Bal y Gay, a autonomía da música galega
Un home e unha muller, un casal novo, soben pola escada dun barco no peirao de Vigo. Eles son novos, mais como tanta outra xente que está a embarcar nese día de calor de 1936 cargan con eles unha sombra: foxen cara a Inglaterra, onde el imparte aulas na Universidade de Cambridge. Estes últimos días antes de embarcar camiñaron pisando brasas. A sublevación dos militares sorprendeunos en Lugo, a cidade de el, Xesús Bal y Gay. "Chamei ao gobernador civil, republicano, [...] o gobernador díxome: 'Non te preocupes, non ten importancia'. Se me atraso unha hora en falar, o teléfono descolgaríao un falanxista e preguntaríame, 'quen é vostede?', etc, e non o contaría". Aínda así, Xesús e a súa dona, Rosita, viaxaron desde Lugo a Ribeira pasar o veraneo como cada ano. Foi alí onde souberon dos primeiros asasinatos. Logo foron enterándose doutras mortes de amigos aquí e aló. Foxen. Axudoulles a embarcar un hispanista, John Trend, que fora quen, un ano antes, lle conseguira a Bal praza de lector de español en Cambridge.
A súa estadía en Cambridge no 35 enfriou o entusiasmo republicano
O hispanista John Trend axudou ao matrimonio a marchar ao exilio
En México, a parella faise amiga de Igor Stravinsky e a súa dona
"Deixei a composición antes de 1960", escribiu. Morreu en 1993
De seguro que a súa estadía en Cambridge desde 1935 foi arrefriando o seu entusiasmo militante a prol das ideas republicanas e galeguistas e o foise afastando das paixóns desatadas na sociedade española e fíxolle descubrir unha vida serena xunto á súa moza. A ese campus chegarían amortecidos os ecos dos disparos e os berros dos asasinados. Bal lembrará a estadía dun modo que pode desconcertar: "Tamén experimentei a dozura [de vivir] en Cambridge". No ano 38, no medio da Guerra Civil, remata o prazo do seu lectorado e abandona Inglaterra convidado polo presidente de México para residir alí acollido pola Casa de España, creada para recibir aos intelectuais republicanos exilados. Uns 50 anos despois Bal interpretaba así ese paso: "O meu exilio, pois, foi voluntario, propio dun liberal alleo aos partidos políticos e que non admitía que a tiros se puidesen solucionar os problemas da España". A diferencia doutras figuras máis comprensíbeis e previsíbeis, Bal y Gay non nos permite comprender totalmente as motivacións dos seus pasos. Semella que por eses anos estivese vivindo unha evolución e que ante a traxedia da nosa guerra, baixo a influencia de Trend, que posíbelmente formase parte do servizo de intelixencia británico, adoptase o punto de vista do Reino Unido, que mantivo unha postura supostamente neutral entre os bandos. De feito, en chegando a México colabora co servizo de propaganda británico.
Con todo, non hai dúbida de que a guerra e o exilio partiron a súa vida. Unha vida, a do mozo lugués que participa apaixonadamente do galeguismo republicano da mocidade dos anos vinte e trinta e a outra vida, a do musicólogo e compositor, que desenvolve a súa profesión e madurece a súa arte nun México dinámico, moderno e aberto ao seu tempo. Nacido en 1905, o Suso foi fillo dun próspero comerciante lugués nunha casa sen tradición musical e a música chegoulle de esguello. A mestra de piano da súa irmá reparou en que o meniño atendía e comprendía as leccións musicais. Os pais decidiron que tamén o rapaz tivese as súas leccións de piano. Con todo, neses anos máis ben pensa en si como escritor e así escribe versos. Logo do bacharelato en Lugo segue uns estudos universitarios erráticos. Matricúlase primeiro en Filosofía e Letras en Santiago, logo en Enxeñería en Madrid e máis logo en Medicina. Aínda uns anos máis tarde volverá matricularse en Filosofía e Letras en Santiago, tamén sen consecuencias.
En 1924 participa na creación da revista Ronsel en Lugo. En Ronsel xúntase cun animoso Evaristo Correa Calderón, que daquela era galeguista antes de ser falanxista, con Álvaro Gil e Luís Pimentel. É un dos lugares onde se prefigura unha nova xeración galeguista ilustrada e republicana. Por entón publica un libro, Historia do ballet galego, e co poeta Luís Pimentel intenta compor un ballet, para o que semella que Pimentel nunca acabou de escribir o texto.
Matriculado en Medicina en Madrid, ingresa na Residencia de Estudiantes, un experimento educativo da Institución Libre de Enseñanza. Alí ábreselle un camiño que andará toda a vida. Ademais de asistir a concertos e completar a súa formación musical, coñecerá a figuras da cultura española do momento e máis adiante á xove pianista Rosa García Ascot, coa que casará no ano 33. Neses anos, até o casamento, participa intensamente na vida cultural e política galega, fai o servizo militar en Santiago no 27 e ingresa no Seminario de Estudos Galegos ("Foi unha auténtica vangarda no corazón da Galiza"), vive unha amizade intensa con compañeiros de xeración como Dieste e Maside. É daquela cando se decide a súa sorte. Viaxando en tren de Santiago a Lugo conversou co doutor López Suárez quen o interpelou: "Vostede coquetea coa Medicina e iso non o vai levar a ningures, non será nunca médico. O que lle interesa é a música."
Continúa a súa implicación na vida pública, escribe dúas columnas semanais no xornal republicano vigués El Pueblo Gallego. Bal é de naturaleza polémica e defende o punto de vista artístico e político dunha xeración cunha cultura enfrontada a algunhas concepcións dominantes no galeguismo até ese momento, como a visión esencialista de Risco (Os da raza). Marca unha posición moi clara sobre a música galega: cómpren composicións musicais co coñecemento da música culta do momento. O seu xornalismo é a cada vez máis comprometido coa República e co nacionalismo galego e o Estatuto de Autonomía. Semella vivir dacabalo entre a nova Galiza que constrúe a súa xeración e o Madrid da Residencia. Para Galiza fará aínda traballos tan valiosos como a recolleita, durante cinco veráns, de folklore para o Cancionero gallego, co musicólogo Torner, as Seis pezas para canto e piano sobre poemas de Amado Carballo ou o estudo sobre folklore na monografía do Seminario, Terra de Melide. No ano 35 publica a súa edición das Treinta canciones de Lope de Vega, un estudo que lle dá notoriedade e que motiva que o hispanista Trend lle ofreza o lectorado en Cambridge.
En México o casal mantén relación con Manuel de Falla, de quen Rosita fora alumna e de quen se consideraba a discípula máis directa, e estabelecerá amizade con Igor Stravinsky e a súa dona. Bal recoñeceu e admirou a Stravinsky, "Las más puras esencias del clasicismo dominan hoy la producción de Stravinsky. En ningún otro compositor contemporáneo podremos encontrar un más harmonioso sentido de la forma ni una mayor serenidad". Sempre valorou a noción de orde na composición, polo mesmo que non valorou a escola de Schöenberg. Nesa etapa, Bal vive do seu traballo como crítico musical, musicólogo e compositor, e desa época é a edición como musicólogo do Cancionero de Upsala e diversas polémicas musicais na prensa mexicana. Tamén os seus libros Chopin e Debussy. Do seu labor como compositor: Serenata para cuerdas; Cuatro piezas para canto y piano, nesta ocasión os poetas musicados son Juan Ramón Jiménez, Alberti e Prados; Tres piezas para orquesta; Concerto grosso; Sonata para clarinete y piano; Oda a don Quijote... E chega un momento no que abandona a composición: "Deixei de compór hai moitos anos -desde antes de 1960- por falta de ganas, por falta de necesidade, pola mesma razón pola que cada vez que compuxen fíxeno por necesidade imperiosa e insoslaiábel de expresarme".
No ano 62 viaxan como turistas por Europa e entran en España: Sevilla, Granada, Madrid e Santiago, onde recobra o alento das vellas amizades, Maside, Seoane, García-Sabell, Otero Pedrayo... Escribe La dulzura de vivir lembrando a viaxe recente e nesas lembranzas latexa a soidade dun pasado que o chama e que o conduce a unha volta a España. No ano 65, tras faceren algunha xestión para saber que poden voltar e ficar a vivir, Xesús e Rosita chegan a Madrid, onde se estabelecen. Na década dos setenta e oitenta terá Bal recoñecementos na Galiza, será profesor nos cursos de Música en Compostela un ano e recibirá sucesivos homenaxes no Lugo natal. Tamén en Madrid onde volve soar á fin a súa música na súa querida Residencia de Estudiantes. Morreu o Suso lonxe de Lugo nove anos antes que Rosita, no 1993. E para cerrar unha vida toda ela difícil de ubicar, foi enterrado en Torrelaguna, provincia de Madrid.
Tu suscripción se está usando en otro dispositivo
¿Quieres añadir otro usuario a tu suscripción?
Si continúas leyendo en este dispositivo, no se podrá leer en el otro.
FlechaTu suscripción se está usando en otro dispositivo y solo puedes acceder a EL PAÍS desde un dispositivo a la vez.
Si quieres compartir tu cuenta, cambia tu suscripción a la modalidad Premium, así podrás añadir otro usuario. Cada uno accederá con su propia cuenta de email, lo que os permitirá personalizar vuestra experiencia en EL PAÍS.
En el caso de no saber quién está usando tu cuenta, te recomendamos cambiar tu contraseña aquí.
Si decides continuar compartiendo tu cuenta, este mensaje se mostrará en tu dispositivo y en el de la otra persona que está usando tu cuenta de forma indefinida, afectando a tu experiencia de lectura. Puedes consultar aquí los términos y condiciones de la suscripción digital.