_
_
_
_
Análisis:ANÁLISE | Luces
Análisis
Exposición didáctica de ideas, conjeturas o hipótesis, a partir de unos hechos de actualidad comprobados —no necesariamente del día— que se reflejan en el propio texto. Excluye los juicios de valor y se aproxima más al género de opinión, pero se diferencia de él en que no juzga ni pronostica, sino que sólo formula hipótesis, ofrece explicaciones argumentadas y pone en relación datos dispersos

Temos que morrer

Ben sei que os escritores en lingua galega somos atendidos e queridos por moita xente, mais de par disto tamén recibimos unha carga de odio ben curiosa. É cousa que non se dá con outros oficios, dentistas, electricistas, mariñeiros ou labregos. O pan que facía miña avoa, de trigo e centeo, era ben mellor que o que venden mais até agora ninguén escribiu "dende hai 40 anos o pan é un calote, un ladrillo". Nin sequera contra outros artistas: músicos, actores, fotógrafos, pintores... Ninguén di "a arquitectura que fan os nosos arquitectos é purrela, os bos están mortos ou son estranxeiros". Sería burrada mala de explicar, mais como iso é o que acontece coa literatura, como é o que lemos adoito dos nosos libros, pois haberá que buscarlle explicación.

Haina, élles a Galiza verde: os galegos verdes de envexa. Hai unha envexa boa que nos estimula a emular a outros, anímanos a intentar algo que outros xa conseguiron. E hai outra caste de envexa, a mala. A envexa verde é un mecanismo igualador, como as persoas somos distintas, a envexa mala busca que esteamos iguais igualando por abaixo, rebaixando a quen se eleva, a quen destaque. A envexa iguálanos na mesquindade do envexador.

Hai uns días Manuel Rivas aludía nestas páxinas a un académico que nun xornal galego denunciaba a ínfima calidade dos libros escritos en galego nos "últimos 40 anos" (¡) (Non lles hai nada como un académico da Academia galega nun xornal galego para atacar a literatura galega: a Galiza verde que se devora a si mesma). Un cachea a ver o que se escribiu ese ano 67 e atopa un libro de poemas, Entre o si e o non, escrito polo avisado académico. Se o seu xuizo é acertado, críticos e analistas deben escribir a historia da nosa literatura baixo a luz deses versos, un fito. Eu, coa modestia que me corresponde á luz da sentenza do académico, discrepo, coido que iso é unha burrada, que, ao seu carón, nesa mesma academia hai dúas ou tres persoas que publicaron neses 40 anos últimos algúns libros excelentes tanto de poesía como de narrativa, mesmo teatro.

Non é sen tempo que, sequera unha vez, se considere a evidencia aritmética de que nos últimos 40 anos escribiuse o 90% do total das páxinas da nosa literatura. Por mero cálculo de probabilidades aproximadamente o 90% da mellor literatura está neses anos, salvo algún tipo de cataclismo habido.

Se alguén obxectivase, sumase, as páxinas escritas dende o comezo do século XIX até hoxe emerxería unha visión da nosa literatura ben máis cabal da que temos hoxe. Que xa está ben de parvadas e de ruindades, de negarlle respecto ao traballo feito e ao valor artístico dese traballo. Non é certo que a poesía en galego remate nos versos dese señor, Franco Grande, nin a narrativa n'A esmorga. Iso é utilizar o pasado para destruír o presente. Esa visión é un disparate, haino que dicir ben claro, e responde ou a delirio ou a perversión ben estendida, pois, académico patético á marxe, a hostilidade é constante: "Xa non hai unha Rosalía, un Blanco Amor, un Cunqueiro." "¿Onde hai un Kafka entre nosoutros?" É sabido: todo é decadencia, o mundo vai a peor, cousas boas as de antes, literatura boa a de por aí adiante. Curiosamente esa visión mítica e cataclísmica, que é a máis propia dos artistas, é utilizada contra eles, son os odiadores dos artistas os que deostan o noso presente. É evidente que se perde moito artista.

E direi o que non debera, mais alguén terá que dicir de vez: que as máis ambiciosas obras da nosa literatura están escritas nos últimos 40 anos. E que os editores, lectores e críticos noutras linguas valóranas libremente sen ningún prexuízo a favor nin en contra. Tamén aquí funciona a ollada do perverso, que argumenta que a mellor literatura é sempre a que se fai noutras linguas, mentres que, cando nesas outras linguas son lidas con respecto obras nosas traducidas, daquela quítalles a razón.

E convén lembrar ou coñecer algunhas cousas. A primeira é aceptar unha realidade que esquecemos interesadamente: que Rosalía, a refundadora da nosa literatura, non só é a extraordinaria autora de Follas novas senón tamén do mellor libro da poesía en castelán do século XIX, En las orillas del Sar, e moi probabelmente tamén a mellor novelista da época nesa lingua. Blanco Amor, La catedral y el niño, Los miedos, e Cunqueiro, Un hombre que se parecía a Orestes, El año del cometa, Las mocedades de Ulises..., son grandes escritores en castelán. O único Risco de valor literario é o de Gamalandalfa e La puerta de paja ...

Nesa turba materia das relacións do galego e o castelán entre nós, cheas de autoodio, autoconmiseración e ambivalencias, as ladaíñas contra a nosa literatura, conduce ao de sempre: escritores bos, os que non son galegos ou, de seren galegos, emigran a Madrid e escriben en castelán. Alí os escritores non son odiados, polo contrario son tidos por heroes da cultura. E, xa postos, convén lembrar que Rosalía deixou de escribir en galego chea de noxo polos desprezos dos seus contemporáneos, e non pensaba nos labregos iletrados senón nos letrados que se ocupaban dos seus poemas. E lembrar que en vida tanto Blanco Amor como Cunqueiro foron pouco valorados e sentíronse pouco respectados, a visión que hoxe temos deles instituíuse a que estiveron mortos. Que hoxe sexan utilizados para liquidar aos que estamos vivos é verdadeiro sarcasmo. O pan da amargura é familiar de máis ao artista, non o ocultemos, mais esta envexa caníbal é unha das nosas tradicións de país miserábel. E ignorar a miseria da que vimos conduce a non valorar o que temos conseguido. Eu lin Longa noite de pedra con moito misterio e en papel ciclostil, eses versos están impregnados de memoria afectiva, mais se quero ser xusto co que se escribe hoxe e co que temos debo obxectivar o valor literario deses versos. Non debo ser patrioteiro da miña memoria afectiva: "¡Para poesía, a da miña mocidade!" e macanas polo estilo.

¿E que pasa con Kafka? ¿Cómo é que non temos kafkas, cagoensós? Kafka é o santo mártir da puerilidade de escritores adolescentes e de críticos ignorantes ou cínicos, convén ler algunha biografía de tal santo para descubrir... que se presentou a premios literarios! (ouh, traizón!) E convén lembrar que sendo xudeo checo non escribiu yiddish nin checo, escribiu alemán, que era a grande lingua de cultura, o mercado do público extenso, a lingua do prestixio e o éxito. Kafka hoxe aquí tería emigrado a Madrid e escribiría en castelán.

Tanto ten, poñámonos como nos poñamos hannos cascar, kafkar con Kafka, Blanco Amor ou co que lles cadre. Por unha cousa e mais pola contraria: a literatura galega non val cousa e por iso non ten público, non ten lectores; tamén o contrario: o éxito dos libros con éxito explícase porque son mala literatura. Que teña éxito é a proba de que son comerciais. Non hai maneira de escapar ás argumentacións perversas, niso consiste a súa perversidade, non responden a lóxica ningunha, son falsas e por tanto arbitrarias e á conveniencia do ruín. O que si defenderei é a existencia de lectores en galego, os editores poden demostrar con números que hai libros con miles de lectores. E, atentos á esta insidiosa nova volta de porca, libros con éxito lector que non son lidos nos institutos. En todos os países os adolescentes len libros nos institutos, só aquí iso é un tema de preocupación e de denuncia para algúns. Existen eses lectores libres, esas persoas, e non consinto que ninguén as liquide. Eses lectores que entran polo seu pé nunha libraría e piden un libro en galego son o froito de xeracións de escritores e editores, son uns miles e son, somos, un froito valiosísimo dun esforzo colectivo.

A nosa literatura precisa unha auditoría, quizais externa: unha cuantificación obxectiva e logo unha valoración honrada, sen complicidades ideolóxicas e compincheos disparatados, mais tamén sen ruindades. Estamos no mellor momento dende os trobadores, non sei se iso é moito, mais é así por moita hostilidade que nos teñan.

Ser artista é un modo de vivir salvaxe, rapinando o éxito e, se cadra, a gloria e sen parar de brincar para safarse dos disparos de cazadores agachados ao asexo. Agora que tamén para a caza hai regras e aquí hai moito escopeteiro con furón.

A toda a hostilidade, a esas mensaxes de odio, a que os escritores sexan atacados por quen vive da súa obra, súmase que este páis caníbal é un dos poucos onde, aínda hoxe, os escritores son censurados en xornais do seu país. A censura dun autor é un intento de liquidalo. Diso se trata, aquí só se redime un escritor en morrendo. Desculpen que sigamos vivos, agarden, onte mesmo estiven de aniversario, non habemos tardar. Non empurren tanto.

Tu suscripción se está usando en otro dispositivo

¿Quieres añadir otro usuario a tu suscripción?

Si continúas leyendo en este dispositivo, no se podrá leer en el otro.

¿Por qué estás viendo esto?

Flecha

Tu suscripción se está usando en otro dispositivo y solo puedes acceder a EL PAÍS desde un dispositivo a la vez.

Si quieres compartir tu cuenta, cambia tu suscripción a la modalidad Premium, así podrás añadir otro usuario. Cada uno accederá con su propia cuenta de email, lo que os permitirá personalizar vuestra experiencia en EL PAÍS.

En el caso de no saber quién está usando tu cuenta, te recomendamos cambiar tu contraseña aquí.

Si decides continuar compartiendo tu cuenta, este mensaje se mostrará en tu dispositivo y en el de la otra persona que está usando tu cuenta de forma indefinida, afectando a tu experiencia de lectura. Puedes consultar aquí los términos y condiciones de la suscripción digital.

Archivado En

Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
_
_