_
_
_
_
_
Reportaje:Luces

Recuperando a 'xeración perdida' do rock

Mushroom Pillow fixa por fin o traballo dos Eskizos

Na música en Galicia, entre os grupos da movida dos oitenta e o bravú ou o indie de finais dos noventa, houbo algo máis ca un burato negro. Houbo planetas enteiros como Eskizos, aínda que os medios xa perderan interese e o público empezaba a reducir o seu consumo ás propostas da industria. Eskizos foi un grupo de rapaces de 14 anos que xurdiron na Coruña en 1988 e percorreron como cometas os ceos do pop-rock (ou máis ben do garage e a psicodelia) con concertos multitudinarios nos poucos escenarios que quedaban e vendendo ata 500 copias dun EP nunha soa actuación, ata disolverse en 1992, cando tiñan pendente a gravación do seu primeiro LP e a súa primeira xira por España. A vindeira semana, case vinte anos despois da súa desaparición, sairá Eskizos 1989-1993 (no selo Mushroom Pillow), recompilación dos seus dous EPs editados, temas inéditos e gravacións de directos que se presenta mañá na FNAC da Coruña.

A psicodelia e o rock de Detroit, antes do indie, viñeron con eles
"Non había instrumentos nin locais, pero nós iamos a morte"

Eskizos comezaron sendo tres rapaces que se coñecían do instituto, de xogar ao fútbol e de ter uns gustos musicais semellantes. "Eramos uns nenos, pero escoitabamos aos grupos da cidade, Radio Océano ou Viuda Gómez e tiñamos ganas de facer algo", di Pedro Granell, voz, guitarra e principal compositor da banda. "Gustábannos Jimi Hendrix, e os Rolling, e os nosos compañeiros tiñan outras preferencias. Pedro Granell e Antonio Astray tocaban a guitarra e eu nada, pero xuntámonos na finca dos pais de Pedro, eu improvisei unha batería e comezamos a ensaiar", recorda Luis Garrido.

Aqueles ensaios frutificaron nun concerto inicial na hoxe considerada mítica sala coruñesa Punto3, e o non menos mítico Jesús Ordovás comezou a pinchar entre eloxios o seu tema La última lambretta. E aí empezou todo.

"Daquela non había circuítos de actuación, nin mánagers. Chegamos despois de que os sobreviventes da movida estaban ya nas majors, nas grandes discográficas, e tivemos que refacer o underground de novo", analiza Granell (parente, por certo, do pintor surrealista Eugenio Granell). Ao trío inicial sumáronse ao baixo Dani Punta, ex de Viuda e de Radio Océano, e José Carral, tamén cunha longa traxectoria noutros grupos. "Carral tiña, ademais de moito gusto musical, unha actitude máis rockeira, que a nós nos faltaba, iso de que as cousas hai que pelexalas", recorda Garrido. Así, partindo de influencias de The Stooges e de MC5 e outras menos coñecidas como The Scientists, foron -cos lugueses Los Contentos- a primeira referencia en Galicia de xéneros como o glam ou a psicodelia. De feito o seu disco con catro temas Los Eskizos (Subterfuge, 1991) foi dos primeiros que sacou o selo madrileño pouco despois de deixar de ser un fanzine e moito antes de lanzar as carreiras de Australian Blonde, Manta Ray, Dover, Mastretta ou Fangoria. Eskizos editaron EP practicamente póstumo, Turn off the light (De Plástico Guay, 1993) e desapareceron en setembro de 1992, cun concerto no Playa Club da Coruña.

Lo que más afecta es lo que sucede más cerca. Para no perderte nada, suscríbete.
Suscríbete

"Cumprimos os 18 anos, e tiñamos que ir estudar fóra. Eu, filosofía a Santiago; Luis, piloto a Salamanca. Non tiña sentido profesionalizarnos", considera Granell. "Penso que aínda que eu fose a Santiago, teriámonos desfeito igual. Xa estabamos un pouco saturados, aínda que Pepe Carral quería seguir". De feito, quitado Dani, que deixou de tocar, e Carral (faleceu pouco despois) os do trío eskizo inicial seguiron na música. Pedro Granell, á fronte de Kozmic Muffin, outro grupo seminal do rock progresivo, e logo con Sils Maria (unha homenaxe ao seu admirado Nieztsche) e agora prepara outro proxecto. Luis Garrido sigue combinando o seu traballo de piloto con colaboracións con Antonio Astray (Las Peluqueras, Bummer) que tamén fundou High Time e a súa banda actual, Los Espirituosos.

O responsable de Eskizos 1989-1993 e de Mushroom Pillow é outro coruñés daquela xeración e tamén emigrado, Marcos Collantes. "Penso que foi un dos grupos máis importantes de Galicia e hai que reivindicar a súa música. Tiñan un montón de potencial, e se quedaron en algo local foi debido ao momento en que viviron. Hoxe quizais sería outra cousa", di. A recompilación de toda a súa obra non será, de todas formas, motivo para tentar recuperar aquel potencial. "Volver sería complicado e perverter a historia. Pode ter graza facer algo nostálxico cos amigos, unha festa", apunta Astray. "Como moito, algo parecido a un concerto, porque estamos facendo un documental", asegura Granell.

En calquera revival, aínda que sexa discográfico, é inevitable a comparación antes-agora. "Hoxe o mercado é unha merda, pero os grupos soterráneos son moi interesantes, hai unha chea de festivais, pódeste autoproducir e autodifundir... Se tivesemos daquela esas condicións, outro galo cantaría", considera Garrido.

"Non eramos uns virtuosos, pero criámolo. Non había instrumentos, nin locais de ensaio, pero iamos a morte. Traballo como técnico de son nunha sala de concertos e hoxe os rapaces tocan mellor, algúns teñen frescura, pero poucos", analiza Astray. "Agora é totalmente deprimente como se venden as cousas e como se fan. Na Coruña hai xente facendo música, pero nada demasiado salientable, ningunha xeración. En Vigo si hai, pero en xeral non vexo á xente movéndose", di Granell, acedamente nietszcheano coma sempre.

Regístrate gratis para seguir leyendo

Si tienes cuenta en EL PAÍS, puedes utilizarla para identificarte
_

Archivado En

Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
_
_