínda que ela tivo bastante sorte cos premios e concursos en Galicia, apunta que non é doado abrirse camiño. "Para mín estar en Madrid é moi importante porque é unha das capitais da arte en Europa e hai máis posibilidades de que veñan persoas doutras cidades e poidan ver o teu traballo. Se teñen que desprazarse a Galicia, xa toda resulta máis complicado", indica Diehl.

Ás veces atopar un oco nun lugar no que a competencia é brutal acaba sendo máis doado que facelo na túa propia terra. Algo disto sucédelle ao compostelán Antón Cabaleiro, que leva vivindo máis de cinco anos en Nova York, onde chegou para facer un master cunha bolsa da Fundación Barrié de la Maza. O interese que desperta a súa obra demóstrano feitos como a invitación para expoñer na Bienal do Museo do Bronx ou o premio concedido a uns dos seus vídeos por parte do Museum of Art and Design da Gran Mazá. Unha selección da súa obra expórase entre decembro e febreiro en dúas galerías neoiorquinas.

Cabaleiro é contundente ao sinalar que nunha cidade tan competitiva como Nova Yorka vantaxe é que os axentes culturais atenden á calidade das obras que producen os artistas, mentres que en Galicia "moitas veces as decisións xiran arredor de intereses persoais ou pseudo-políticos daqueles que as toman, e iso non leva a ningures". Na súa opinión, tamén existen en Galicia bos profesionais, pero o problema ó que os que non o son "entorpecen o camiñoo de todos e fan que moitos teñamos que marchar". O artista compostelán traballa cunha galería ourensá e agradece a institucións coma a Fundación Laxeiro e o Museo de Arte Contemporánea (Marco) de Vigo que presten atención ao seu traballo dende a distancia. Tamén o fai o Macuf, o museo de Fenosa na Coruña, que lle concedeu este ano unha bolsa. Ante a pregunta de si pensa en voltar a Galicia, nalgún momento sinala que é curioso que en Santiago, a súa cidade natal, nunca viu interese polo seu traballo. "Non podería voltar a un lugar no que se me ignora, sería unha especie de suicidio profesional", sentencia.

O caso de Antón Cabaleiro non é único. Hai moitos artistas novos espallados polo mundo adiante que reciben máis atención nos lugares onde residen que na súa terra de procedencia. A coruñesa Ángela de la Cruz, por exemplo, converteuse nun dos nomes máis destacados do panorama artístico español traballando dende Londres. O compostelán Rubén Ramos Balsa vive en Noruega e traballa en diversos proxectos de ámbito internacional, aínda que tamén expón con frecuencia en Galicia. O grafiteiro vigués Nano 4814, que chegou a levar o seu traballo a unha institución tan prestixiosa coma a Tate Modern londinense, reside agora en Madrid. Todos eles destacan pola súa presenza internacional. A pena é que a maioría sexan case descoñecidos aquí.

A maioría destes artistas mantén unha relación profesional con Galicia e a súa obra pode verse cada certo tempo nalgún dos numerosos centros de arte e museos espallados polo país. Quizáis habería que prestarlles unha maior atención para que máis persoas poidan achegarse a súa obra. Dende logo o que sobran en Galicia son espazos expositivos onde presentar mostras que saian do mainstream. O que se bota en falta é que os seus responsables saiban dar resposta a esta demanda.

"Bótanse en falta espazos alternativos"

O ourensán Jorge Perianes é a excepción que confirma a regra porque vive en Vigo, pero iso non impide que a súa obra teña unha importante presenza tanto no resto de España coma no estranxeiro. Nestes momentos é, sen dúbida, un dos artistas galegos que máis soa no panorama español. Viaxa bastante, especialmente a Madrid, onde agora conta cunha exposición no centro cultural Matadero.

En Galicia a súa obra puido verse en todos os centros e museos de arte contemporánea importantes. Curiosamente o que non conseguiu foi expoñer aínda na súa cidade natal. Nas vindeiras semanas a súa obra poderá verse na biblioteca da Cidade da Cultura, onde participará nunha mostra colectiva, e máis adiante presentará unha exposición nunha galería coa que traballa en Miami.

O feito de vivir en Galicia non é unha limitación no seu caso, aínda que recoñece que ten máis contacto con xente de Madrid que de Vigo, malia vivir nesta última cidade. Na súa opinión, aquí hai boas condicións para poder traballar porque existen galerías, museos e coleccionistas como ocorre noutros puntos de España. "Vexo claramente que o que faltan son espazos alternativos que cumpran a función que ten, por exemplo, a sala Matadero", indica. Pola exposición que presentou ata mediados de novembro neste espazo xa pasaron preto de 25.000 persoas, e iso que a sala non conta cunha ubicación moi céntrica.

Perianes sinala que moitos dos artistas da súa xeración viven fóra ou están obrigados a manter contacto permanente co que ocorre noutros lugares. "Co tema da crise os presupostos son máis axustados e hai que traballar aínda máis, pero segue a haber oportunidades para sacar o teu traballo adiante. A rendibilidade non é moi elevada, e iso que eu non me podo laiar porque teño moitas oportunidades para traballar", explica. Como outros dos artistas dos que se fala neste artigo, tivo a oportunidade de disfrutar dunha bolsa de Unión Fenosa que aproveitou para facer dúas estadías en Berlín e Nova York.

O artista ourensán acostuma a traballar con instalacións que adapta aos espazos nos que se vai a ver a súa obra. As súas pezas caracterízanse por procurar a implicación do espectador, que nunca poder permanecer indiferente ante o que está a ver. A poesía, a filosofía e a crítica social son instrumentos dos que se vale Perianes para suscitar cuestións ao público. Para completar as súas pezas sempre resulta necesaria a implicación de quen as contempla. Sen dúbida o seu nome xa soa con forza no panorama artístico español e seguirá facéndoo nos vindeiros anos, se continúa traballando coma ata o de agora.

Regístrate gratis para seguir leyendo

Si tienes cuenta en EL PAÍS, puedes utilizarla para identificarte
_

Archivado En

Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
_
_