_
_
_
_
Reportaje:EPISODIOS GALEGOS | Luces

Que ben coxea a cultura galega

Manuel Rivas

O incríbel da cultura galega, malia todo, é o ben que coxea.

Hai ese conto popular tan pedagóxico, tan ilustrativo, do envexoso que adoece, e cada día máis, porque pensa que todo o que ten o veciño é mellor. A vaca dá máis leite, a maceira ten máis mazás, e así todo. Entón o moi rabudo fai un pacto co demo para tomar avantaxe. Ao primeiro, semella que a cousa funciona. Agora parécelle que todo o seu é moito mellor. Aínda por riba, o outro ten un accidente. É atropelado por un camión. Pasan os días, o envexoso está decote á espreita, a alucar, por ver se outro volve e en que condicións. E por fin volve. Lévalle moito tempo baixar do taxi. Para andar, apoia en muletas. Unha corrente anovada de anoxo percorre as neuronas do envexoso, que murmura cun serrar de dentes:

Hai dúas tarefas paralelas e prioritarias: gañar público en Galicia e sermos nómades

- Que ben coxea este cabrón!

Iso é o que ten a cultura galega. O xeito estilizado, artístico, que ten de coxear. Unha cultura xenerosa, a nosa coxa! Dá para os que a queren e para aqueloutros que cada día alucan e rosman: "Pero, e logo esa tola, aínda anda por aí?".

Este é un mester curioso que se dá en Galicia. A xente que vive de rosmar a conta da cultura galega, de sometela a unha permanente vixilancia. Poderíanse erguer pola mañá e propoñerse traer algo novo ao mundo na lingua que lles pete. Crear. Facer agromar. Mais non. O seu é latricar ao paso da coxa, que aínda canta no seu coxear.

Lo que más afecta es lo que sucede más cerca. Para no perderte nada, suscríbete.
Suscríbete

Verbo das axudas á cultura, vivimos un grande equívoco debido a estes produtores profesionais do odio. Os subvencionados por criticar as subvencións á cultura en galego. A xente debe saber que a cultura galega é a menos subvencionada do Occidente occidental. Mesmo habería que revisar os conceptos. Ese de subvención, por exemplo. Se unha administración merca unha porcentaxe dunha edición dun libro para bibliotecas, o que vai posibilitar o acceso gratuíto, non está a dar ningunha axuda. Está a pagar pouco, e con grande atraso, polo que vale moito. E en todos os países hai un canon de lectura escolar. Axuda, axuda é, por exemplo, dar a fondo perdido miles de euros para que unha elite merque coches de alta cilindrada. A cultura galega dá moito máis do apoio que se lle presta. Claro que crea postos de traballo! E que hai de malo niso? Mesmo dá traballo aos que a apupan.

O problema dun país nunca serán os 'titiriteiros'. Cantos máis, mellor será ese país. Máis feliz. O problema son os troleiros. Os que viven da Gran Trola da "imposición" do galego.

Vexamos a realidade dende outra perspectiva. O orzamento que a Administración galega destina nun ano ao libro galego é unha cantidade menor que o custe do mantemento dunha soa sede do Instituto Cervantes, das ducias que ten mundo adiante. E conste que eu non teño nada contra o Cervantes. Pola contra, oxalá se espalle máis e teña longa vida.

E aínda así, o ben que coxea a cultura galega! Saben por que? Porque está sostida por xente amadora. Xente que procura a profesionalidade, sen por iso deixar de ser amadora. No sentido máis etimolóxico. Apaixonarse polo que fas. Apostar a cabeza polo que fas. Non hai unha cultura en abstracto, senón persoas criadoras, cultivadoras Se resistiron, na adversidade e mesmo no exilio, non foi por fanatismo, senón por constituírse dende as orixes en hábitat de liberdade en permanente levedo. Nin a lingua nin a cultura son unha pertenza nin a muleta política de ninguén. Mesmo nos intres máis comprometidos, sen deixar de denunciar o horror, a literatura e as artes galegas preservaron a súa autonomía. Isto explícao con fundamento e xeito Antón Figueroa en Ideoloxía e autonomía no campo literario galego (editorial Laiovento).

Xa sei que mudar a suspicacia e a indiferenza nun mínimo interese ou afecto é tarefa dun tempo máis amábel. Pero o que si se merece o mundo da cultura galega, na súa condición de espazo creativo e cultural, de rede social tecida por moitas vontades indómitas, é polo menos un respecto.

Até aquí o desafogo.

Como na casa do ferreiro coitelo de pau, e hai xente do coiro de Xudas, eu para recuperar a moral e coller azos o que fago é recorrer a fontes foráneas, dispensando.

Vexan o que di Antonio Gamoneda a María do Cebreiro, no último Protexta, o magnífico suplemento de crítica de Tempos Novos: "O caso galego paréceme moi especial, moi serio e enormemente positivo. (...) E en Galicia a causa da fortaleza desa conciencia, digamos territorial, á fora de sentírense galegos, os escritores no século pasado foron moi conscientes da importancia da conservación e mesmo do crecemento da lingua. Isto fixérono os escritores, non fundamentalmente, pero si por enriba e mais alá das foras mediáticas. Penso que se sacásemos a media cualitativa da literatura de Galicia e a doutras rexións de España, ou do resto de España na súa totalidade, sería máis alta en Galicia. E penso que isto ten que ver coa vontade de vivificar a lingua, que estes dous feitos se deron en paralelo. Por iso Galicia, nesa orde, está nunha situación afortunada".

Gamoneda apunta algo esencial. A nosa forza é a creatividade. Se non a partillamos, esa creatividade pode murchar nun país que as veces semella afundirse no baleiro como o mapa que debuxa Xaquín Marín. Ademais, é unha condición necesaria para a creatividade, e mesmo para a supervivencia da lingua, que o que naceu en galego viva todas as vidas posíbeis, todas as metamorfoses. E o camiño son as traducións. Darse a coñecer nos idiomas do outro, dos outros.

Hai dúas tarefas paralelas e prioritarias: gañar público en Galicia e sermos nómades. A nós non nos presta o modelo Titanic. Somos unha dorna. Un obradoiro portátil. Necesitamos moitas pequenas estacións. Small Station, ese é o nome emotivo da editorial que vai publicar a obra completa de Lois Pereiro en inglés. O alma mater é Jonathan Dunne. El foi o verdadeiro artífice dunha das máis importantes iniciativas, senón a máis, de difusión da poesía galega. O suplemento Contemporary Galician Poets, que vén de editar a Poetry Review, unha garantía de que esa dorna poética chegará a miles de lectores en todo o mundo, non soamente pola distribución libre senón polo número de subscritores.

É un acontecemento feliz, unha histórica travesía ultramarina, que permitirá chegar a outros portos. E atinou quen, dende a administración, lle deu apoio. como se atinou coa edición das antoloxías en inglés do mesmo Jonathan Dunne e a de Antonio de Toro. Nada sería posíbel sen o factor humano. Sen estes amadores que apostan o seu tempo e mesmo a súa cabeza pola beleza que coxea como aquela filla de Ryan.

Regístrate gratis para seguir leyendo

Si tienes cuenta en EL PAÍS, puedes utilizarla para identificarte
_

Archivado En

Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
_
_