_
_
_
_
_
Crónica:GROUCHOS | LUCES
Crónica
Texto informativo con interpretación

Por que o PP apoia os Franco en Meirás?

Manuel Rivas

As Torres de Meirás foron para Emilia Pardo Bazán un refuxio para a lectura e a escrita silandeira e febril, pois sempre tivo que escribir o dobre que os homes para demostrar que valía o triple. Ademais de vizosa novelista, ela foi a mestra fundadora do relato moderno en castelán. Nese mester, agás contos de Clarín, non hai ninguén que estea á súa altura. O que pasa é que Emilia é outro patrimonio invisíbel, da que algúns picafollas só saben que trataba de "mi ratoncito" a Galdós. Na vez de andar a chamar os galegos a que pasen do galego e concentren os miolos no Inglés en Mil Palabras (o patriotismo paradoxal!), o que tiña que facer Mariano Rajoy era convocar a ler o castelán de Pardo Bazán.

En fin, que Meirás foi tamén en ocasións o silvestre lugar festivo da belle époque coruñesa, de merendas atrevidas ao Renoir. E un moi probábel escenario e niño de amores secretos. Mais daquela non había paparazzi.

MEMORIA HISTÓRICA E CAPRICHO HISTÓRICO

É cousa de película como as presenzas poden cambiar unha paisaxe. Mesmo un son, un simple son, pode transformar un lugar enteiro. En Vida e destino, Vassili Grossman conta como en Stalingrado as bandadas de estorniños sobrevivían imitando o son dos disparos. Meirás de dona Emilia, Meirás do Ditador, Meirás d'A Familia. Como mudaría ao longo dos anos a partitura dos merlos das Mariñas? Na película de Meirás entrarían todos os xéneros. O último episodio por agora é o da enigmática conexión: Por que sae o Partido Popular de Galicia na defensa da indefendíbel posición dos Franco no caso Meirás? Sen ninguén preguntarllo. Un deslice absurdo nun home coa intelixencia de Núñez Feijóo. O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia xa foi poñendo o capricho. Fronte as competencias de Patrimonio Histórico e o nidio procedemento para unha posíbel declaración de Ben de Interese Cultural, fronte a Comunidade Autónoma, fronte o Estado, que é o que hai? As sombras preguiceiras que viven dun Espectro.

Hai quen ten Memoria Histórica, e hai quen ten Capricho Histórico.

A VOCACIÓN DE 'MONCHO ES MUCHO'

Lo que más afecta es lo que sucede más cerca. Para no perderte nada, suscríbete.
Suscríbete

O dos Franco aínda se entende. Foi tanto o botafumeiro que a ver quen lles baixa o anhídrido carbónico! O de Ramón Ares, autonomeado Moncho es Mucho, ex alcalde de Sada, pois tamén algo se entende. O de Moncho non é memoria nin capricho histórico. É vocación. El sempre está en primeira liña na defensa dos Franco, con razón ou sen ela. Aínda que o namoro se produciu cando Moncho, mozo de botica, acudiu veloz en moto a subministrar calmantes para unha xaqueca de dona Carmen. Eu penso que a cousa de Moncho ten a súa orixe nunha metempsicose. Aquel día, despois do incendio do pazo, en que se deixou fotografar coa gorra mariñeira de Franco. Iso pasa. Hai transmigracións. O espírito da gorra díxolle: "Moncho, tenme conta desta tábula rasa, e tantarantán que vai para Noia!". E entón el asumiu esa misión histórica, a de ter conta d'A Familia en Meirás.

Cando Ramón Ares perdeu a alcaldía de Sada anunciou que se ía dedicar, á fin, ao que máis gustaba, é dicir, plantar patacas, cebolas e nabos. É un home simpático. Un lince coas metáforas. O que fixo foi plantar unha columna na prensa. E logo, defender os Franco. Mais iso en Moncho é o natural.

CHÁMANLLE PAZO A UN BUNGALÓ!

O que non se entende é o dos outros. O dos voceiros do PP, a comezar polo modernista Núñez Feijóo. Ningún propietario de ningún pazo ou predio singular atrancou o paso a Patrimonio Histórico. Ningún petrucio galego montou esta farándula. E a que vén agora defender a mala educación? Por que o PP de Galicia non quere que Meirás sexa declarado Ben de Interese Cultural? Só lles falta ir dicir que as pedras non son máis que pedras. E non será un xeito extravagante de antifranquismo o de Feijóo insinuar que o de Meirás nin pazo é? Polo oído, o que lle deron a Franco era un ranchito. Un fin de semana. Estes da Coruña foron sempre así. Chámanlle pazo a un bungaló!

Coido que o de Moncho motorista estilo Amarcord, entrando a cen no pazo coas aspirinas, podía ser unha secuencia potente para abrir as portas no filme de Meirás. Mais, para min, o intre decisivo da película tiña que ser o do ditador a ver as películas de debuxos animados coa familia. Entre outros fanatismos, Franco era un fanático de Walt Disney. El asinou condenas de morte até o final, mais logo emocionábase con Bambi e Dumbo. Escribiu cartas a Disney expresándolle a máxima admiración, pedíndolle autógrafos, como un cativo. Ás veces a vida é así, unha merda pinchada nun pau.

APAÑAR AUGA COA PENEIRA

O Partido Popular é un partido democrático, constitucional. Que se saiba, non figura nos seus estatutos ningún punto que estabeleza a defensa dun trato reverencial nin privilexiado diante da lei para a familia Franco. Defender o interese público e o cumprimento da lei non son trazos de dereita ou de esquerda, de españolistas ou nacionalistas. Por que esta teima en apañar auga coa peneira? Por que este empeño en alargar o pé máis que a manta?

Son dos que pensa que o que ocorreu en Meirás, en pleno de estado de guerra, foi un espolio indirecto e non unha doazón. En todo caso o destinatario érao en calidade de xefe de Estado e non como particular. Mais sei tamén que nunca haberá unha devolución.

Outra cousa é que sexa declarado Ben de Interese Cultural, e que poida ser visitado uns poucos días ao ano. Os Franco, o ex alcalde de Sada, os dirixentes do PP galego son todos xente patriótica. Que mellor uso do pazo que abrir as portas unhas horiñas ao ano a ese pobo que tanto aman? Despois de Franco, Disney!

O que un día vai atopar a solución será Moncho Ares, de volta á terra. Ao tempo. Será cando lle propoña a Carmen Franco dedicarse á agricultura biolóxica. E en vez de armar escándalo, pedir unha boa subvención.

Regístrate gratis para seguir leyendo

Si tienes cuenta en EL PAÍS, puedes utilizarla para identificarte
_

Archivado En

Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
_
_