Viacrucis dun dicionario
A obra académica sairá á fin en maio
Anunciouse moitas veces, pero desta volta semella que o dicionario monolingüe da Real Academia Galega (RAG), o primeiro tras o cambio da normativa de 2003, podería estar listo para o mes das Letras.
Se non está claro é porque non foi sinxelo. "O dicionario publicarase cando estea acabado", puntualiza Manuel González, que xa coordinara, co falecido Constantino García, as 25.000 entradas do anterior (1997, coeditado por Xerais e Galaxia) "e terá unhas 50.000 acepcións". Coa obra aberta ás contribución da RAG, aínda se están incorporando achegas dos académicos, que se terán que debater no plenario. Non o publicará a madrileña Arrecife, como se ten dito. González conta editalo "en Galicia".
Segundo o seu coordinador, contará unhas 50.000 entradas
O volume aínda está incorporando as achegas dos académicos
Tantos anos de traballo poden parecer moitos -González conta nove: "No 97 saíu o primeiro dicionario, logo saíron os dous tomos do bilingüe (2004), despois retomamos"-, pero o importante, remarca, "é que sexa de referencia definitiva". "Con que logo apareza un cada 15 ou 20 anos, chega. A constante actualización do idioma ten que facerse a través da Rede". Cando a obra estaba lista para o prelo, en 2007, algúns académicos mandaron parar. Chegouse a falar dun "trasunto do Vocabulario Ortográfico da Lingua Galega", a listaxe redactada polo propio Manuel González e o lexicógrafo Antón Santamarina -45.000 voces na primeira versión de 1986-, alimento da maioría dos dicionarios de galego dos noventa.
"Entra dentro do normal e debería ser obrigado", explica o coordinador científico do Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades. "Por primeira vez na historia da Academia houbo un número considerable de membros que se molestaron en ler o dicionario de cabo a rabo, para así faceren as achegas que consideraron oportunas. Ao mellor o dicionario, en certos aspectos, pode perder algo de coherencia como obra completa, pero é positivo noutros: será a voz autorizada de toda a Academia".
No que atinxe ás fontes e ao corpus escollido, o responsable dos seminarios de Lexicografía, Sociolingüística e Terminoloxía da RAG -este último compartido co centro Ramón Piñeiro- desbota ruxerruxes. O espello foron as fontes lexicográficas "todas", todos os dicionarios de galego e todos os traballos monográficos de léxico dialectal. A maioría compiláraas Antón Santamarina no Diccionario de diccionarios (a última versión en CD-Rom editada pola Barrié é de 2003), un total de 345.742 entradas procedentes de 26 obras lexicográficas, publidadas ou inéditas, entre o Viaje que el Padre Sarmiento hizo a Galicia el año de 1745 e 1992. Entre os corpus textuais que se seguiron, fundamentalmente escritos, González refire "os 30 millóns de formas do Tesouro Informatizado da Lingua Galega [todo o traballo de campo do Instituto da Lingua Galega, que comezou a se informatizar a finais dos oitenta] e os textos do Corpus de Referencia do Galego Actual (CORGA, con 25,8 millóns de formas tomadas de textos literarios e xornalísticos desde 1975 á actualidade)", precisamente unha das eivas que se lle apoñían ao dicionario na súa primeira versión.
No primeiro vocabulario que bota a institución desde o 97 non hai étimos, e aparece transcrición fonética "só nos casos problemáticos". Aínda que non houbese revisión explícita dos tecnicismos por parte de especialistas, os bolseiros, di González, "fixeron consulta continuada a especialistas sempre que había dúbidas". Cada acepción leva un exemplo, igual ca no diccionario bilingüe. Un dos modelos que González tiña na cabeza, Le Petit Robert, o dicionario francés de 60.000 palabras na versión de 2004, inclúe exemplos das acepcións con referencia textual. No da RAG non é que os exemplos das acepcións vaian a conta dos investigadores que traballaron nel: "Sempre que hai un exemplo claro nos corpus, bótase man dese exemplo. Fano todos. Nós aí temos un problema engadido, que é a historia de produción textual que temos. Hai moitas palabras da lingua culta para as que non temos texto do que botar man. Por iso moitas veces se calcan exemplos tomados doutras linguas".
O "problema nuclear" ao que fai fronte o novo dicionario da RAG é "asentar o léxico patrimonial definitivamente". "Nin sequera os neoloxismos, que deberan ser unha ferramenta coa que xogarmos para a creación de novas formas que cubran as novas necesidades nominativas. Unha lingua, se quere asegurar a súa identidade no futuro, debe fomentar iso mirando para si". Por aí pairan as necesidades do usuario da lingua ás que pensa dar resposta o novo dicionario: dar cabida ás voces patrimoniais sen un marcado carácter dialectal. "Utilizamos tamén lingua de especialistas, pero é o vocabulario que pode buscar un alumno de Bacharelato".
Entre os rumores que callaron durante o longo entanto da obra, entre a sede da Academia en Tabernas e pequenas oficinas compostelás entre O Hórreo e Vidán, este xornal contrastou algúns datos. Ningún difire do que é o traballo filolóxico en Galicia, tendo en conta que xa hai dicionarios que pagan aos investigadores a obra vencida e por dereitos de autor, e que a apertura da Academia comezou coa retirada de Domingo García-Sabell en 1997: os bolseiros tardaron moito en seren contratados e ao primeiro traballaban en fichas de papel (o dicionario, a priori, non ten versión dixital).
O catedrático de Filoloxía Románica na Universidade de Santiago chacotea coa multiplicación da súa actividade filolóxica: "O traballo non se dilatou por iso, eu son o primeiro que quere prescindir dalgunhas responsabilidades". Outra cousa, matiza, é o problema de partida. "Aquí aínda se entende que o traballo filolóxico e o cultural, en xeral, tería que ser consecuencia da militancia. E isto tamén é, e debe selo, un modo de vida".
Tu suscripción se está usando en otro dispositivo
¿Quieres añadir otro usuario a tu suscripción?
Si continúas leyendo en este dispositivo, no se podrá leer en el otro.
FlechaTu suscripción se está usando en otro dispositivo y solo puedes acceder a EL PAÍS desde un dispositivo a la vez.
Si quieres compartir tu cuenta, cambia tu suscripción a la modalidad Premium, así podrás añadir otro usuario. Cada uno accederá con su propia cuenta de email, lo que os permitirá personalizar vuestra experiencia en EL PAÍS.
En el caso de no saber quién está usando tu cuenta, te recomendamos cambiar tu contraseña aquí.
Si decides continuar compartiendo tu cuenta, este mensaje se mostrará en tu dispositivo y en el de la otra persona que está usando tu cuenta de forma indefinida, afectando a tu experiencia de lectura. Puedes consultar aquí los términos y condiciones de la suscripción digital.