_
_
_
_
Crónica:GROUCHOS | LUCES
Crónica
Texto informativo con interpretación

Gaia, a Cidade da Cultura, e a deconstrución

Manuel Rivas

É importante o nome das cousas. O topónimo Gaiás fai lembrar a Gaia, o nome futurista, ecoloxista da Terra. Un nome de resonancia clásica para a concepción máis intelixente e anovadora do planeta como un todo que se autorregula, un ser de seres, un extraordinario tecido de interconexións. A teoría desenvolvida por James Lovelock. Tratárono de chalado, mais agora é recoñecido como un dos pensadores que sacou a ciencia de estar pechada en catro paredes. Cumpridos os 86 anos, vén de publicar en inglés A revancha de Gaia.

Penso en Gaia e penso en Gaiás. É unha concepción, unha arquitectura producto do quentamento global. O monumentalismo do baleiro. Case todo está dito verbo da chamada Cidade da Cultura. Porque agora deixou de ser tabú, ese grande cráter que engulía aos poucos valentes que ousaron preguntar o porqué, o para qué. o canto. No tempo do Grande Timonel (Cuíña dixit) todo era amén. E ao que piou, enterrárono vivo. Velaí o caso Pedro de Llano. Foi declarado nos xornais "cadáver político". foi obxecto dun proceso de queima persoal e profesional. Ao estilo inquisición. Ao estilo Mc Carthy. A el, a quen máis sabía, o experto da arquitectura popular, quitáronlle o traballo de rehabilitación do Piornedo. Pasou ao censo de desaparecidos culturais. Ao exilio interior. O home rebelde, ese que volve unha e outra vez a Albert Camus, cantou as verdades do monte Gaiás co outro maquis de arquitectura galega, o Plácido Lizancos. Curiosamente, estas voces críticas, as que forneceran de razóns aos opositores no pasado, non foron oídas nos foros oficiais verbo do futuro da Cidade da Cultura. De Llano e Lizancos xa son dous veteranos expertos no movemento coñecido como "Corpo a terra que veñen os nosos!".

Pedro de Llano é dos que pensan que habería que parar a obra de Gaiás. É discutíbel. O que non é discutíbel é a demanda de poñer Galicia en estado de contas. A verdade é sempre o mellor xeito de facer patriotismo. É un paradoxo moi enxebre, unha inxustiza revirada, que o presidente Touriño e Anxela Bugallo leven paos cos foguetes destinados a festexar o vello Patrón o Día da Gran Inauguración. Outro milagre do Apóstolo! Cando marchou Fraga, todos os caladiños botaron a falar. Para que logo digan que non cambiamos de réxime. Cambiamos de civilización! Houbo algúns que descubriron a fala, o alfabeto, a felicidade de expresión. E xa no frenesí, o sabor engaiolante do maldizer. A min resúltame entrañábel esta revolución do Batallón dos Caladiños a disparar agora canonazos de papel contra o delirio de Gaiás.

Que facer, se non hai volta atrás? Dende logo, hai que poñer a autonomía en estado de contas. E hai que decidir un destino, ademais das previsíbeis previsións. Hai que poñer Gaia en Gaiás. Ten que ter un grande eixo de sentido. Ten que vencer o baleiro. Só hai unha cousa no planeta que poda facer sostíbel Gaiás: a arte. Marx dicía unha cousa ben poética: que o globo terráqueo, que a esfera, pousa sempre nun sitio para apoiar. A esfera pode volver a pousar en Santiago de Compostela dun xeito anovador. Hai que pensar Gaiás como o lugar de Gaia. Un hábitat que convoque a arte en convulsión, os artistas valentes de todo o planeta Terra. Tentar que aí pouse a esfera, nun innovador enxerto de arte e natureza.

LEVANTAR DO CHAN

Este é un libro esencial. Se houber que gardar nunha arca a información máis preciosa de Galicia sen dúbida alí tería que estar este tratado Arquitectura Popular en Galicia: Razón e construción, de Pedro de Llano, que reedita Xerais en nova versión do autor e con fotografías de Juan Rodríguez, despois de vinte anos da primeira edición do COAG (Colexio de Arquitectos de Galicia). Imaxino a este libro nas mans de William Morris, de Frank Lloyd Wright, de Le Corbusier, dos arquitectos republicanos comprometidos do Gatepac como Sert, do finés Alvar Aalto. Imaxino a súa excitación ao ver, por exemplo, o xeito de nave invertida que ten a palloza galega no alto cume, axeitada para aproar ventos e treboadas.

Se cultura é cultivo, o ben que lle acae a esta obra a definición de traballo de campo. O Pedro de Llano que remata os seus estudos e ponse a percorrer Galicia da man dalgúns sabios da tribo, como Xoaquín Lourenzo, vai levantando debuxos sen acougo. Como se tivera medo a perder a vista. Perder a vista. Levantar. Son cousas que teñen un dobre significado en certos tempos. Levantar é deixar testemuño gráfico, reproducir. Mais levantar é tamén alzar o que está caído, poñelo á altura dos ollos da época, facer ver o invisíbel, valorar o que non prezado, descubrir a propia terra. Así Rosalía e os seus compañeiros o que fixeron ao escribir en lingua galega foi tamén un debuxo de campo: levantar as palabras do chan.

Outro paralelismo. Rafael Dieste pescudou na vontade de estilo na fala popular. Pedro de Llano pescudou na vontade de estilo na construción popular. A vida non é máis que unha "enorme forza creadora de formas" (Jacob Schleiden). E quen senón a vida fixo de director de obra na arquitectura sen arquitectos? Non cómpre idealizar. Mais peor que o idealizar éche o ignorar, o desprezo da aldea. A casa era á vez fogar, corte e obradoiro. E tamén unha escola de sensacións. Unha arquitectura da verdade e da beleza, no fondo sentido do poema de John Keats: A beleza é a verdade e a verdade, bela. Agora a máis interesante arquitectura de vangarda fala da vivenda como un lugar sensorial, a superación da casa aséptica, neutra, inexpresiva. Le Corbusier non esqueceu endexamais a lección constructiva que lle aprendeu a montaña suiza: "Un mundo no que había xentes que levaban esterco nos zocos e espírito na mente". Mais se cadra ao noso tempo o que lle acae, e de qué maneira, é a cita do mestre Alejandro de la Sota: "A arquitectura ou é popular ou é intelectual; o demais é negocio".

O PARTIDO DA DECONSTRUCIÓN

O máis valioso manuscrito que temos é o propio territorio. Aí, nese palimpsesto, está escrito todo. Que clase de texto estamos a facer agora coa nosa terra? Dise que a literatura galega está orfa de boas novelas policiais, da chamada serie negra. Ben. Pois aí temos unha ben excitante, e a xeito de punzantes reflexións e dunha espantosa (no sentido portugués: asombrosa!) descuberta fotográfica, a realizada por Alba Vázquez Carpentier. Esta novela negra sobre territorio e arquitectura títulase Feísmo? Destruír un país. Na obra, coordenada por Xavier Paz, colaboran 27 autores, e está lanzada dende Ourense pola Difusora de Letras, Artes e Ideas, unha factoría na que agromou tamén outra xoia ético/estética da historia da edición e o deseño en Galicia, aquel Nunca Máis: A voz da cidadanía.

Discútese moito o termo feismo. Penso que habería que falar directamente de violencia catastral. Ou de maltrato. O feismo é á violencia catastral o que o machismo á violencia doméstica. A espantosa descuberta fotográfica leva epígrafes que semellan postos por un dos detectives mexicanos de Paco Ignacio Taibo II: Por un metro de predio, Cementar, cementarei!, A cámara dos horrores, Castelos no ar, Fashionante! ou Francamente ruinoso. Entre as aportacións, hoxe prendín nun inquietante texto do arquitecto Xan Creus, A beleza da máscara, que nos seus primeiros tres puntos di: "1) Galicia non é fea. Ten posta unha máscara. 2) Toda máscara pode ser quitada. Salvo que ela habite en nós. Se habita vai ser un longo proceso de exorcismo, de autodestrución. 3) Quero pensar que aínda non habita en nós!".

Mentres algúns teóricos profundaban na idea da construción nacional, un outro PC, o Partido da Construción, case nos deixa toda a nación construída e pavimentada. "Pavimentame, Cuíña, pavimentameeee!", cantaba en Lalín o valente Pinto de Herbón. Agora, á vista do que ocorre na vía rápida e asasina do Salnés, semella que a propia natureza galega, instruída en Jacques Derrida, comeza un proceso de deconstrución. Tamén aí vai da man da arte valente, como a que se mostra en Pintura mutante do Museo de Arte Contemporánea de Vigo, e que é quen de pintar verdade e máscara a un tempo.

Tu suscripción se está usando en otro dispositivo

¿Quieres añadir otro usuario a tu suscripción?

Si continúas leyendo en este dispositivo, no se podrá leer en el otro.

¿Por qué estás viendo esto?

Flecha

Tu suscripción se está usando en otro dispositivo y solo puedes acceder a EL PAÍS desde un dispositivo a la vez.

Si quieres compartir tu cuenta, cambia tu suscripción a la modalidad Premium, así podrás añadir otro usuario. Cada uno accederá con su propia cuenta de email, lo que os permitirá personalizar vuestra experiencia en EL PAÍS.

En el caso de no saber quién está usando tu cuenta, te recomendamos cambiar tu contraseña aquí.

Si decides continuar compartiendo tu cuenta, este mensaje se mostrará en tu dispositivo y en el de la otra persona que está usando tu cuenta de forma indefinida, afectando a tu experiencia de lectura. Puedes consultar aquí los términos y condiciones de la suscripción digital.

Archivado En

Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
_
_