_
_
_
_
Entrevista:Luces

"Nunca tivemos menos onde acudir"

Manuel Bragado e Víctor Freixanes esixen política para o libro e para a Rede - As dúas grandes editoriais recoñecen que non hai estratexia galega no tránsito cara ao dixital

Cando Víctor Freixanes marchou de Xerais en 1993 para guiar cinco anos Alianza Editorial -e a división literaria de Anaya, matriz de Xerais-, quedou aos mandos Manuel Bragado, que xa traballaba con el. Entre o que poderían dicir o actual director de Galaxia e o responsábel de Xerais e presidente dos editores, habíase contar unha historia contemporánea do libro en Galicia, desde o Estatuto ata o pospiñeirismo actual.

A historia agora fala de máis traballadores á mantenta, coleccións atrancadas, obra de risco á marxe dos selos históricos ou da inminencia dunha reconversión, a dixital, para a que non hai guión. Co pacto da autonomía estragado a comezar pola lingua, e o poder aforrando en cultura incluso 300 euros para cada unha das mil asociacións de base do país, Bragado e Freixanes falan durante unha hora.

"Cos excedentes do libro de texto pasa como coa enerxía eléctrica"
"En dous anos de 'plurilingüísmo' perdemos o 35% do mercado escolar"
"Non hai política do libro, pero iso non depende soamente de Cultura"
"Imos conseguir un dinamismo no ámbito dixital? Imos intentalo"

Preunta: Moitos editores din que é imposíbel gañar cartos cos libros que valen a pena. O dito ten volta?

Manuel Bragado: Ese é un tópico falso. Hai libros magníficos moi vendidos que axudaron a pagar outros. Atopámonos en tránsito, co cambio de modelo de analóxico a dixital. A loita entre homoxeneización e diversidade vai ser durísima. Xogámonos a viabilidade como país.

Víctor Freixanes: Einaudi diferenciaba entre edición de mercado e edición de cultura. Seguramente no termo medio é onde temos que movernos. En xeral, eu diría que cando un libro non se vende é por algo.

M. B. Se os libros non se defenden no mercado, probablemente terán moitas dificultades para ser editados.

V. F. No libro e fóra del: unha cultura sostena a sociedade.

P. É autosuficiente a cultura galega, nese sentido?

M. B. Díxoo Arlandur Indridason, o escritor islandés que abriu Francfort a semana pasada: os países non se miden polo valor dos seus bancos, senón polo peso das súas literaturas.

V. F. E con 300.000 habitantes que ten Islandia. Afortalando iso, pensemos que este é un país que ten unha Rosalía, un Cunqueiro, un Blanco Amor, pero tamén contemporáneos proxectados cara afóra, desde Rivas a Domingo Villar. Este país de 2.700.000 habitantes, que produciu o ano pasado máis de 2.000 títulos en galego, é un país que existe, malia á lei da gravidade.

M. B. O mercado do libro en Galicia factura 156 millóns. O prezo medio do libro en España son 20 euros; extrapolando, en Galicia venderíanse 7,7 millóns de libros ao ano, sáennos 2,81 libros por habitante e ano, 1,68 se non computamos os libros de texto, que en Galicia supoñen o 40% do mercado. Os nosos índices de lectura son maiores cós de Brasil e inferiores a Euskadi ou Cataluña.

P. Hai editores que falan, en privado, de colapso do sector.

M. B. Se ás mudanzas do sector engadimos o entorno no que vivimos, un mundo onde as políticas públicas relacionadas coa educación, a cultura e os servizos sociais se reducen... Nunca tivemos menos onde acudir.

P. Seis de cada 10 libros saen en castelán. Tamén é o idioma que concentra o 60% das traducións en Galicia.

M. B. Antes faciamos máis da metade da edición en galego, pero hoxe Galicia xa é polo da edición en España. Outro problema diferente é se a edición en galego decreceu a ese ritmo. A hemorraxia nos últimos anos na edición educativa é moi preocupante. Esa perda do 35% do mercado en dous anos, motivada polo decreto do plurilingüísmo, é algo gravísimo. Como tamén a dependencia que temos do castelán no ámbito da tradución.

V. F. Cos excedentes do libro en Galicia pasa un pouco o mesmo que coa enerxía eléctrica ou a man de obra. O que chamamos excedentes prodúcense sobre todo a partir da edición escolar, que é o que permite que financiemos outro tipo de proxectos, e iso marcha fóra. Atrévome a dicir aquí que, agás Xerais, o resto da edición educativa en Galicia é unha edición básicamente de extracción. E digo extracción porque Xerais reinviste en proxectos culturais de todo tipo, algúns de tal dificultade coma os Sonetos de Shakespeare.

P. Hai política do libro?

M. B. Non existe tal cousa. Hai unha lei consensuada de 2006 que nos vencella a todos: editores, libreiros e Administración. A política do libro non pode depender exclusivamente de Cultura. As medidas máis difíciles que tomou o Goberno viñeron desde Educación e Política Lingüística, como a retirada das axudas para libros de texto. Tamén ten que haber un Observatorio do Libro, e convocarse un congreso. A lei leva cinco anos aprobada e aínda non se fixo un diagnóstico.

V. F. Esa lei foi promovida polo PP, que a convocou, e aplaudímolo todos. O bipartito introduciu o valor estratéxico do libro e aprobouse por unanimidade.

P. Como tería que ser?

M. B. En clave de país, e acadar grandes consensos. A idea da lectura como elemento da axenda pública. Os políticos non van falar de lectura durante a campaña, cando a lectura é unha das competencias transversais fundamentais para formar cidadáns.

V. F. Lectura, libro e novas tecnoloxías. As sociedades máis desenvolvidas no mundo son aquelas con maior índice de lectura. Cando non hai hábito de lectura, tamén o consumo na Rede é semellante ao consumo televisivo. Non estamos convertendo a Rede en fonte de información e coñecemento. Cando falamos de política lectora en lingua galega, falamos en serio. Crear un estado de opinión dos axentes implicados que convirta isto nunha aventura colectiva, non unha guerra do que hai do meu, porque iso leva ao desastre.

P. Cantas veces pensaron que estaban errando coa política editorial? A comunicación de novidades estacionais que se presentan e se van enterrando entre elas...

V. F. É a fórmula da edición analóxica, que se vai esgotando en todo o mundo.

M. B. Inflación editorial, indixencia lectora, é o que se di. Fracasamos moitas veces, dos éxitos son responsables os lectores.

P. Perdéronse coleccións de poesía e ensaio e os mozos publican máis nos selos pequenos.

M. B. Alégrome dos éxitos de todos os meus compañeiros.

[Chaman ao teléfono de Víctor Freixanes]

P. Hai fórmulas cooperativas que custa poñer en práctica. Falta acordo entre os editores?

V. F. A historia do libro galego como industria, máis alá do discurso da resistencia, en termos de mercado moderno, vén de 1980. Unha etapa onde había vontade de construír, incluso ás apalpadelas. Logo hai un momento no que isto cae e se burocratiza. Si que se perdeu aquela busca para abrir espazos. A oportunidade de avanzar na revolución dixital, vencellada ao libro e á lectura. Internet é un produto Gutenberg pasado por 0 e 1.

M. B. Estou dacordo contigo, só engadiría un matiz. O da internacionalización. A aparición de Kalandraka, Oqo, Nova Galicia. Está en proceso, e para iso requírese unha estratexia de país.

V. F. Vender Galicia como totalidade. Se Galicia non existe como proxecto... O outro día dicíao Monteagudo: o problema non é a lingua, senón que non hai proxecto para o país. Non vexo proxecto para este país na política. Uns téñeno tan idealizado que levitan, e a outros non lles interesa. Eu teño unha camelia na casa e chapodeina tanto para rexuvenecela que acabou morrendo. Que cadaquén bote conclusións.

P. O beneficio mínimo que esixe Hachette, a dona de Anaya, oscila entre o 10 e o 15%, imposíbel na edición tradicional.

M. B. É así en Hachette, Prisa, Berstelmann... A austeridade non é un valor de agora, nós asumímola desde o inicio. O futuro do libro depende de nós, da sociedade e das políticas públicas de lectura. Dos medios de comunicación: os blogues de Xerais e Galaxia reduciron drasticamente o número de referencias tras a desaparición de Vieiros, Galicia Hoxe ou Xornal.

P. Ata que punto pesa a rebaixa da edición educativa?

V. F. Se o crecemento da edición non escolar, que medrou un 14%, fose maior... Pero isto non é un fenómeno exclusivo de Galicia, nos Estados Unidos o libro máis vendido é o de Salinger porque se vende en todas as escolas. O central é que unha parte importante deses excedentes do libro de texto marchan. Neses 31 millóns que facturamos en 2010 os editores privados galegos non están os libros que se producen fóra e que esas empresas si contabilizan.

P. De quen falamos?

V. F. Anaya, por exemplo.

M. B. Entre Xerais e Anaya publicamos preto de 400 títulos de 2000.

V. F. Pode ser Santillana, Rodeira...

M. B. Deses 156 millóns que factura o libro en Galicia, contando edición privada e pública, se o 40% da edición escolar fose nosa... O mercado do libro de texto son 60 millóns en Galicia.

P: O 8% do publicado en Galicia xa non é papel, o que non quere dicir que sexa todo libro dixital. Cal é aí o posición de partida dos editores galegos?

M. B. O que pasou na recente Feira de Francfort foi a derrota dos editores europeos no ámbito dixital. A distribución de contidos dixitais de libro electrónico dos tres grandes monstros estadounidenses, Amazon, Apple e Google, vaise establecer en Europa, e vai competir cos modelos que existan aquí. Imos ter que convivir cun modelo de distribución que é propietario, baseado nunhas regras e porcentaxes que en boa medida adoptan o modelo norteamericano. Iso vai acelerar o proceso de dixitalización en Europa.

V. F. Non sei cando vai anunciar Amazon a apertura da súa tenda dixital, onde tamén pretenden que haxa libros en galego.

P. Con que condicións?

M. B. Iso hao ter que negociar cada editor co distribuidor. Cada un de nós ten que definir os seus espazos de distribución dixital.

V. F. Apple ou a tenda de Galaxia, son novos supermercados.

P: Hai estratexia galega ao respecto, anque sexa privada?

M. B. Nós na AGE queremos que o perímetro sexa a lingua galega. Temos un proxecto colectivo que probablemente aloxará algúns contidos, outros redireccionaraos... O modelo dixital é un modelo en Rede, non é único. Tamén o é xa o libro físico: temos un distribuidor en Galicia, Arnoia, que é dos máis dinámicos que existe en España, e iso tamén ten que axudar ao sector. Agora, imos conseguir un dinamismo no ámbito dixital? Imos intentalo.

V. F. Nós temos dixitalizados 120 títulos, pero o retorno económico do e-book agora é cero. Hai que traballar o software e os dispositivos de lectura. Aínda non está configurado un estándar, temos que tranquilizarnos, ter o noso produto, o contido, en posición de lanzalo, e esperar que se estabilicen os circuítos.

M. B. É algo moi complexo. Hai modelos de empresas que elaboran contidos dixitais educativos en Galicia que son modélicas.

V. F. Volvemos ás políticas estratéxicas da cultura, pero para iso hai que ter a mente aberta e destinar recursos. Neste momento temos 800 suscriptores de Grial a través do Ministerio de Cultura, pero a Xunta non merca un só exemplar. Con que fondos vai contar Política Lingüística para axudar o sector? En que vai consistir o final da lexislatura?

O director de Galaxia, Víctor Freixanes, e o responsábel de Xerais, Manuel Bragado, no claustro do Hostal dos Reis Católicos.
O director de Galaxia, Víctor Freixanes, e o responsábel de Xerais, Manuel Bragado, no claustro do Hostal dos Reis Católicos.ANXO IGLESIAS

Tu suscripción se está usando en otro dispositivo

¿Quieres añadir otro usuario a tu suscripción?

Si continúas leyendo en este dispositivo, no se podrá leer en el otro.

¿Por qué estás viendo esto?

Flecha

Tu suscripción se está usando en otro dispositivo y solo puedes acceder a EL PAÍS desde un dispositivo a la vez.

Si quieres compartir tu cuenta, cambia tu suscripción a la modalidad Premium, así podrás añadir otro usuario. Cada uno accederá con su propia cuenta de email, lo que os permitirá personalizar vuestra experiencia en EL PAÍS.

En el caso de no saber quién está usando tu cuenta, te recomendamos cambiar tu contraseña aquí.

Si decides continuar compartiendo tu cuenta, este mensaje se mostrará en tu dispositivo y en el de la otra persona que está usando tu cuenta de forma indefinida, afectando a tu experiencia de lectura. Puedes consultar aquí los términos y condiciones de la suscripción digital.

Archivado En

Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
_
_