_
_
_
_

A Penzol recupera o gabinete de Piñeiro

A súa célebre mesa de braseiro exhíbese en Vigo

Hai case dúas décadas que ninguén senta nesa mesa e abre un dos miles de libros que compuñan a biblioteca que atraeu a varias xeracións de intelectuais durante o franquismo. O gabinete de Ramón Piñeiro (Láncara, 1915 - Santiago, 1990) no seu domicilio compostelán da rúa Xelmírez iluminou o vieiro escuro polo que trancorría a cultura galega. Dende onte, fai parte do itinerario formativo do presente.

Por encargo da Fundación Penzol, depositaria do fondo bibliográfico e patrimonial de Piñeiro, un equipo técnico coordinado por Henrique Monteagudo, María Dolores Cabrera e Xosé Soutullo vén de completar a reconstrución do famoso despacho que acolleu e alimentou os devezos de incontábeis xentes da cultura. A mesa de braseiro que Piñeiro empregaba como lugar de traballo e faladoiro ten nova dirección: a sede da Penzol, ubicada na Casa Galega da Cultura, en Vigo. O público xeral e os escolares xa son os seus novos visitantes.

A instalación conta coa moblaxe e a decoración orixinal, mesmo o tapete

Se o seu anterior domicilio compostelán era propiedade de Domingo García-Sabell, a nova casa de Piñeiro ten moito que ver con outro dos seus compañeiros de Galaxia, Francisco Fernández del Riego, director da biblioteca da Fundación. E, de paso, os artífices desta homenaxe (a Penzol, Galaxia, o Concello de Vigo e a Consellaría de Cultura) cumpren o desexo dun dos pupilos máis avantaxados do homenaxeado: Carlos Casares. O escritor, sucesor de Piñeiro á cabeza da editorial Galaxia, foi o primeiro promotor desta idea.

Practicamente toda a instalación está conformada pola moblaxe e a decoración orixinal, mesmo o tapete e o cristal que cobren a mesa de braseiro. Enriba do moble dispóñense moitos obxectos que parecen estar agardando a chegada do seu propietario dun intre a outro: os cartafois, o lapis, un monte de libros coroado por unha gastada edición d'A saudade portuguesa de Carolina Michaëlis, unha revista que anuncia en portada un dosier sobre o filólogo luso Manuel Rodrigues Lapa, colega e amigo. Recollidos, os seus lentes. A foto de Rosalía e uns azulexos coa figura de Castelao protexen o lugar do maxisterio.

A única réplica é a gran libraría acristalada, cunha envergadura que desaconsellaba o traslado e que tivo que ser reconstruída. Aí repousan uns 300 exemplares procedentes da inxente biblioteca de Piñeiro, en proceso de catalogación. "É unha colección moi persoal e chea de maxia, con libros dedicados, primeiras edicións de clásicos galegos e obras importantes do pensamento occidental", relata Monteagudo. Este sociolingüista da Universidade de Santiago foi un dos visitantes máis novos daquel cuarto: "As respostas de Piñeiro ás nosas preguntas podían durar horas, semellaba que sempre tiña tempo para falar naquel lugar encantado".

Lo que más afecta es lo que sucede más cerca. Para no perderte nada, suscríbete.
Suscríbete

Regístrate gratis para seguir leyendo

Si tienes cuenta en EL PAÍS, puedes utilizarla para identificarte
_

Archivado En

Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
_
_