Dos 'atlánticos' aos urbanitas
A influenza do rural apenas é visíbel entre os novos artistas galegos
O fenómeno do abandono do mundo rural e a emigración en masa dos seus habitantes ás cidades ten unha especial significación no panorama artístico galego. O feito de que a xeración máis destacada que produciu a arte galega nos últimos anos, Atlántica, tivese un bo número de artistas que rexistraran na súa obra a influenza dos estereotipos rurais non foi suficiente para que apenas 20 anos máis tarde a pegada da cultura do campo continúe presente na traxectoria dos novos artistas galegos. Hai que facer un esforzo para atopar na actualidade creadores galegos que introduzan nas súas obras elementos inspirados na tradición rural ou mariñeira.
Sen dúbida algunha entre os artistas galegos máis coñecidos fóra atópanse Antón Lamazares e Francisco Leiro. Ambo os dous formaron parte do movemento Atlántica e souberon chegar a un público moi amplo cun estilo e cunha temática claramente influída polo entorno rural no que creceron. As obras de Leiro e Lamazares teñen a rara calidade de transmitir toda a forza telúrica do rural pero, ao mesmo tempo, fano desde un enfoque orixinal e moderno que levantou o interese de coleccionistas e críticos nacionais e estranxeiros. A ironía é que actualmente ambos os dous viven en dúas das máis importantes cidades do mundo, Nova York e Berlín, aínda que non esquecen as raíces que os conduciron ao triunfo.
"En Galicia aínda hai un certo rexeitamento cara todo o que supón a cultura rural"
Hai que esforzarse para atopar agora artistas que falen da tradición rural ou mariñeira
A pegada do mundo rural na arte galega é moi anterior a Atlántica. Xa nas obras dos creadores galegos de principios do século XX está moi presente a temática rural que continuou aparecendo nas obras dos artistas de décadas posteriores. Grandes nomes da plástica galega, caso de Castelao, Manuel Colmeiro ou Arturo Souto viron como a cultura rural influíu na súa traxectoria e reflectían a míudo nas súas obras aos seus poboadores ou paixases. Precisamente Atlántica o que fai é retomar en parte esta tradición pero cunha pincelada de modernidade que, probablemente, foi a clave do seu éxito.
Sen embargo, na actualidade as cousas mudaron moito. É difícil encontrar agora un artista que expoña habitualmente nas galerías ou museos galegos e que se inspire dalgunha maneira no mundo rural. Quizais o emprego das novas tecnoloxías e o afastamento progresivo dos mozos das aldeas fan que cada vez exista un abismo maior entre o mundo rural e a arte. Moitos artistas simplemente non se dcaten en que viven nunha sociedade que aínda conserva una grande influenza das tradicións e modos de vida do medio rural. As veces semella que nas cidades galegas xa non quedase ninguén que proveña do campo. No mundo da arte, onde as modas pasan máis de présa se cabe que noutros escenarios da vida moderna, cáseque ninguen presume de vir do rural, é coma unha palabra prohibida.
Mais como acostuma a suceder sempre hai excepcións. Este é o caso do artista lugués Eduardo Valiña, un dos creadores galegos cunha traxectoria máis sólida nestes últimos anos e que ten unha obra na que as referencias ao medio rural son constantes, tanto nos escenarios como na utilización dos materiais e as temáticas. Unha das constantes na súa produción é a loita entre o natural e o artificial.
"En Galicia a cultura rural é a predominante e a vida urbana é algo relativamente recente. Hai 15 anos aquí aínda se cultivaba a terra con arado e os carros de vacas circulaban polas cidades. Eu vivín nunha aldea ate os 14 anos e a miña obra ten moito que ver coas vivencias que tiven entón. O que fago é beber da cultura popular e reinterpretala", explica Valiña. Ao seu xuízo a cultura tradicional galega está "morrendo" e a súa xeración, a dos anos 70, é a derradeira que tivo a oportunidade de vivir no mundo rural.
"Eu utilizo as ferramentas que teño, entre as que se atopan as novas tecnoloxías, para tratar de contar quen son e as cousas que me pasan. Comecei a traballar cos elementos naturais porque os tiña ante min e constituían unha forma de información moi forte", sinala o artista lugués, quen considera que en Galicia aínda existe un certo rexeitamento cara ao que representa a cultura rural. "O acento galego aínda se emprega nalgúns medios de comunicación coma un simbolo de pailanismo. Temos que aprender a valorar o que temos e o que somos porque se non es consciente da túa identidade non podes facer nada. Iso si, traballar con materiais do mundo rural non exclúe que, ao mesmo tempo, trates un tema cun enfoque urbano. Eu fágoo a miúdo nas miñas pezas".
Un dos exemplos máis claros da escasa presenza do mundo rural na arte galega de hoxe foi a exposición Urbanitas, que se celebrou o ano pasado no museo MARCO de Vigo. Entre os artistas participantes eran poucos os que inclúan referencias ao mundo rural. As máis claras están na obra de Carme Nogueira. Tamén hai algunhas referencias tanxenciais nas obras de Pancho Lapeña, Berio Molina, Chiu Longina e Isaac Cordal.
Hai quen opina que o debate entre o rural e o urbano no mundo da arte xa está caduco e empeza a ser substituído por outras cuestións. O crítico de arte Xosé Manuel Lens sinala que o novo motivo de discusión é definir cales son os límites das cidades. "Poderiamos dicir que hai dúas Galicias ben diferenciadas, unha é a gran cidade alongada que se estende polo Eixe Atlántico e a outra é a Galicia do interior. No que se refire a arte ate poderíamos falar dunha xeración de artistas TRD, que estudaron na Facultade de Belas Artes de Pontevedra e expoñen nas galerías e museos de Vigo, A Coruña e Santiago", explica Lens, quen tamén destaca o bum do barrio periférico, un fenómeno relativamente recente en Galicia que está levando a cultura urbana a espazos que antes eran rurais e agora mudaron en barrios, con centros comerciais e autoestradas".
Tu suscripción se está usando en otro dispositivo
¿Quieres añadir otro usuario a tu suscripción?
Si continúas leyendo en este dispositivo, no se podrá leer en el otro.
FlechaTu suscripción se está usando en otro dispositivo y solo puedes acceder a EL PAÍS desde un dispositivo a la vez.
Si quieres compartir tu cuenta, cambia tu suscripción a la modalidad Premium, así podrás añadir otro usuario. Cada uno accederá con su propia cuenta de email, lo que os permitirá personalizar vuestra experiencia en EL PAÍS.
En el caso de no saber quién está usando tu cuenta, te recomendamos cambiar tu contraseña aquí.
Si decides continuar compartiendo tu cuenta, este mensaje se mostrará en tu dispositivo y en el de la otra persona que está usando tu cuenta de forma indefinida, afectando a tu experiencia de lectura. Puedes consultar aquí los términos y condiciones de la suscripción digital.