Un cuarto de século no ronsel do 'piñeirismo'
Entre a "alta asesoría" e a organización de debates, unha peza máis do mesto tecido institucional da cultura de Galiza ou a súa cabeza visíbel, entelequia de Ramón Piñeiro ou lugar de encontro, o Consello da Cultura Galega (CCG) cumpre 25 anos de idade. Creado no inicio da consolidación autonómica, o organismo naceu vencellado ao galeguismo culturalista e contou catro presidentes no esteiro piñeirista: o propio Ramón Piñeiro, Xosé Filgueira Valverde, Carlos Casares e Alfonso Zulueta de Haz. O historiador Ramón Villares encabeza a institución dende abril de 2006, nunha etapa paralela á fin da hexemonía conservadora no Goberno galego e que presenta a celebración do seu primeiro cuarto de século con perspectiva de autorreflexión.
Carlos Callón pide "coordinación" entre institucións culturais
Álvarez Pousa esixe a reforma total da lei de creación do Consello da Cultura
"Os novos rumbos introducidos centran o labor do Consello en dous ámbitos", explica o presidente Ramón Villares, "os foros, é dicir, o laboratorio de ideas, e a proxección exterior da cultura galega". O carácter de espazo para "encontros e debates", que a presidencia do escritor Carlos Casares potenciou, materialízase en xornadas, ciclos de conferencias ou mesas de debate. O aniversario deste ano serviu, tamén, para poñer en marcha seis "foros de debate", o primeiro, en abril, titulado Galicia na sociedade do coñecemento e dirixido por Domingo Docampo. "Pero o debate ao que se ten que enfrontar o Consello é ao de como facerse máis operativo", argumenta o xornalista e director da revista Tempos Novos, Luís Álvarez Pousa.
Para Álvarez Pousa, que no ano da creación do CCG, 1983, era director xeral de Cultura, o órgano "funciona como lugar de xuntanza de celebridades, e iso está ben, pero non abonda". Nos últimos tempos, pasaron polas instalacións da ala norte do Pazo de Raxoi, onde se atopa o Consello dende 1994, astros do pensamento contemporáneo, entre outros o filósofo esloveno Slavoj Zizek ou o politólogo arxentino Ernesto Laclau. "Considero que o obxectivo último do CCG debería ser a contribución á emerxencia do que denomino unha cidadanía cultural", opina o xornalista, "e faría ben en aproveitar este aniversario para debaterse a si mesmo como institución". O propio Villares asegura que, "contra final de ano, unha vez rematados os foros, haberá un debate sobre os consellos de cultura dende unha perspectiva comparada".
Na necesidade de aproveitar a efeméride para a reflexión coincide o director de Edicións Xerais, Manuel Bragado. "Dígoo con toda a humildade, pero quizais o CCG precisa apertura e un maior horizonte para evitar os perigos da endogamia ou de considerar a cultura unicamente do punto de vista institucional", e engade: "Tamén son consciente de que o equipo de Villares coñece estes riscos". Álvarez Pousa lembra os inicios da institución como "excesivamente atados aos condicionantes do poder político de turno, algo que nin na época de Casares se superou, cando se silenciaron informes por resultaren críticos coa xestión do Goberno de Fraga, e favorábeis ao fomento da endogamia".
Bragado, porén, defende a traxectoria do Consello por se tratar "dunha institución central e unha trabe do proceso de construción nacional". "Constituíu un elemento equilibrador e modernizador durante o proceso autonómico", continúa, "sobre todo no ámbito da comunicación cultural". O editor salienta a "aposta pola rede, que se viu na posta en marcha de Culturagalega.org, por exemplo" e "o traballo da Sección de Comunicación". Darío Villanueva, catedrático de Teoría da Literatura na Universidade de Santiago, sinala igualmente "temas nos que o Consello é punteiro: na sociedade dixital e no eido da comunicación".
Segundo o ex rector da USC, a institución "evitou un dos erros nos que podería incorrer, o exceso de arqueoloxía". Villanueva enumera outras actuacións nas que, ao seu xuízo, o CCG realizou traballos de interese: "No tema da emigración e o que leva canda si na constitución cultural do noso país. Casares, por caso, tiña proxectos moi profundos". Ramón Villares conta con que o Arquivo de Emigración do Consello da Cultura "mude nun centro máis amplo" e considera o mundo migratorio galego como peza importante na estratexia de "proxección exterior da institución". "A idea do Consello é espallar unha idea moderna de Galiza e trascender os círculos da colectividade galega que, por suposto, queremos manter", relata.
A valoración que ofrece o presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, Carlos Callón, abala entre o "positivo" e as "pexas do clientelismo cultural" que afectaron á institución nalgunha época. Callón reclama "certa coordinación das institucións culturais, porque decote non se sabe onde remata o Consello da Cultura Galega e onde comeza o Centro Ramón Piñeiro ou a Consellería de Cultura ou mesmo Política Lingüística". Para o activista da lingua, á fronte dunha organización que xunta 3.300 socios, "sería bo que o CCG se posiciónase publicamente, e así o recolle a lei de creación, sobre temas que afectan ao galego, como o Decreto do Ensino ou as declaracións do Valedor do Pobo". "Mesmo no tempo de Filgueira Valverde aconteceu", indica.
Mais é na definición básica de obxectivos do organismo -"Cun carácter de órgano asesor e consultivo, con capacidade de iniciativa, investigación e organización [...]"- onde se atopa algún dos puntos, a dicir do propio presidente, menos desenvolvidos. "O campo da análise cultural ou a programación e avaliación de políticas culturais, non funcionou todo o que debía", afirma Villares, "porque, amais, ao estaren representados a Academia, as universidades ou algunhas fundacións, pódese chegar alén da Xunta". "Tería que desenvolver máis o seu labor de asesoramento", di contundente Carlos Callón, "por exemplo, asesorar a Política Lingúística para que faga política lingüística digna de tal nome". Manuel Bragado incide en idéntica dirección: "Mantendo a posición institucional de independencia, trátase dun organismo da Autonomía e non do Goberno, é importante que o Consello intensifique a elaboración de informes, de diagnóstico e prospectiva da situación cultural galega".
Álvarez Pousa vai máis alá e esixe un debate "para refornar de arriba a abaixo unha lei que xa na súa orixe resultaba curta de ambición e que lastrou o organismo dende a súa constitución. Mesmo o recoñecía en privado Ramón Piñeiro". "Non debería o CCG asumir competencias executivas e a profesionalización dos seus órganos rectores?", pregúntase o xornalista, "un pouco como fai o Consello do Audivisual de Cataluña [que comparte funcións coa Consellería de Cultura]".
"Para o Consello da Cultura Galega, pero tamén para as empresas culturais ou para o asociacionismo de base", apunta a xeito de conclusión o editor Manuel Bragado, "é preciso crer que, recollendo emocionalmente a Rafael Dieste, estamos entre todos a estabelecer un novo tempo de entusiasmo na nosa cultura".
Tu suscripción se está usando en otro dispositivo
¿Quieres añadir otro usuario a tu suscripción?
Si continúas leyendo en este dispositivo, no se podrá leer en el otro.
FlechaTu suscripción se está usando en otro dispositivo y solo puedes acceder a EL PAÍS desde un dispositivo a la vez.
Si quieres compartir tu cuenta, cambia tu suscripción a la modalidad Premium, así podrás añadir otro usuario. Cada uno accederá con su propia cuenta de email, lo que os permitirá personalizar vuestra experiencia en EL PAÍS.
En el caso de no saber quién está usando tu cuenta, te recomendamos cambiar tu contraseña aquí.
Si decides continuar compartiendo tu cuenta, este mensaje se mostrará en tu dispositivo y en el de la otra persona que está usando tu cuenta de forma indefinida, afectando a tu experiencia de lectura. Puedes consultar aquí los términos y condiciones de la suscripción digital.