_
_
_
_
Entrevista:LUÍS GONZÁLEZ TOSAR | Poeta e presidente do Pen Club de Galicia | Luces

"Vivimos nun tempo de hipócritas"

"Estou satisfeito", di, case dúas décadas despois daquel luminoso Remol das travesías. O poeta á contra que foi nos 80 íspese un pouco máis en Estúrdiga materia. "Hai un intento de poetizar aquilo que ninguén poetizou", afirma

"Dinlle moitas voltas". O novo de Tosar (Bos Aires, 1952) cadra as iluminacións da lingua patrimonial, características da súa obra, co resto de achádegos persoais desque chega a Vigo, en 1969, e decide recitar o Martín Fierro con sotaque porteño no instituto. Daquela quedoulle o alcume de Che. Aquel poeta alófono que recupera nos anos 80 a "fala elevada", partindo do ruralismo dun Díaz Castro, non é fácil de atopar nas antoloxías da época. "Eu na onda da poesía veneciana non estaba", ri Tosar, presidente do Pen Club en Galicia. A mesma voz anchéase agora en Estúrdiga materia (Galaxia), como se houbese que quedar en paz.

Pregunta. Fixo inventario?

Resposta. Daquilo que tratamos de evitar conscientemente. A morte como nai da beleza, por exemplo... É un tema que nunca quixen abordar. Sen chegar a presentarme nu, desta volta quixen espirme un pouco máis. Trátase de amosar, xa nesta altura, a capacidade de facer inventario. Ollo, non falo de autenticidade. Por que o poeta ten que ser o auténtico, e o novelista pode ser falsario? Pasou o tempo dos poetas coa moral na boca como pasou a época do impacto amoral. Hai que ser quen de ver o mundo cos propios ollos, non transformar nada, nin contribuír a nada. Só ter, dalgún xeito, a capacidade de entendelo todo. Pero para entender certas cousas hai que pasar os 45.

"Aquí incluso os máis irreverentes son pacatos, agás Abel Mendes"
"Non hai que contribuír a nada, senón ser quen de entendelo todo"
"Sempre fun un ardoroso combatente antifascista"
Más información
O segredo da 'nova narrativa'

P. A morte estrutura o libro e a escolla de símbolos.

R. A idea de finitude é unha das ideas que atravesa o libro de arriba abaixo, pero tamén está ese intento de poetizar aquilo que ninguén poetizou. Neses microrrelatos, ou como se queiran chamar, de Contraverso setestrelo... Ese tipo de cousas non se teñen feito na literatura galega. Son poemas de ocasións que ninguén quixo tocar co dedo do poeta. Situación truculentas, complicadas, marxinais...

P. Falta naturalidade?

R. A min interésanme Pasolini ou Ashbery... Aquí o certo é que incluso os que pretenden ser moi irreverentes son pacatos. Agás Abel Mendes, que é a excepción marxinal.

P. Ata que punto revisou a súa propia medida poética?

R. O tempo, por exemplo, dar a medida máis demorada, a que ten que ver coa natureza, aínda que en Estúrdiga... non haxa paisaxe. Si hai natureza, claro. Cada vez conmóveme máis.

P. Segue mesturando a fala viva con certos rexistros da vangarda, sen demasiados requintes formais.

R. Incorporo moitas citas da paremioloxía popular. Estou cunha descrición, por exemplo, e de súpeto métolle "non me fodas no camiño que non son unha cadela". E ao tempo recupero, na última parte, os meus poetas máis queridos. De Cabanillas a Díaz Castro, Víctor Campio, Gonzalo Navaza, Novoneyra, Arcadio López-Casanova, Xohana Torres... A lingua oral ten rexistros fantásticos para a poesía, quizais é a miña condición de neofalante [ri]. Esa estúrdiga [áspera] que titula o libro é a palabra dun carpinteiro. "Como a freba e a veta as ten cruzadas, pásaslle a man e di como estúrdiga", díxome, falando dunha madeira sen puír. Despois pregunteille qué diría cando unha muller é un pouco arroutallo e díxome que tamén diría estúrdiga, que vale para o pau e para a carne. Sempre é así ao principio. Tamén coas palabras, antes de traballalas.

P. Considera cumprida a súa poética nese sentido?

R. Digamos que estou na madurez, e que me gustaría ser lembrado coma un tolo das palabras. É o que me anima. A desconexión entre lingua falada, escrita e propia percíboa entre os meus alumnos de galego. Falantes magníficos que, ante un texto escrito, perden a súa marabilla, como se a reducisen a unha normativa de telexornal e DOG.

P. Ten solucións?

R. Cando os que normalicen sexan eses falantes das aldeas onde se refuxia a lingua, teremos avanzado moitísimo. No poema Aveños pra canción digo que estamos transitando polos alfabetos, e que o que facemos é baternos contra esa desidia... O falante revolucionario, o que dinamita a lingua, é escaso, adoitan ser persoas de idade que non son conscientes da súa arte. Hai que darlles unha oportunidade a eses falantes, sen descoidar a transformación do idioma noutros ámbitos. Por iso digo touza, canga, pioga, xebixugueiro, todas esas palabras patrimoniais con eco de tractor ou fertilizante, e mp3 nas orellas.

P. "Cando me traizoes, non vistas de poeta", dille Blanco Amor na conversa poetizada que abre o libro. É unha declaración de intencións?

R. É unha imaxe que se pode interpretar de mil maneiras. Pensei nun primeiro chanzo para facilitar a lectura, e fun desbotando poéticas ata chegar á idea da conversa. Por que non un monólogo comigo de oínte, e Eduardo dándome ideas sobre poesía nun día de agosto, á raxeira, cando se malla o centeo?

P. Bota en falta actitudes como a do novelista ourensán?

R. Na derradeira entrevista, en La Región, di que sairía á rúa pola liberación dos marxinados, especialmente pola súa orientación sexual, e tamén, como non, se estivese na Arxentina, "contra eses militares que xulgará a Historia". Pero neste momento o que domina o mundo literario e todo o demais é a hipocrisía. Vivimos nun tempo de hipócritas.

P. Dixo que moitos mozos andan "pendentes do famoseo".

R. Interésame moito a obra de Olga Novo, Daniel Salgado ou Oriana Méndez. O do famoseo... Seguín moi de preto o camiño da perruqueira de Arcade, que tantos filtros traspasou ata chegar onde chegou. Esa actitude, no campo da intelligentsia galega, nunca dá os mesmos froitos.

P. É posible que as responsabilidades do Tosar político na época de Fraga escurezan o consenso arredor do poeta?

R. Son moi coidadoso á hora de pedir contas porque amo o ser humano. Fraga chamoume no 90, como chamou a moitos, e eu díxenlle que era galeguista e nacionalista, que militara no PCOE de Líster.... El díxome que traballaba mellor con discrepantes que con pelotas. Nunca fun asesor de Fraga, senón un funcionario en comisión de servizos. Non me pesa ter compartido a ideoloxía marxista-leninista, como tampouco me pesa ter traballado pola cultura galega nesa época. Só sinto que o meu esforzo non valese para máis. A algúns deses moralistas gustaríame recordarlles que aceptaron cargos públicos, que presentaron libros de Fraga... O pau sabémolo manexar todos. Eu sempre fun un ardoroso combatente antifascista, ninguén dirá que me viu recuar nos anos difíciles.

P. O descoñecemento da cultura galega por parte de Steiner, é só un problema de industrias culturais?

R. Houbo bastante inconsciencia na súa resposta, e a entrevista de Juan Cruz en EL PAÍS non é de pregunta e resposta, senón un diálogo fluído moi ben feito, que podería ter sido reconducido. O culpable do que dixo foi Steiner, ao que sempre trataron moi ben en Cataluña. Derek Walcott ou Ernesto Sábato nunca dirían algo así porque estiveron aquí, e Steiner non veu nunca. Pero seguro que nesta altura estará xa moi documentado.

Tu suscripción se está usando en otro dispositivo

¿Quieres añadir otro usuario a tu suscripción?

Si continúas leyendo en este dispositivo, no se podrá leer en el otro.

¿Por qué estás viendo esto?

Flecha

Tu suscripción se está usando en otro dispositivo y solo puedes acceder a EL PAÍS desde un dispositivo a la vez.

Si quieres compartir tu cuenta, cambia tu suscripción a la modalidad Premium, así podrás añadir otro usuario. Cada uno accederá con su propia cuenta de email, lo que os permitirá personalizar vuestra experiencia en EL PAÍS.

En el caso de no saber quién está usando tu cuenta, te recomendamos cambiar tu contraseña aquí.

Si decides continuar compartiendo tu cuenta, este mensaje se mostrará en tu dispositivo y en el de la otra persona que está usando tu cuenta de forma indefinida, afectando a tu experiencia de lectura. Puedes consultar aquí los términos y condiciones de la suscripción digital.

Archivado En

Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
_
_