_
_
_
_
_
Reportaje:DO TRINQUE | LUCES

O regreso dun clásico oculto

Reeditan a Vilanova e Mario Regueira publica a súa primeira novela

Entre os autores novos que proceden ao lento relevo xeracional na narrativa galega atópase Mario Regueira (Ferrol, 1979). Logo de se estrear en 2004 co volume de relatos Rebelión no inverno e de publicar o pasado ano un inmerecidamente desapercibido libro de poemas, Tanxerina, Regueira tira do prelo en Xerais a novela L'affiche rouge. Con título recollido da canción do francés Léo Ferré, L'affiche rouge trata sobre o cruzamento da liña de sombra, o paso á idade adulta dun grupo de mozos nados nos anos da restauración democrática. As diferentes maneiras de se enfrontar aos conflitos de identidade nun contexto de xerarquías centran esta novela de aprendizaxe e con vocación xeracional.

En Espiral Maior sae o debut narrativo de Paloma Calvo Varela (A Pastoriza, Arteixo, 1986). A vinganza da mantis xunta relatos, a meirande parte deles premiados, arredor de, en palabras do prologuista Henrique Rabuñal, "un abano de temas desde a droga ao paro, desde a familia ao mundo negro, desde o desexo á vacuidade metafísica". O primeiro libro de Calvo Varela aparece en edición da Concellaría de Cultura de Arteixo.

Co gallo do premio Novela Europea Casino de Santiago de 2006, a mesma editora pon nas librarías o último volume de Kazuo Ishiguro (1954), Non me deixes nunca. O autor, nado en Xapón pero residente en Londres dende 1960, centra o relato nun colexio exclusivo situado na campiña inglesa a finais do século pasado.

Dentro da abundancia que coñece, nos últimos meses, a tradución ao galego, Xerais anuncia a inminente saída de Terrorista, o novo libro de John Updike (1932), en tradución de Lara Domínguez Araújo. A novela do estadounidense, eterno candidato ao premio Nobel de Literatura, salta a recomendación de Norman Mailer -"para escribir sobre o 11-S haberá que agardar, polo menos, dez anos"- e narra a existencia dun terrorista suicida fillo de nai irlandesa-americana e pai exipcio.

Poesía recuperada

A editorial compostelá Follas Novas facilitou o regreso á literatura en galego de Manuel Vilanova (1944) o ano pasado. Con A esmeralda branca, e 21 anos despois d'A lenda das árbores de prata, Vilanova realizaba n'A esmeralda..., en palabras do crítico Isaac Lourido, "unha poética vertebrada pola crenza relixiosa de signo cristián". Agora, Follas Novas vén de sacar á rúa a segunda edición dun dos escasos libros de poemas en galego aos que se lle pode apor o adxectivo "lendario", E direi-vos eu do mister das cobras. Publicado orixinalmente en 1980, E direi-vos eu do mister das cobras constitúe un dos pivotes da segunda xeración de obras sobre as que xirou a renovación da lírica galega no final da década dos 70. Dun surrealismo frondoso e violento, con procedementos recollidos da colaxe, uso do versículo e unha activa potencia simbólica, E direi-vos... ficou no limbo da descatalogación até a iniciativa de Follas Novas. Un limiar de Isaac Lourido que restitúe a posición do libro e un epílogo do poeta e pintor Baldo Ramos -o texto co que presentou A esmeralda branca en Santiago de Compostela- completan esta reedición de E direi-vos eu do mister das cobras.

Lo que más afecta es lo que sucede más cerca. Para no perderte nada, suscríbete.
Suscríbete

Anxo Angueira (1961) reaparece no campo da poesía con Fóra do sagrado, da man Edicións Xerais. Despois de Val de Ramirás, en 1989, e de O valo de Manselle, en 1996, Fóra do sagrado é un poema longo -56 páxinas- arredor da cidade de Vigo. Libro que funciona por acumulación, e onde desfilan patronímicos, topónimos ou a historia negada da urbe, a súa dición atópase directamente marcada pola obra de Xosé Luís Méndez Ferrín.

Para o profesor Antonio Balboa (1966), logo do desprestixio ao que o celtismo foi sometido durante o século XX, e a partir de novas e recentes liñas de investigación, cómpre "clarificar a confusión existente". Balboa, no libro A Galicia celta, en Edicións Lóstrego, cualifica de ignorancia que se chegue a "negar tallantemente a celticidade de Galicia".

Regístrate gratis para seguir leyendo

Si tienes cuenta en EL PAÍS, puedes utilizarla para identificarte
_

Archivado En

Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
_
_