Arxentina deita a ollada sobre o legado de Luís Seoane
Intelectuais analizan en Buenos Aires o traballo do artista
A dobre condición de galego e arxentino de Luis Seoane foi o eixe central das xornadas que concluíron onte en Buenos Aires para analizar dende diversos ángulos a traxectoria dun dos intelectuais galegos máis importantes do século XX. A investigadora arxentina Silvia Dolinko organizou este evento para conmemorar o centenario do nacemento de Seoane, que en Arxentina non é unha figura tan coñecida coma en Galicia. Aparte destas xornadas o único acontecemento vencellado ao ano Seoane en Buenos Aires foi a chegada dende Galicia dunha exposición con retratos de escritores debuxados polo coruñés.
A falta de apoio institucional é un dos atrancos que ten que superar a figura de Seoane para ser máis recoñecida en Arxentina. As xornadas celebradas esta semana só contaron co patrocinio do Fondo Nacional das Artes e do Centro Cultural de España en Buenos Aires. A presenza galega limitouse ao presidente do Consello da Cultura, Ramón Villares, como relator.
Silvia Dolinko, investigadora centrada na obra gráfica de Seoane e autora do texto sobre o artista no catálogo razoado do Museo de Belas Artes de Buenos Aires, apunta que un dos obxectivos das xornadas era o de facer dialogar aos distintos investigadores arxentinos que están a realizar neste momento traballos sobre a obra de Seoane. "A miña intención era facer un encontro interdisciplinario coma corresponde a un artista con facetas moi diversas como Seoane", indica Dolinko. A perspectiva política, a poesía, a obra gráfica, os murais e o proxecto de Seoane para Galicia foron algúns dos temas que trataron. Dolinko explica que contactou con institucións galegas para que participasen dalgún xeito neste evento, pero a única resposta positiva que obtivo foi a de Ramón Villares. "Quizais non chamei ás portas axeitadas", engade a organizadora sen moita convicción.
A visión galega sobre Seoane quedou limitada a algunhas referencias feitas por novos investigadores arxentinos e á intervención de Villares. O presidente do Consello da Cultura fixo un percorrido pola traxectoria de Seoane para presentalo coma o creador dun proxecto para modernizar a cultura galega despois do duro golpe que supuxo o triunfo franquista na Guerra Civil. "Seoane non ficou chorando durante o franquismo e marcou coma obxectivo devolver a Galicia o traballo feito polos exiliados", explica Villares.
O representante galego nas xornadas incidiu na importancia do Laboratorio de Formas, creado canda Isaac Díaz Pardo, coma punto sobre o que pivotou o proxecto de Seoane e explicou que, malia a visión negativa que o intelectual tiña sobre as consecuencias do seu traballo, o certo é que o exilio "triunfou máis do que eles pensaban". Villares apunta que a modernización que experimentou Galicia nos oitenta e noventa non pode explicarse sen iniciativas empresariais como Sargadelos, institucións coma o Instituto Galego de Información e editoriais coma Ediciós do Castro. "Ademais, tamén triunfou o desexo de Seoane de crear una nova imaxe de Galicia baseada en novas formas pero sen esquecer as raíces", engade Villares.
O presidente do Consello da Cultura salientou a importancia de celebrar unhas xornadas sobre Seoane na cidade onde naceu e viviu moitos anos e chamou a atención sobre a necesidade de "poñer en valor" os murais realizados por Seoane en distintos puntos de Buenos Aires. Moitos deles atópanse nun precario estado de conservación e a Xunta mantén contactos coas autoridades locais para achegar fondos á súa restauración. A conservación da obra do que seguramente é o artista galego máis universal ben merece un esforzo.
Tu suscripción se está usando en otro dispositivo
¿Quieres añadir otro usuario a tu suscripción?
Si continúas leyendo en este dispositivo, no se podrá leer en el otro.
FlechaTu suscripción se está usando en otro dispositivo y solo puedes acceder a EL PAÍS desde un dispositivo a la vez.
Si quieres compartir tu cuenta, cambia tu suscripción a la modalidad Premium, así podrás añadir otro usuario. Cada uno accederá con su propia cuenta de email, lo que os permitirá personalizar vuestra experiencia en EL PAÍS.
En el caso de no saber quién está usando tu cuenta, te recomendamos cambiar tu contraseña aquí.
Si decides continuar compartiendo tu cuenta, este mensaje se mostrará en tu dispositivo y en el de la otra persona que está usando tu cuenta de forma indefinida, afectando a tu experiencia de lectura. Puedes consultar aquí los términos y condiciones de la suscripción digital.