_
_
_
_
Entrevista:BLANCA CENDÁN | Directora do Centro Dramático Galego | Luces

"Hai que buscar solucións comúns, non pelexarnos polas axudas"

Co orzamento do teatro público reducido a 400.000 euros este ano, a metade ca en 2010, Blanca Cendán afronta a tempada 2011-2012 do Centro Dramático Galego sen saber ata onde chegará a tesoira, mais "esperanzada". No peor dos casos, co recordo dos noventa, agora que a crise parece resucitar aquela paz de cemiterio: "Daquela, coas vacas fracas, Chévere fixo Río Bravo". A rebaixa na programación do CDG, que se presenta en outubro, desbota repertorios corais exitosos coma o d'A ópera dos tres reás. "Intentaremos sacar unha nova produción e dúas coproducións", adianta.

Coa profesión dividida e o CDG no sotaque da resistencia, Cendán recomenda "tirar para adiante, unidos. E defendernos". As solucións non son doadas, pero o diálogo está aberto, segundo afirma, así cos actores como coa consellería: "O único problema que temos con Industrias Culturais, de habelo, é o diñeiro".

"Eu son da xeración dos noventa e pasámolas putas; non había nada"
"Intentaremos recuperar o formato das Ultranoites da Sala Nasa"
"Para programar hai liberdade, o problema é orzamentario"
"Hai empresas que se deberían implicar no teatro público"

Pregunta. Presentan programación nuns días sen coñecer o novo orzamento. Hai plan A e plan B?

Resposta. Sempre o hai. O principal de todo é preservar a produción. O CDG nace como unidade de produción hai 25 anos e daquela non había programación. Non existía teatro público con sala propia, é dicir, se temos que sacrificar a programación ou reducila imos priorizar sempre a produción. Intentaremos sacar o ano que vén unha produción, que non vai ser tan grande como A ópera dos tres reás, evidentemente, serán como sete actores, cun director español traballando un texto estranxeiro, é o que podo adiantar. E quizais dúas coproducións, que son unha fórmula moi boa para traballar en tempos de crise. Intentaremos sacar adiante o máximo posible nunha época que vai ser difícil. Sigo intentando que Novacaixagalicia tamén se implique, como n'A ópera...

P. Non rebaixar o traballo malia aos recurtes, dixo cando chegou. Está satisfeita?

R. A verdade é que si. Cumpriuse o anceio de buscar público, levamos 16.500 espectadores en 26 funcións d'A ópera dos tres reás e son 34, rematamos mañá en Narón, con Salomé foi tamén moi ben... E con teatros entre 500 e 1.000 persoas con case cheos ou cheos absolutos. Contabamos cun valor de produción enorme, Luís Tosar, e iso funcionou moi ben na distribución, facéndoo nun tempo incómodo. O verán non é época teatral.

P. Pero non houbo coproducións este ano, e tampouco se recuperou o Centro de Creación Dramática.

R. En realidade non nos desprendemos do Centro de Creación Dramática, é unha cousa que probablemente se volva retomar, igual que continúa o programa Artistas en Residencia... Estaban ensaiando O florido pénsil no Salón Teatro e, a un tempo, na nave do CDG, está preparándose outro espectáculo de Artística, que se estreará agora en outubro. Apoio ás compañías sempre hai, o CDG está para iso, nunca hai naves baleiras. Canto ás coproducións, a fórmula xa existía de antes, Artello coproducía co CDG xa hai moitísimos anos. Este ano fixemos Súper 8, de Voadora, e Rúa Aire, de El Retrete de Dorian Gray, que viñan da época de Cristina [Domínguez, anterior directora do CDG]. Eu quero continuar coas coproducións, imos retomalas, e probablemente o taller de escritura teatral. En 2011 non houbo ningunha, pero iso foi tamén por dispoñibilidade de espazo.

P. Á hora de buscar ingresos, o recorte do diñeiro público motiva moito?

R. Para unha obra da magnitude d'A ópera..., tes que facelo. Hai vinte anos que estiven en Brasil e era unha fórmula que xa existía. Penso en Gas Natural, Inditex... Hai moitas empresas que se deberían implicar, e cómpre buscar as vías para que o fagan.

P. O éxito d'A ópera dos tres reás compensa o descenso na contratación do CDG?

R. Na ópera son 20 en escena, 30 en xira e un total de 50 persoas que traballaron en total. Quero recordar que na tempada teatral, outubro-xuño, producimos dúas obras, Salomé e A ópera...

P. Deixando á parte a tempada perdida dos sete meses que estivo descabezado o teatro público.

R. Evidentemente, pero Cecilia Carballido [a xefa de produción do CDG con Cristina Domínguez] solventou o problema d'As actas escuras, que ao final se puido montar.

P. O retraso nos pagos, que afecta desde festivais a galas do audiovisual, en que medida toca ao CDG?

R. A maioría dos contratos laborais páganse ao momento, ao mellor tárdase máis cos dos autónomos, pero esperemos que todo saia ben e borrón y cuenta nueva.

P. Se a idea é buscar diñeiro, non habería que empezar por reformar a compañía institucional, tendo en conta que os ingresos de cada obra non revirten no CDG?

R. Se se puidera facer sería maravilloso; os propios grupos poderíanse encargar da taquilla, pero agora calquera gasto telo que mirar con lupa, non é como antes. Ten que ser así.

P. Está contenta co trato de Industrias Culturais?

R. Si. Tanto o CDG como o Centro Coreográfico son as unidades de produción fundamentais. Nós pelexamos para que nos dean máis orzamento, pero canto á liberdade para programar non hai problema ningún. O problema, de habelo, é orzamentario.

P. Nada máis chegar, a nova xerencia de Agadic puxo en dúbida o papel do CDG como unidade de produción. Hai un plan para o teatro en Industrias Culturais, dous anos despois?

R. O primeiro descoñézoo. Un plan concreto non o sei, pero si que existe unha mirada especial para o CDG e o CCG. En principio non hai problema, o problema sempre son os cartos.

P. Nunha entrevista en EL PAÍS, Roberto Varela dixo, á parte de que sobran compañías, que en Galicia van ao teatro 25 persoas por función.

R. No Salón Teatro se tivesemos 25 persoas... A crise xera problemas de público no cine, no teatro non.

P. Que sorprende máis, que Varela diga iso ou que a profesión non saia a enmendalo?

R. Non sei que cifras estaba manexando Varela. El agora ten as cifras d'A ópera, e sabe que as cousas van por outro lado. Eu intento ter unha boa comunicación con Varela e Fasero para arrimalos cara ao teatro. Sempre é mellor iso cá confrontación. Estamos nun barco no que debemos pelexar para que todo vaia ben, non para crear fracturas.

P. Vese como cun traballo didáctico ao respecto?

R. Varela sempre estivo interesado, tanto en Salomé como n'A ópera... Eu prefiro o bo rollo (ri).

P. A crise está dividindo máis ca nunca á xente do teatro?

R. Que ti teñas traballo e que outro non o teña non é o mesmo que se todos temos, iso está claro, pero tamén sucede co xornalismo, a min deume moita pena que desaparecese Xornal... O problema é real, pero hai que buscar solución e grupo: non pelexar entre nós porque che dan máis ou menos subvención, senón buscar unha solución común e tirar para adiante. Cando o corralito en Arxentina, as compañías chegaron a facer teatro nas casas... Eu son da xeración dos noventa e pasámolas putas. Entón si que non había nada, Santiago non tiña nin Principal, nos oitenta para escoitar música só había un club de jazz... A cidade empezou a emerxer culturalmente onde non había nada. Esa memoria non hai que perdela. Estivemos aí e sobrevivimos. Hai que tirar para adiante, unidos, e defendernos.

P. O lema da tempada?

R. En tempos de crise, estar unidos. Tamén estamos moi cerca do mundo do circo, co programa Jeunes Talents, queremos que Agadic se involucre co circo, porque tamén forma parte do teatro. E queremos recuperar o formato das Ultranoites da Nasa como espectáculo de variedades.

P. Non estraña o traballo de actriz?

R. Isto ten unha finitude clara, o contrato vénceme en 2013 e eu fixen programa para tres anos, todo dependerá de como vaian as tornas. A saída é bonita: volverei actuar.

A directora do Centro Dramático, Blanca Cendán, na súa casa de Vilar (Padrón), a semana pasada.
A directora do Centro Dramático, Blanca Cendán, na súa casa de Vilar (Padrón), a semana pasada.ÓSCAR CORRAL

Tu suscripción se está usando en otro dispositivo

¿Quieres añadir otro usuario a tu suscripción?

Si continúas leyendo en este dispositivo, no se podrá leer en el otro.

¿Por qué estás viendo esto?

Flecha

Tu suscripción se está usando en otro dispositivo y solo puedes acceder a EL PAÍS desde un dispositivo a la vez.

Si quieres compartir tu cuenta, cambia tu suscripción a la modalidad Premium, así podrás añadir otro usuario. Cada uno accederá con su propia cuenta de email, lo que os permitirá personalizar vuestra experiencia en EL PAÍS.

En el caso de no saber quién está usando tu cuenta, te recomendamos cambiar tu contraseña aquí.

Si decides continuar compartiendo tu cuenta, este mensaje se mostrará en tu dispositivo y en el de la otra persona que está usando tu cuenta de forma indefinida, afectando a tu experiencia de lectura. Puedes consultar aquí los términos y condiciones de la suscripción digital.

Archivado En

Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
_
_