_
_
_
_
_
Luces

O gaiteiro de buxo

- Emilio Corral, cun século feito, é o máis veterano do instrumento en Galicia - Formou parte do grupo da Banda coruñesa, hai máis de 60 anos

Fixo os cen e está coma un buxo. Emilio Corral é rexo, da mesma madeira da que están feitas as gaitas que vén tocando dende hai nove décadas. A dureza do material debe pegarse ao músico, porque outro veterano gaiteiro, Francisco Paradela, tamén chegou a soprar as velas do centenario. Corral é o más lonxevo, o mestre dos mestres, e ten melodía para rato.

Naceu en 1910 na Coruña. O seu avó era gaiteiro, de Rábade (Lugo), e o pai, bo bailarín, acompañábao ao tambor. Con el acaba a estirpe: "Nin os fillos nin os netos seguen a tradición".

Aínda que a vocación lle vai no sangue, a formación chegoulle por vía académica: primeiro aprendeu música nas Escolas Populares Gratuítas, onde estudiaba; logo, xa con dez anos, foille collendo o xeito aos instrumentos, primeiro o clarinete e logo a gaita, aínda que lle custou temperar o fol. Debutou de camiño á Torre de Hércules, con motivo dunha excursión ao faro das escolas Labaca. "Nun brazo levaba a gaita, e noutro a merenda", lembra. De mozote, entrou na agrupación Cántigas da Terra.

Como músico, viaxou 42 días por Colombia, onde lle ofreceron traballo
"A gaita deume alegrías, pero aos gaiteiros non nos trataban ben"

No tempo da Guerra Civil, mobilizárono para traballar na Fábrica de Armas, como montador de precisión. Coas mans servía á causa franquista e co corazón á republicana: "Polas noites poñía a radio clandestina e escoitaba falar a Salvador de Madariaga con admiración". Por aqueles tempos, non estaba o almacén para gaitas: "Durante os tres anos da posguerra estiveron prohibidos os bailes". Logo, houbo que vivir ao son do réxime de Franco.

Lo que más afecta es lo que sucede más cerca. Para no perderte nada, suscríbete.
Suscríbete

Corral foi parte da formación inicial da Banda da Coruña, hai máis de 60 anos. É o único daqueles músicos que aínda vive. Así, converteuse en funcionario municipal, en músico por oposición. Tocou no grupo de gaitas creado dentro da propia banda coruñesa. "Aquel grupo fora idea do alcalde Alfonso Molina, que era moi afeccionado", lembra. Todos os veráns, Molina levaba ao grupo a Muxía para que actuaran diante de Carmen Polo e as súas amizades: "Franco non che era de romarías, esa vida social facíaa a súa muller".

O instrumento foi o seu pasaporte para ver mundo: "Teño viaxado moito, pero lembro sobre todo unha viaxe de 42 días a Colombia". Alí, un rico emigrante de orixe coruñesa propúxolle quedar no país para dar clases, pero rexeitou a oferta. Non foi a única ocasión que tivo de facer as américas grazas ás súas dotes musicais: "Nos anos 60, Antoñita Moreno ofreceume un posto na súa compañía gañando mil pesetas diarias, daquela unha fortuna, pero eu non quería marchar para fóra de Galicia".

Si que probou outros escenarios, como parte da orquestra Los Satélites e de Los Tamara, pero tivo que deixalo por incompatibilidade coa Banda. Na formación municipal coruñesa sempre estivo moi ben considerado. Aínda hoxe, acompañado do seu fillo, non perde unha soa actuación, xa de espectador. Fai un mes, dedicáronlle un concerto coma homenaxe polo seu centenario.

Non é dos que lle gusta mollar a palleta. Nunca foi gaiteiro de taberna, pero si bo tertuliano. Garda os detalles na memoria como se foran notas escritas nunha partitura, e ensina con orgullo os seus discos. El foi o primeiro en fusionar nunha única peza o son de dúas gaitas distintas, as dúas tocadas por el: "Cousa das mesturas, algo sorprendente na época". Mentres conta esta experiencia, o gaiteiro Pepe Temprano, mestre tamén do instrumento e visitante asiduo de Corral asinte: "É o gran gaiteiro que nos queda en Galicia; o que fixo no seu momento non o fixera ninguén, os seus discos foron un referente para todos nós".

A Corral non lle faltan premios, entre os máis destacables o gañado en 1956 no Festival de Llangollen, no País de Gales, pola súa interpretación de Arrechégate Lourenza, do mestre Farto, e o premio do Festival de Gisors en Normandía, conseguido no 1961. En 1968, a Real Academia de Belas Artes outorgoulle a medalla Marcial del Adalid, xunto ao seu amigo o gaiteiro Paradela.

Con todo, o mellor recoñecemento é o que lle fixo o membro da Real Academia Galega Sebastián Martínez-Risco, quen, alá por 1964, o nomeou Gaiteiro Maior do Reino de Galicia e chegou a asegurar que unha muiñeira interpretada por Corral "debería figurar no museo da música". É un dos momentos que leva anotados na partitura da súa vida. O outro, segundo conta, tivo por protagonista ao seu admirado Salvador de Madariaga. Foi con ocasión dunha recepción a Madariaga no Concello da Coruña á morte de Franco: "Alí estaba eu coa gaita, e entón el quedou a mirar, achegouse a min e púxose a cantar en galego: O gaiteiro de Loroña / mala centella o xante / non quere tocar a gaita / sen que lle dean chiculate".

O mestre ten moito que ensinar, pero é parco en consellos. Só insiste nunha recomendación: "Primeiro débese aprender solfexo, e despois coller a gaita". E anima ás mulleres: "Hai moitos anos que eu vin mulleres gaiteiras en Francia". Aquí empezaron tarde, pero están a tempo.

"A min a gaita deume moitas alegrías, pero os gaiteiros non eramos ben tratados, considerábannos músicos de segunda", confesa. Corral pensa que agora corren bos tempos para a gaita. Non cre naquel refrán que di: "A gaita mala non é, mais faltará quen a toque". Hai futuro, e el que o vexa. Aínda non está por cambiar gaitas por campás.

Regístrate gratis para seguir leyendo

Si tienes cuenta en EL PAÍS, puedes utilizarla para identificarte
_

Archivado En

Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
_
_