_
_
_
_
Reportaje:Luces A crise deprime ás salas alternativas

A cultura no espazo que lle queda

Salas privadas e colectivos culturais ensaian novas fórmulas para compensar os recurtes - "O exceso de oferta non se corresponde coa demanda", remarcan en Sinsal

Ademais de reducir a cobertura pública, a escusa da crise valeu para abrir debates substanciais. Artistas, xestores e programadores culturais non consideran que a actual depresión vaia servir, así ao primeiro, para recuperar a cultura na súa dimensión orixinal -poética, feita por todos e non separada da vida, coma nos escasísimos centros sociais cooperativizados-. Pero si debería servir para retomar, ás veces pola vía civil, o fío das urxencias. Sen un deseño cultural para un país onde o 86% dos 85 espazos escénicos, a maioría recentes, son de titularidade pública (case a mesma porcentaxe para as 25 salas de concertos) e as políticas de captación de públicos son obra actual -comezaron con Miguel Martín á fronte do vello Igaem-, algunhas salas e colectivos culturais seguen mantendo unha programación de calidade arraizada no lugar. Non é sinxelo.

"Hai que retornar á autoxestión da escena 'hardcore', pero con máis experiencia"

"Ao non sermos parte do mainstream, a crise non nos afecta tanto", resume Luís Campos, membro da promotora musical Sinsalaudio, creadores, entre outras iniciativas, do Festival Sinsal, que espalla vangarda sonora por varias cidades galegas cunha programación que cambia cada estación. "O concerto co vaso de cervexa está superado, a xente que crea non se para nas fronteiras entre música, danza ou teatro, senón que busca a comunicación directa co espectador e a interrelación entre as disciplinas", albisca Campos. No seu día, o Festival Sinsal xa foi pioneiro na traslación de músicas emerxentes a escenarios insólitos e agora frecuentes, coma os teatros, desde o Vademecwn, o clube nocturno no que empezaron. A gratuidade ou as entradas baratas, ferramentas habituais para fidelizar públicos, obsérvaas Campos como certa "competencia desleal" cara ás empresas privadas por parte das administracións. En sintonía con outros fenómenos como a falta de público, incapaz de absorber "un exceso de oferta que non se corresponde coa demanda".

Na apreciación dun certo estado depresivo xeralizado concorda a consultora Alicia Carrera, directora de proxectos na empresa Van Divulgación Cultural, especializada en plans de xestión para museos e outras entidades culturais e medioambientais de toda Galicia. A difusión cultural, máis invisible có espectáculo no que devén (ou non), ten os seus propios problemas. "Gustariame que fose doutro xeito, pero a realidade é que o ambiente é de tristura". Cos proxectos museográficos, centros de interpretación, sinaléctica e didáctica reducidos á mínima expresión, Carrera critica que todo se programe "pensando en que o vaia pagar o usuario". "Isto é educación e formación para públicos novos e por iso debe ser subvencionado, é absolutamente necesario que os museos sexan gratuitos", defende Carrera.

No contexto actual, no que até as grandes empresas estatais do ramo optan á xestión de pequenos centros de interpretación de ámbito local, Carrera avoga polo asociacionismo do sector, crear vencellos co eido da investigación e por apostar pola suma de cultura, turismo, protección da natureza e preservación patrimonial para ampliar o seu radio de actuación. Outro debate pendente.

En Compostela, o rumano Theodor Smeu abriu en 2008 a sala Santart, daquela sexto espazo escénico privado de Galicia. Coa desaparición da Sala Galán, agora sobreviven canda Santart Teatro del Andamio (A Coruña), Nasa (Santiago) e os vigueses Teatro Arte Livre e Ensalle. Smeu, que participa das subvencións da Rede Galega de Salas, non traga "co conto da crise". Santart, deseñada para "acoller ás compañías novas, os marxinados", con 40 butacas descalladas adrede da Galán para un torreiro de cinco por sete, énchese fácil. O 40% da programación, ademais, pode ser exclusivamente musical. Entre maio e setembro, Smeu deixa de programar e Santart funciona como local de ensaio, arestora de Teatro do Lume (Santiago) e Telón Partido (Moaña), que estrearán alí en outubro. "A receita é facer salas pequenas", defende.

Fóra de calquera rede institucional, en loita permanente co inferno administrativo no que abanean os bares de copas, funciona desde 1997 a sala ourensá Rock Club, bandeira de músicas seminais desde o garaxe sesenteiro ata o último power-pop. Ao principio crearon unha asociación cultural, Bad Seed, na idea de canalizar as axudas, mais pronto se converteu en discográfica, efémera (o disco en vinilo vermello de Cinnamon Gun, editado na República Checa), e oficina de management para evitar intermediarios.

"A única subvención que tivemos en todo este tempo déunola Pepe Araújo [PP] en 2003, unhas 60.000 pesetas para a propaganda do Power Pussy Festival", chacotea. Tentados de abandonar moitas veces, a última aínda hai dous anos, agora sorpréndense retratados por unha das súas bandas residentes, The Cynics, no tema Rock Club. "Sei que pagamos un prezo, pero decidimos non caer nas presións do sistema", oufánase José Luis Labrador. Para O Labra, o camiño para espazos coma o seu é un retorno á autoxestión ordeada da escea hardcore, "pero con máis experiencia".

Por que falta o que falta

Por que a rede de bibliotecas da Coruña funciona tan ben? Por que o principal museo público de Galicia, o CGAC, segue separado publicitariamente de Santiago? Por que ás veces as diferentes programacións, sexan de fundacións, concellos ou obra social das caixas, compiten entre elas, solapando axendas e illando as diferentes ofertas locais? "Non hai solucións sinxelas para problemas complexos", convén Héctor Pose.

Mais no actual contexto de adelgazamento das políticas públicas, moitas destas cuestións "non dependen dos orzamentos, senón da sensibilidade política". "Aí podemos situar o desmantelamento do Centro Coreográfico na etapa de Natalia Balseiro". Pose, profesor na Facultade de Ciencias de Educación da Coruña, experto en políticas culturais locais -foi un dos coordinadores do fanado Proxecto Interea-, partilla responsabilidades. "En troques de falarmos de acción cultural pública obvia, falemos de estimular a creatividade. Iso pódese facer a través de medidas que en Galicia non acaban de callar". En Galicia non hai centros de creación ao estilo europeo. Aos colectivos autoxestionarios, polo de pronto, tampouco lles entregan as chaves do teatro dacordo a un contrato-programa.

Tu suscripción se está usando en otro dispositivo

¿Quieres añadir otro usuario a tu suscripción?

Si continúas leyendo en este dispositivo, no se podrá leer en el otro.

¿Por qué estás viendo esto?

Flecha

Tu suscripción se está usando en otro dispositivo y solo puedes acceder a EL PAÍS desde un dispositivo a la vez.

Si quieres compartir tu cuenta, cambia tu suscripción a la modalidad Premium, así podrás añadir otro usuario. Cada uno accederá con su propia cuenta de email, lo que os permitirá personalizar vuestra experiencia en EL PAÍS.

En el caso de no saber quién está usando tu cuenta, te recomendamos cambiar tu contraseña aquí.

Si decides continuar compartiendo tu cuenta, este mensaje se mostrará en tu dispositivo y en el de la otra persona que está usando tu cuenta de forma indefinida, afectando a tu experiencia de lectura. Puedes consultar aquí los términos y condiciones de la suscripción digital.

Archivado En

Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
_
_