Reportaje:Luces

Os enigmas de 'Galicia'

O material do lendario filme de Carlos Velo achado en Rusia completa todo o material da obra - O debate céntrase en definir en qué fase de montaxe se atopaba

A lata, ao que parece intacta dende o final da Guerra Civil, cunha etiqueta que di "Galicia" e colocada entre os máis de 52.000 filmes documentais atesourados polo Arquivo do Estado Ruso de Cinema Documental e Fotografía, en Krasnogorsk, agochaba a peza chave da historia do cinema galego: as imaxes perdidas de Galicia de Carlos Velo. "Están todas as imaxes que sospeitabamos que tiña o filme", sinala o historiador José Luis Castro de Paz, "e ten a duración que unha vez dixera o propio Velo". Os 16 minutos de rexistro, que chegaron a Galicia o pasado decembro da man do profesor Vladimir Magidov nun deuvedé, inclúen os célebres e inéditos planos marítimos da fita. O cineasta de Cartelle estruturara a obra en base á lei galeguista que dividía o mundo do traballo entre labregos e mariñeiros.

Castro de Paz: "Están todas as imaxes que sospeitabamos tiña o documental"
Fernández: "A URSS pedía imaxes para os seus noticieiros e así chegou a Moscova"
A copia rusa foi proxectada en público; revélano as marcas do celuloide
"Trátase do que tecnicamente se chama 'copión", di o director do CGAI
Más información
Fragmentos (novos) dun discurso amoroso

Ninguén dubida xa da autoría do achado. A estética inconfundíbel do traballo de Velo nos anos anteriores ao 36, coa pegada do cinema soviético impresa na maneira de encadrar e na fotografía do operador Cecilio Paniagua, aplícase aos pescadores, aos feirantes filmados en Cartelle, aos labregos que mallan no liño, á romaría popular ás portas dunha igrexa, ao xeito de enfocar un hórreo. Pero despexada esta incerteza, os interrogantes son múltiples. Miguel Anxo Fernández, biógrafo do director exiliado, coloca algunhas cuestións no debate. "De que material estamos a falar?", pregúntase, "eu teño dúas hipóteses. Unha, poden ser descartes da montaxe que xa coñeciamos, pero non creo; e dúas, restos dunha copia orixinal de Galicia".

A versión coñecida até agora duraba oito minutos e ofrecía unicamente a ollada de Velo sobre o campesiñado. Tratábase do rolo que Paniagua entregara ao cineasta nos sesenta e que este proxectara, en 1985, nas Xornadas de Cine e Vídeo do Carballiño. Conta cunha voz en off abertamente a prol da causa republicana e que, por causas temporais, dificilmente puído montar Velo, quen escapara de zona nacional sen rematar a confección da obra e deixando o material en Madrid. Na consideración de Castro de Paz, estudoso do cinema da II República, a copia rusa mesmo pode ser "a montaxe orixinal que prepararán Velo e Mantilla". "Esta montaxe é máis rica que a coñecida", afonda, "o mar e o campo altérnanse ritmicamente e remata con esa simplificación de dous bloques estancos, un mariñeiro e outro labrego". Pero Castro de Paz insiste en que as súas non exceden o carácter de conxecturas puntuais. "Haberá que agardar ao dictame dos expertos", engade, "o que está claro é que hai elementos de montaxe na versión rusa".

"Tecnicamente estamos perante un copión, a versión previa á definitiva", considera Guillermo Escrigas, director do Centro Galego das Artes da Imaxe (CGAI), onde se custodia Galicia. Os 16 minutos carecen de son pero, a xulgar polas marcas do celuloide, si foi proxectada en público. "A circulación de material fílmico entre a España republicana e a Unión Soviética explica porque aparece aló", apunta o autor de Carlos Velo. Itinerarios do documental nos anos trinta, Fernando Redondo. Fernando Gutiérrez Mantilla, produtor e finalmente codirector da obra, militaba nun Partido Comunista absolutamente fiel ás directroces manadas de Moscova. A diplomacia bélica e, a dicir de Miguel Anxo Fernández, a procura de imaxes para os noticieiros soviéticos explican a peripecia xeográfica do documental. O deuvedé que Magidov entregou no CGAI contén metraxe de autoría descoñecida, recollida en Valencia e Estremadura, que afortala esa tese.

A académica e cineasta Margarita Ledo intuíra, nun artigo publicado en 2006 n'A Trabe de Ouro, a conexión soviética. Fíxoo a través de Ispanja, un filme da directora Esfir Shub sobre a guerra do 36 en que aparecen planos pertencentes a Galicia. Non estaban na versión de oito minutos. Alfonso del Amo, xefe de restauración de Filmoteca Española, tamén consignara, no seu Catálogo general del cine de la Guerra Civil, a existencia dunha copia de Galicia nos arquivos da Unión Soviética. Mesmo deu o número de catalogación. Mais a lata nunca foi descuberta.

Determinar en que estadio de elaboración se atopa a Galicia de Krasnogorsk, máis alá de que se traten dos 16 minutos totais do traballo concibido por Velo, depende agora do acceso aos arquivos rusos. "A chave está en estudar o celuloide orixinal", sinala Miguel Anxo Fernández, "porque estou estou seguro de que está sonorizada, porque foi proxectada". Fernández fai referencia ás secuencias completas e con producidas transicións entre planos que aparecen na fita. Tamén Fernando Redondo constata "a coherencia estética e plástica" da copia, malia a unha apariencia de entrada caótica. E interrógase sobre se esta é a versión que se puido ver na mesma Exposición Universal de París que amosou ao mundo o Gernika. Daquela fora Luis Buñuel quen escollera varias obras de Carlos Velo, entre elas Galicia, para un acontecemento reconvertido en agit-prop antifascista.

O CGAI facilitou o achado aos expertos que veñen remexendo nos faiados da cinematografía de Carlos Velo dende hai anos, entre eles os consultados nesta reportaxe. A Guillermo Escrigas, o director do centro coruñés, non lle estrañan os 74 anos que Galicia -o título ía ser Finisterrae-Galicia, pero Velo mudouno cando Jean Epstein estreou Finis Terrae- tardou en aparecer. "Hai unha parte de sorte e outra de olfato", explica, "pero as cousas non aparecen se non se buscan". Luís Seoane sementara unha pista falsa, ou polo menos non confirmada, en 1962, cando situou o documental nunha filmoteca estadounidense. Miguel Anxo Fernández engade á aventura a dificultade dos arquivos fílmicos para manter en condicións o seu patrimonio. "As filmotecas non dan feito", asegura, "só a española, por caso, ten centos de latas con película sen revisar".

En Galicia comparecen as vangardas do cinema do real. No seu celuloide, agora multiplicado por dous, ecoan Os homes de Arán de Robert Flaherty, A Terra de Dovjenko, A liña da Xeral, de Einsenstein, a dignidade que os cineastas soviéticos dos anos vinte apuñan ao traballador, aos homes e mulleres do común, o rexistro do real en marcha facturado pola escola inglesa. O galeguismo militou entusiastamente nun traballo en que os títulos de crédito -ausentes na versión Krasnogorsk- os debuxou Castelao, Rafael Dieste revisou o guión orixinal, Xaquín Lorenzo, Xocas contribuíu ás localizacións e Bal y Gay achegou as súas pescudas etnomusicais. Pero os enigmas distan de se resolver na súa totalidade. "Esta versión fai medrar a importancia de Velo no documentalismo republicano, se cabe", teoriza José Luis Castro de Paz, "e ratifica certo estilo, certa maneira de mirar os paisanos e a paisaxe particular do cineasta".

Que máis alfaias agochen os fondos ex soviéticos será algo que comproben os investigadores cando o CGAI, e Filmoteca Española, pechen un acordo para viaxar a Moscova. "En 13 dos arquivos hai materiais relacionados con España e Galicia", concreta Castro de Paz. Miguel Anxo Fernández ilusiónase con que algún día apareza Infinito -o filme experimental de Velo- ou, "por que non", o lendario Mariñeiros de José Suárez. "Nos planos do mar, as embarcacións levan matrícula de Bueu", súmase á esperanza Fernando Redondo, "esta pode ser unha pista falsa, pero o certo é que Suárez rodou alí".

Archivado En

Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS