A motoserra da Xunta e o bosque de Macbeth
A néboa é ceguiña, dise nun poema de Noriega Varela. Pensaban que o vían todo claro. De aí ese xeito de falar e gobernar. A golpe de motoserra. A demouca: a deconstrución. Agora, claro, andan perdidos na néboa. Están ceguiños. No país dos camiños, van polo de ningures como unha santa compaña que se deixa conducir polos temerarios gurús da confraría do Óso, que leva anos rilando como couza o mapa de Galicia e o papel prensa. Non queda outra que recuperar o sentido común. Ir a Miranda, por Merlín e familia, e traer un camiño de quita e pon.
A Operación Entertainment fracasou. Non podía durar máis tempo. Mantívose mentres funcionaron as coproducións do tipo: Viaxe ao fondo do Bipartito (aventura), Aqueles chalados nos seus tolos cacharros (comedia en Audi e Iate), O Bipartito tiña un prezo (spaguetti-western) e Os buracos do Bipartito (pornografía en aberto). Mais agora emerxe unha realidade da que mesmo son conscientes sectores que desexaban a alternancia e o goberno dunha dereita moderada e reformista. Esa era a marca vendida pola factoría Núñez Feijóo e non outra. O que se atopan é un Goberno frouxo, desorientado e moi sectario. Un Goberno que carece de programa oficial, mais que se rexe por un "programa oculto".
Por que todo isto? Por que a gran trola dunha minoría ultra arrastrou a case todo o PP?
A estas alturas o único que de verdade sabemos é que ese programa oculto consiste en decotar e non en facer. É o programa xa coñecido como proceso de deconstrución ou a Gran Demouca. Unha salvaxe podadura que afecta ao mellor arborado galego. Unha derrama que vai acadando o fasquío dunha dramática tala: o recorte en axudas escolares, mesmo nos comedores, a anulación da proba de galego nas oposicións, a desaparición de Cultur.gal, a eliminación dos premios nacionais de arte e literatura, a anulación dun reparto eólico que por vez primeira puña en valor os proxectos industriais para Galicia, a entrega incondicional a intereses particulares de espazos naturais protexidos, a suspensión da xa de por si simbólica selección galega de fútbol, o boicot á reforma estatutaria, a anunciada derrogación do decreto para o ensino onde se establecía unha real cooficialidade... Este ano aínda se salvou o San Froilán!
O ditador brasileiro Getúlio Vargas, posto a mandar, decidiu tamén asumir o poder de nomear el os compoñentes de selección e o equipo que saltaría á cancha para representar a Brasil. O que non se coñece no panorama internacional é a disolución por orde da autoridade política dunha selección que representa a unha "nacionalidade histórica" e na modalidade deportiva máis popular. Estrañísimo o silencio dos directivos do fútbol galego e do conxunto dos deportistas. A este paso só vai ficar constituída a Asociación de Criadores da Galiña de Mos.
Repasei agora as notas dunha conversa mantida co actual presidente da Xunta en vésperas de eleccións. Unha conversa entre político e xornalista. Nunca antes falara con el e lembro a boa impresión que me deu daquela. Unha das notas di: "Nós nunca provocaremos unha guerra lingüística en Galicia. Pode haber pequenas modificacións, como variar as puntuacións no caso dos médicos, para que se valore máis a competencia profesional. Pero polo demais, non cambiaremos o rumbo da política lingüística". Era a súa resposta a unha pregunta coa que eu titulara un artigo: "Quere a dereita unha guerra lingüística en Galicia?". Ese título incomodara a Feijóo e o hoxe presidente chamou para negar con vehemencia semellante propósito. Agradecín a información e a conversa posterior. Crin na súa palabra. Talvez o primeiro candidato descoñecía o "programa oculto".
Porque é evidente que o primeiro obxectivo dese "programa oculto" era provocar a guerra lingüística. Digan o que digan, na campaña electoral non se explicitou ningunha Gran Demouca. Os ventrílocuos do poder xustifican agora os derrames provocados polos amadores da motoserra gobernante coa escusa dos votantes. Os votantes, pobriños, terman de todo. Se un día demoucan os fondos para traducións de linguas estranxeiras ao galego e viceversa, eles que tanto falan de cosmopolitismo cultural!, pois é culpa dos votantes, que votaron o que votaron. Mais eu non coñezo a ningún votante da dereita que votara para amolar aos tradutores. Mesmo hai algúns que teñen fillos tradutores e que están a piques, eles tamén, de presentarse na ferraxaría e mercar a prazos unha moderna Husqvarna para participar de xeito máis activo na política cultural. Haber hai xente para todo, mais eu tampouco coñezo a ninguén que fose votar para que se fulminase a selección galega de fútbol nin para queimar os mandilóns das galescolas na cruz dos farrapos da catedral de Santiago nin para reducir as prazas dos comedores escolares, nin manter pechadas as residencias dos vellos xa construídas en Vimianzo e Monforte, nin para que lle guindaras a enerxía eólica ás empresas galegas...
A que se debe este programa político de estilo gore? Por que ás veces hai membros deste Goberno que actúan como se participasen nunha remake do filme La matanza caníbal de los garrulos lisérgicos, fito inesquecíbel do xénero, dirixido en 1993 polo gran Antonio Blanco?
O máis grave na Gran Demouca é dende logo o derrame lingüístico. Estes meses de maltrato, de acoso coa motoserra á máis importante creación cultural dos galegos, que é a lingua. De maltrato e ofensa, por tanto, non soamente a quen a fala senón a todas as persoas que a queren, sexa en Galicia ou no Timor Leste. Por certo alí, nas antípodas, hai un presidente, Ramos Horta, premio nobel da Paz, que é un amador da Galiza, da súa lingua, da súa cultura.
A pregunta é: Por que todo isto? Por que a gran trola dunha minoría ultra arrastrou a case todo o Partido Popular? Por que ningún dos deputados ou alcaldes piou ante a aplicación deste "programa oculto", inspirado pola FAES e por gurús autóctonos que soen cobrar de Deus e do Diaño a un tempo?
Hai que descartar a maldade. Case nunca é unha explicación útil para abordar os comportamentos políticos. En todos os anos de transición e autonomía, é este o Goberno que máis politizou a cuestión lingüística. Coido que non por odio á lingua, senón por un interese de estratéxico: eternizarse no poder levantando un muro dentro da esquerda entre galeguistas e non galeguistas. Crear a imaxe de toda coalición progresista como parella adúltera.
Dá a impresión de que se conseguiu o contrario. Como en Macbeth, as árbores demoucadas de Birnam xa avanzan na néboa cara o castelo de Dunsinane.
Tu suscripción se está usando en otro dispositivo
¿Quieres añadir otro usuario a tu suscripción?
Si continúas leyendo en este dispositivo, no se podrá leer en el otro.
FlechaTu suscripción se está usando en otro dispositivo y solo puedes acceder a EL PAÍS desde un dispositivo a la vez.
Si quieres compartir tu cuenta, cambia tu suscripción a la modalidad Premium, así podrás añadir otro usuario. Cada uno accederá con su propia cuenta de email, lo que os permitirá personalizar vuestra experiencia en EL PAÍS.
En el caso de no saber quién está usando tu cuenta, te recomendamos cambiar tu contraseña aquí.
Si decides continuar compartiendo tu cuenta, este mensaje se mostrará en tu dispositivo y en el de la otra persona que está usando tu cuenta de forma indefinida, afectando a tu experiencia de lectura. Puedes consultar aquí los términos y condiciones de la suscripción digital.