_
_
_
_
Reportaje:A SERIE NEGRA | Luces

Detectives de papel

"Frank Soutelo ten alma de Robin Hood, mais entende que o mundo é unha xungla, unha selva. Fillo dun exiliado da Guerra Civil, gústalle o bourbon vello. Quizas votaría por Obama, aínda que sabe perfectamente que non vai gañar. E se pode non disparar, prefire non facelo". É Miguel Anxo Fernández quen describe ao detective Soutelo, o protagonista da novela Tres disparos e dous friames, que naceu en Nova York pero traballa en Los Ángeles. "A meca do cinema, a cidade dos detectives clásicos dos anos 40", relata Fernández. Pero Tres disparos..., acabada de chegar ás librarías, non supón a presentación en sociedade de Soutelo, que xa comparecera en Un nicho para Marilyn (2002) e Luar no inferno (2006), nin o investigador de Fernández é o único que frecuenta a literatura galega. Aos nomes de Nivardo Castro, Leo Caldas ou Horacio Dopico responden outros tantos personaxes dedicados a combater a corrupción e o crime.

En 1984 arrinca a xa coñecida historia da novela negra ou policial en galego

A coñecida historia da novela criminal en galego arrinca en 1984, cando Carlos G. Reigosa publicou Crime en Compostela. Nesas páxinas andaba Nivardo Castro. "Eu non creei un detective", explícase Reigosa, "collín a un aventureiro que funciona como un detective". Castro, que repetiu n' O misterio do barco perdido (1988), A guerra do tabaco (1996) e en Narcos (2001), resulta, segundo o seu pai literario, "un tipo galego". "Nivardo procede dunha aldea de Mondoñedo, Lindín", di, "onde o único habitante célebre érao por tentar matar a Alfonso XII. Castro é un aldeán que marchou para a urbe e que, malia a se tratar dun cosmpolita, conserva ese carácter: pousón, observador, sentencioso". Reigosa, que aínda albisca un percorrido para Castro de tres ou catro obras, salienta "o carácter de non arquetipo de Nivardo, que viu mundo pero segue a ser un neno de aldea". "É un personaxe enxebre", oufánase, "toda a explicación da súa vida está en Galicia".

Nivardo Castro contrasta con Frank Soutelo, un fillo da emigración "híbrido, coa retranca dun galego e os modos dun detective americano", de quen Miguel Anxo Fernández está a piques de rematar o primeiro volume da triloxía galega, Lume de cobiza, rematada a norteamericana. E a certa distancia dos dous traballa Horacio Dopico, o detective crápula de Baixo mínimos (2004) e O cidadán do mes (2006) parido por Diego Ameixeiras. Dopico, noctámbulo irredento e con problemas de adición a substancias ilegais, móvese "con trazos da novela negra clásica [é dicir, a estadounidense facturada, sobre todo, por Dashiell Hammett e Raymond Chandler] trasladada a un Ourense de política ficción". A corrupción urbanística enmmarca as peripecias dun investigador privado que se mira en Philip Marlowe. "Esaxero moito a dobre moral, a ironía", relata Diego Ameixeiras, "de alguén que, no fondo, non é máis que un perdedor".

Leo Caldas, pola súa banda, sae dunha comisaría. "Ten o seu posto de traballo na policía xudicial dun xulgado de primeira instancia", conta o escritor Domingo Villar, "porque aquí, en Galicia, non hai o detective clásico americano; os profesionais nin sequera poden levar pistola. Amais, non coa un Mike Hammer [o detective de novela creado por Mickey Spillane] nas rúas de Vigo". Caldas naceu en Ollos de auga (2006), un libro traducido a castelán e a inglés e que colleitou crítica entusiasta no Times Literary Suplement, e hai un A praia dos afogados na editora. "Cada vez vou coñecendo mellor ao inspector Caldas", confesa Villar, "un home tranquilo e solitario, pero nunha soidade que non é escollida, senón consecuencia do seu oficio". E engade: "É alguén con medos, de aí unha certa ironía que lle serve para superalos".

Domingo Villar recoñece débedas con toda caste de detectives. "O comisario Montalbano, de Andrea Camillieri, e Pepe Carvalho, de Vázquez Montalbán, están francamente ben", argúe, "mesmo Tintín, que tamén é unha sorte de detective". En calquera caso, Villar asegura que "ningún estivo especialmente presente á hora de lle dar forma a Leo Caldas". No espello de Frank Soutelo, porén, aparecen Philip Marlowe e Lew Harper, mais cos rostros de Humphrey Bogart e de Paul Newman. "Interésanme igualmente os personaxes duros, brutos, de Jim Thompson", lembra Miguel Anxo Fernández, tamén crítico cinematógrafico.

O pioneiro Reigosa defíne a familia literaria de Nivardo Castro por negación. "Non son de Maigret [o popular comisario do francés Georges Simenon], tampouco son de Poirot [elaborado por Agatha Christie] nin de Sherlock", sinala, "Nivardo atoparíase cómodo cos detectives de Hammett ou de McDonald". Pero estabelece unha distancia: "Non quería que Castro fose un arquetipo, ten un sentido do humor que non existía nas primeiras novelas negras. De Sam Spade [protagonista de obras de Hammett] sabes como se comporta, non sabes como é; con Nivardo intentei evitalo".

Realismo, intriga, 'noire'

"A novela negra é a mellor forma de realismo. Préstase a poñer todo baixo xuízo: eu non a entendo sen crítica social", afirma Ameixeiras. Oitenta anos logo de que os estadounidenses sentasen as tópicas e estilemas do xénero, a serie noire sobrevive. Os seus practicantes, con todo, matizan adscricións.

"Fago novela de intriga, un suspense que se desenvolve para solucionarse", posiciónase Domingo Villar. Para Carlos G. Reigosa, que escribiu Crime en Compostela con vontade prográmatica -"botaba en falta literatura de intriga, de masas, en galego"-, tampouco acepta a cor ao se referir a Nivardo Castro: "É novela de intriga, pero a orixe atópase no cinema do oeste". Miguel Anxo Fernández, cinéfilo convicto, non atopa inconveniente en se arrimar á etiqueta coa que a editora francesa Gallimard tiraba os traballos de Chandler, o noire: "Considérome herdeiro da cultura norteamericana; o detective, ademais, ten licenza para moitas cousas, mesmo para transgredir".

Mais evidentemente existe vida na literatura policíaca alén de Caldas, Castro, Soutelo e Dopico. Libros como Á de mosca (1998), de Aníbal C. Malvar, ou os relatos de Miss Ourense (1994), de Bieito Iglesias e nos que opera o investigador Gumersindo Nespereira, son reivindicados por Diego Ameixeiras: "Os de Bieito, pola intención paródica, pola lingua e pola ambientación ourensá". Suso Espada é a homenaxe de Francisco Fernández Naval ao Sam Spade hammettiano. Autores da promoción poética dos 80, Manuel Forcadela, Román Raña Lama ou Ramiro Fonte, baixaron das tentacións sublimes da súa obra en verso e realizaron contribucións ás novelas de detectives: Á procura do falso Grial (2006), O crime da rúa da Moeda Vella (1989) e As regras do xogo (1990).

Ambulancia (1990), de Suso de Toro, ou As horas sucias (2001), de Jaureguízar, foron incursións puntuais no xénero. Co seudónimo Roque Morteiro asinou Xelís de Toro Seis cordas e un corazón (1989). Turbo (1988), de Miguel Suárez Abel; Criminal (1994), de Xurxo Borrazás, ou O caso (1989), de Antón Risco, ou obras de An Alfaya, encaixan nun xénero sobre o que Xesús González Gómez editou un monográfico en 2002.

Tu suscripción se está usando en otro dispositivo

¿Quieres añadir otro usuario a tu suscripción?

Si continúas leyendo en este dispositivo, no se podrá leer en el otro.

¿Por qué estás viendo esto?

Flecha

Tu suscripción se está usando en otro dispositivo y solo puedes acceder a EL PAÍS desde un dispositivo a la vez.

Si quieres compartir tu cuenta, cambia tu suscripción a la modalidad Premium, así podrás añadir otro usuario. Cada uno accederá con su propia cuenta de email, lo que os permitirá personalizar vuestra experiencia en EL PAÍS.

En el caso de no saber quién está usando tu cuenta, te recomendamos cambiar tu contraseña aquí.

Si decides continuar compartiendo tu cuenta, este mensaje se mostrará en tu dispositivo y en el de la otra persona que está usando tu cuenta de forma indefinida, afectando a tu experiencia de lectura. Puedes consultar aquí los términos y condiciones de la suscripción digital.

Archivado En

Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
_
_