_
_
_
_
_
Reportaje:Luces

O retorno de Narf

Fran Pérez, o ex guitarrista da Psicofónica, xunta a súa tribo artística en Totem, un disco de "música silvestre"

"Cancionista rock, ou algo así", di Fran Pérez, Narf. "Iso acaeríame mellor que cantautor pop. Intento inventar estruturas novas, pero a sonoridade do rock é a miña raíz". Catro anos despois de Directo en Compostela, o seu disco de presentación, Narf acaba de volver con Totem (Falcatruada), un disco que sintetiza dúas décadas de carreira musical en galego "con todo o control" sobre a produción artística. Asisí Producións, que partilla con Toño Vázquez, dispuxo o produto que edita agora Falcatruada, cos apoios de Lonxa Cultural e Nordesía en distribución e promoción.

"Eu chámoa música silvestre", resume Narf, especie rara da música galega, non afeita por demais ás fortes presenzas escénicas fóra do mundo folk. "Son cancións rudas, pero iso non lles ripa sofisticación", di. O músico compostelán fala do sentido de Totem, "cruceiro sen brazos", desde o punto de vista persoal. As súas escalas durante os dous últimos anos só deixaron de lado Asia e Oceanía, con paradas en Cuba, Inglaterra, Polonia, Portugal, Mozambique ou Suecia. O ano pasado quedou segundo no festival da canción en linguas minorizadas que organizou o país escandinavo (gañaron os lapóns).

A idea do Proxecto Narf xermolara tempo atrás en Maputo. Na capital mozambicana contactou en 2002 con Timbila Muzimba, a formación que modernizou o batuque e os xilófonos ancestrais, as timbilas, na súa emigración á cidade. En 2006, o espectáculo Bumba uniu a peripecia dos africanos coa inversa do trío que forman Narf, Pepe Sendón e Marcos Teira.

O centro musical dos galegos evolucionou moito desde as aventuras santiaguesas de finais dos 80 en bandas como Nicho Varullo ou Os Quinindiola. Do rock de guitarras en galego á improvisación sobre os xéneros existentes (na lembrada Psicofónica de Conxo, exemplo dunha narrativa pop en galego). Ata Narf e o seu esforzo por encaixar con limpeza rexistros dispares da música popular, dun xeito por veces naïf cando improvisan escalas de jazz.

Cruce simbólico

"Se tivera que describilo diría que é un cruce simbólico de músicas, máis sentimental que técnico", resume. En temas como Galician Lullaby, 25 de abril ou Afroblues, debullados en Inglaterra, ecoa o batoallo de estilos, mais Narf remarca que é "a vivencia" a que os fai dispares.

Lo que más afecta es lo que sucede más cerca. Para no perderte nada, suscríbete.
Suscríbete

Queda clara en Totem a contribución da tribo artística de Narf, todos eles músicos reputados. Ademais de Sendón (vibráfono e coros), Teira (guitarra española e cavaquinho) e o propio Narf, que aporta voz, baixo, guitarra acústica e eléctrica e piano en Não tem você, está o percusionista de Aveiro Joaquim Teles, Quiné. A lista de músicos convidados inclúe ao pianista Manel Rodeiro, a guitarra portuguesa de Carlos Peninha e as aportacións de Felipe González (clarinete) ou Xacobe Martínez (baixo). Narf compón letra e música en cinco dos 11 temas do disco, que se completa con préstamos e agasallos de Hélia Correia, Segundo Pérez Queiro, Xosé Velo, José Craveirinha, Xelís de Toro ou o tamén escritor Carlos Santiago, antigo cantante da Psicofónica, autor aquí de Soneto da seta e o neto e máis da nata e o soto.

"Co diñeiro de Xelís

[os cartos proviñan de Non hai misericordia, novela premiada en Lugo] fundamos en 1990 a discográfica Spectra, pero aquilo foi unha ruína", lembra Narf. Os fondos chegaron para pagar os debús de Nicho Varullo e Kinindiola, amais da edición da banda sonora de Río Bravo, da compañía Chévere, en 1990. Narf nunca deixou de lado a composición para o teatro. O vindeiro mes estréase en Tondela Chovem amores na rúa do Matador, da compañía portuguesa Trigo Limpo, sobre texto de Eduardo Aqualusa e Mia Couto. A música é de Narf e dos Timbila Muzimba. O músico compostelán nunca lle deu importancia ao feito de cantar sempre en galego. "Para nós iso era o normal" explica, "quizais a novidade agora é que se valora máis, e a xente está máis desprexuizada ao respecto".

Regístrate gratis para seguir leyendo

Si tienes cuenta en EL PAÍS, puedes utilizarla para identificarte
_

Archivado En

Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
_
_