_
_
_
_
Reportaje:Luces

Heterodoxos e librepensadores

O historiador Carlos Pereira pescuda na masonería, nas sociedades teosóficas ou no rosacrucismo e revela a súa pegada no galeguismo republicano

O pintor e poeta Luís Seoane formaba na loxa Antolín Faraldo de Buenos Aires. Na mesma cidade, Castelao asistía con regularidade aos rituais masóns da Lautaro e non poucas das súas amizades -Antonio Baltar, Ramón Rey Baltar, Xesús Canabal- procuraban a dimensión moral da liberdade, igualdade e fraternidade nos templos do Grande Oriente. O afiliado número 1 do Partido Galeguista, Manuel Lugrís Freire, o alcalde de Santiago asasinado polos fascistas en 1936, Ánxel Casal, ou o seu homólogo republicano de Vilagarcía, Elpidio Villaverde, tamén. Mesmo Manuel Curros Enríquez pertencera á masonería. O historiador Carlos Pereira Martínez (Montevideo, 1959) vén de recompilar nun volume as súas pescudas sobre os seguidores do Gran Arquitecto e sobre outras sociedades contrarias ao fanatismo relixioso e o dogma político reaccionario.

"O nexo é o combate pola liberdade de conciencia", explica o autor do libro
Risco tivo relación coa teosofía en Pontevedra, pero o medo afastouno

A Galicia heterodoxa (Espiral Maior, 2010) pasa revista á presenza no país de colectivos marxinais pero teimudos na defensa da liberdade de conciencia. Polas súas páxinas desfilan os masóns, as sociedades teosóficas, os rosacrucistas, os librepensadores achegados á acracia ou os rotarios. "O nexo común entre todos eles", explica o autor, na actualidade historiador do Concello de Culleredo, "é o combate pola liberdade de conciencia e o librepensamento". Aparecidas no século XIX, adoito no ronsel da ideoloxía manada da Revolución Francesa, estes peculiares heterodoxos refugan a visión unidimensional da vida en común, a democracia corrupta, a intolerancia teocrática. "Funcionaban de maneira discreta e á marxe, pero sempre tentando influír na sociedade, promover os valores democráticos, o acceso á educación", engade.

A masonería, que ocupa a maior parte dos estudos recollidos no libro, resulta exemplar nesa tarefa, ao dicir de Pereira. Aparecida na súa versión moderna na Inglaterra do século XVIII mergullada en guerras de relixión, naqueles templos compartían ritos fieis de todas as confesións. O primeiro rexistro da súa actividade en Galicia, consigna esta investigación, remóntase a 1814, na Coruña: a Logia Constitucional de la Reunión Española. "Trátase da única loxa do mundo, ou unha das poucas, cun nome que inclúa a palabra constitucional", sinala o escritor, "na que se integraban os máis destacados liberais da cidade". O regreso de Fernando VII -os partidarios do absolutismo berraban "¡vivan las cadenas!"- provocou a desbandada. "As ideas dos masóns tamén están presentes entre os militares que se erguen en 1846, os Mártires de Carral, pero resulta difícil obter probas documentais, é unha nebulosa", di.

Non será até o denominado Sexenio Revolucionario que volvan aparecer masóns galegos implicados nos grandes acontecementos políticos do seu tempo. "E iso que, en teoría, nunha loxa non se pode falar nin de política, nin de relixión, porque divide", puntualiza Carlos Pereira. Mais Antonio Romero Ortiz, nado en Compostela en 1822, racha con calquera normativa. Secretario da Xunta de Santiago en 1846, na denominada revolución progresista de 1854 é o segundo do gobernador civil de Madrid e en 1869, segundo Pereira, "decisivo na confección da Constitución en temas como a liberdade relixiosa e as relacións entre Igrexa e Estado". Romero Ortiz foi, ademais, próximo ao galeguismo prenacionalista. Pero moito máis: "Protosocialista, anarquista literario, republicano, provincialista, exiliado, progresista, conspirador...". Ocupará cargos durante a primeira, e breve, experiencia republicana española. Morreu en 1884 na capital galega onde nacera.

Contra os masóns, especialmente activos no republicanismo galego que pelexou pola II República, despregou o franquismo toda a súa furia represeiva e mesmo creou lexislación ad hoc, único caso na Europa do século XX: contra a Masonería e o Comunismo. Non afectaba a outras correntes, estudadas n'A Galicia heterodoxa, con menor presenza e despois da Guerra Civil xa esmorecentes.

"A teosofía atraeu á burguesía ilustrada e en Pontevedra chegou a contar coa sociedade Marco Aurelio", lembra Pereira. Na casa familiar dun dos integrantes conservouse todo o arquivo dun colectivo que procuraba a relixión universal a través da síntese. "Militares ou xentes de negocios estaban na Marco Aurelio e mantiñan contacto con sociedades teosóficas de todo o mundo", afonda Pereira, "e mesmo Vicente Risco se interesou, aínda que non entrou por medo a que afectase á súa carreira; volveu demostrar ese medo durante a guerra". Tampouco Galicia ficou allea á singular doctrina dos rosacrucistas, unha orde secreta orixinada no século XVII que, polas procuras de Carlos Pereira, tivo un informado seguidor na Capela. "É estraño que un home nunha aldea de dúas casas estivese en contacto con rosacruces de Estados Unidos ou Cataluña, unha tendencia esotérica", considera.

Non hai rastro destas entidades na Galicia de hoxe. So os masóns continúan activos, pero manteñen a súa proverbial discreción. "Corenta anos de machaque do franquismo non son para menos", conclúe Pereira, "noutros países a masonería fai parte da propia historia de maneira pública".

Tu suscripción se está usando en otro dispositivo

¿Quieres añadir otro usuario a tu suscripción?

Si continúas leyendo en este dispositivo, no se podrá leer en el otro.

¿Por qué estás viendo esto?

Flecha

Tu suscripción se está usando en otro dispositivo y solo puedes acceder a EL PAÍS desde un dispositivo a la vez.

Si quieres compartir tu cuenta, cambia tu suscripción a la modalidad Premium, así podrás añadir otro usuario. Cada uno accederá con su propia cuenta de email, lo que os permitirá personalizar vuestra experiencia en EL PAÍS.

En el caso de no saber quién está usando tu cuenta, te recomendamos cambiar tu contraseña aquí.

Si decides continuar compartiendo tu cuenta, este mensaje se mostrará en tu dispositivo y en el de la otra persona que está usando tu cuenta de forma indefinida, afectando a tu experiencia de lectura. Puedes consultar aquí los términos y condiciones de la suscripción digital.

Archivado En

Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
_
_