_
_
_
_
_
EPISODIOS GALEGOS | Luces
Columna
Artículos estrictamente de opinión que responden al estilo propio del autor. Estos textos de opinión han de basarse en datos verificados y ser respetuosos con las personas aunque se critiquen sus actos. Todas las columnas de opinión de personas ajenas a la Redacción de EL PAÍS llevarán, tras la última línea, un pie de autor —por conocido que éste sea— donde se indique el cargo, título, militancia política (en su caso) u ocupación principal, o la que esté o estuvo relacionada con el tema abordado

Deus, Galicia e o 'Tribunal de Orden Público'

Manuel Rivas

O día en que o presidente da Xunta era recibido no Vaticano polo Papa Bieito XVI celebrábase en San Bartolomeu de Pontevedra o funeral de corpo presente por Manuel Espiña. Sen flores, sen esquelas. E eu diría que sen morte. Porque Manuel Espiña, nacido en Folgoso (Terra de Montes), cóengo da Colexiata de Coruña, fundador da comunidade do Home Novo, un santo clandestino e minimalista, sempre coas mans e as palabras cheas de frangullas de felicidade, Espiña, digo, enfrontouse á morte no seu día. Sen medo, a peito descuberto.

Foi en setembro de 1975. O ditador, nas portas el xa da porte, aínda tivo a derradeira vileza de asinar cinco condenas a pena de morte contra outros mozos antifascistas. Nin o rogo de Pablo VI conseguiu abrandalo. Nin o teléfono atendeu. Cando chamou o Papa, el mandou dicir que estaba a durmir.

O retrato deste Goberno, un ano despois, é a dun grupo humano que mira con estupor o país

Houbo un cura en Galicia que subiu ao púlpito ese domingo e chamou ao crime e ao criminal polo seu nome. E dixo que o ditador non estaba por enriba da lei de Deus, aínda que moitos fanáticos o cresen. Non, non foi hai tanto tempo. Manuel Espiña sabía que no templo había membros da policía secreta do franquismo a anotar as súas verbas. Sabíao ben, porque alí, na igrexa das Capuchinas da Coruña, ían cada domingo dende que en 1965 o arcebispo Quiroga Palacios autorizou aos padres Espiña e Morente a dar a santa misa en lingua galega.

Foi unha revolución. En realidade, Manuel Espiña non era un carácter para levar adxectivos. Era conservador e progresista, segundo en que cousas. Revolucionario? A iso dá unha boa resposta Victorino Pérez Prieto no seu magnífico libro Galegos e cristiáns (Editorial Sept), cando nos fala dun "cura con sotana" que, sobre todo, é un home bo: "Sería moito máis adiante cando descubrirá o galeguismo como compromiso cunha terra e o cristianismo como 'unha revolución sen estrear'".

Mais volvamos ao Vaticano, esta segunda feira. Segundo o testemuño de Núñez Feijoo, o Papa moveu con estilo a pequena réplica do botafumeiro con que foi agasallado e tamén preguntou se o Códice Calixtino, outro agasallo, estaba en lingua galega.

Lo que más afecta es lo que sucede más cerca. Para no perderte nada, suscríbete.
Suscríbete

Mágoa que o xefe da Igrexa católica, a gran fe da maioría da xente galega, non preguntara por Espiña, o autor de Terra santa e un dos primeiros en verter os Evanxeos ao galego, que estaba a ter a derradeira despedida nese intre, cuberto o cadaleito coa bandeira galega, mentres no adro soaba o himno coa elevación das gaitas. E o Papa non sabería del, ho!

Si. É posíbel que Bieito XVI non se lembrase, mais aqueloutro que foi antes de ser papa, o cardeal Ratzinger si. El, o prefecto do Santo Oficio, el si tiña que saber a historia de Espiña. El tiña, ten, toda a información na cabeza. El sabería a historia daquel cura da Coruña que se atreveu a chamar verdugo a Franco. Que foi xulgado polo Tribunal de Orden Público (TOP) da ditadura e condenado finalmente a unha multa de 150.000 pesetas, que daquela eran millóns.

E tampouco non tería nin idea o señor Núñez Feijóo?

Coido que teño unha resposta para esta última pregunta. Non creo que o presidente da Xunta nin ningún dos seus conselleiros souberan de Espiña, autor d'A alma dos galegos. O retrato deste Goberno, un ano despois da gañar as eleccións, é o dun grupo humano que mira con estupor o país que goberna. Criticouse moitos días á Rosa Pexorativa, que non era a primeira que piaba, mais o rosadiecismo é unha compoñente ideolóxica fundamental do actual grupo dominante na dereita galega. O rosadiecismo está representado nos dicires e nos feitos de gran parte da Xunta e dos voceiros na política e na opinión xornalística.

Espiña non calou ante os devoradores do galego, por moi poderosos que fosen e cando os tempos eran dun viruxe que facía tremer as carqueixas. El publicou sempre en galego, e perante trinta anos, a sección O outeiro de San Xusto, La Voz de Galicia. Comezou en xaneiro de 1970, a proposta do entón director Francisco Pillado. Cada domingo, Espiña subía un chanzo daquel outeiro. Era unha epístola cada vez máis valente, máis luminosa, máis ecuménica, máis radical no sentido de profundadora.

Era un home dotado dunha "sinxeleza bíblica". E ese era o seu xeito para se relacionar con todo. Sabía que Xesús Cristo e os seus falaban a lingua do pobo, non tiñan complexos, e mesmo as imaxes e as parábolas recollidas polos evanxeos, e mesmo ese sentido común revolucionario que trouxo en moitos eidos o cristianismo, todo iso estaba moi inspirado pola cultura popular. El mamou o galego como o fillo do carpinteiro o arameo. Home animado, afábel, risoño como santo cómico con sotana, levaba con dor o calvario da lingua na que naceran as Cantigas de Santa María: "Galicia está viva, nunca estivo morta, aínda que houbo quen lle cantou o funeral. O espírito de Galicia sempre estivo con ela... Mais temos que confesar que en Galicia hai moitas cousas mortas e outras a piques de morrer. O máis grande que temos, a nosa lingua, pra moitos é como as follas secas, que se espera que o vente as leve a calquera recanto onde apodrezan... O pecado vén de moito atrás, xa case é pecado orixinal".

Unha vez nomearon un bispo que non quería saber nada do galego e entón Espiña mudou o desacougo e o fastío en humor e escribiu por primeira e última vez a sección co título El oterito de San Justino: "Pude ver con toda claridad que eso de que Galicia es diferente a Castilla y de que tiene una lengua e identidad propias, es una absoluta tontería. Aquí el noventa y cinco por ciento de los curas hacen todo en castellano y sus obispos también, y el diminuto número de disidentes es por política, y una política heterodoxa, separatista, revolucionaria y casi atea".

O Outeiro era o seu Sermón da Montaña, que non pretendía adoutrinar, senón, como os doce consellos de Xesús, espallar a Lei do amor. Esa que ten por regra de ouro: "Facede vós cos demais todo o que desexades que fagan eles convosco". El tiña moi presente o primeiro dos consellos: renunciade a acumular tesouros perecedoiros e buscade o tesouro que non esmorece endexamais. Con ese tesouro andaba o noso home. Cando lle puxeron aquela multa impagábel por denunciar a inhumanidade do medio de tanto silencio cómplice, chegoulle una inesperada axuda. A do pintor Luís Seoane, que lle enviou un dos cadros emblemáticos da pintura galega moderna: O Cristo obreiro. E co cadro unha mensaxe: "No Deus que vostede predica, tamén creo eu".

Si, a morte pasou de lonxe cando o enterro de Espiña. Respectouno. El non fora covarde. Dixéralle a verdade, pan por pan, o día miserábel.

Regístrate gratis para seguir leyendo

Si tienes cuenta en EL PAÍS, puedes utilizarla para identificarte
_

Archivado En

Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
_
_