Reportaje:Luces | Ficción verdadeira

"Sei do morbo, pero non son os 'baixos fondos' do BNG"

Ameixeiras fabula un crime vencellado ás leas nacionalistas

Logo de dúas novelas (Tres segundos de memoria e Dime algo sucio) afastadas do molde, Diego Ameixeiras (Lausana, 1976) recunca no xénero negro cambiando de detective e de cidade en Asasinato no Consello Nacional. A acción arrinca pouco despois da caída do bipartito. "É o meu xeito de agradecerlle a Manuel Vázquez Montalbán todo o que fixo por un xénero non sempre recoñecido dabondo pola crítica seria do Estado español", di o autor.

"Sentín moito a súa morte e sempre quixen facerlle unha homenaxe literaria, como fixo Andreu Martín en El blues del detective inmortal". Asasinato no Consello Nacional é tamén un thriller político, que se introduce nas intrigas do BNG "nun momento tan delicado para a organización como foi a súa saída da Xunta en 2009". As contas que axustaba Montalbán en Asesinato en el Comité Central (1981), porén, non teñen sentido aquí. Naquel Carvalho, os niveis de crítica interna -entón o autor encargábase de cultura no PSUC, o único partido comunista dunha nación sen Estado con recoñecemento internacional- daban para matar a Carrillo e invitar ós lectores a identificar os seus personaxes cos dirixentes do PCE. Ao final dá a impresión de que o barcelonés, que nunca perdeu a paixón por Dolores Ibárruri malia ao abandono dos guerrilleiros, dignifica máis á vella garda cós dirixentes novos.

O detective agora é un orientalista obsesionado polo espertar da mente
"É o meu xeito de agradecerlle a Montalbán o que fixo polo xénero"
"Non hai tanto problema co realismo como poida parecer"

En Asasinato no Consello Nacional tamén se pode identificar a Emilio Pérez Touriño, Anxo Quintana ou Francisco Rodríguez, mais non hai perfís tan marcados. Na sinopse da editorial, ao parlamentario nacionalista Mario Dacosta mátano no aparcadoiro do Hotel Congreso de Santiago. O presidente en funcións da Xunta, Felipe Méndez Tarrío, fala de "atentado contra a democracia". O vicepresidente, Óscar Quiroga, amósase "conmocionado" e afirma que "Galiza saberá estar á altura das circunstancias ante un asasinato que enche de rabia a todos os demócratas, e especialmente aos nacionalistas galegos". Fernando Xelmírez, secretario xeral da UPG, partido integrado no Bloque, cualifica a Dacosta de "camarada insubstituíble e extraordinario patriota galego". O asasino foxe nun Renault Clío. Horas antes do crime, Quiroga anunciara a súa dimisión ao comezo do consello nacional da formación frontista, no que tamén presenta a súa renuncia toda a executiva. "Abríase así unha nova etapa despois da derrota sufrida nos comicios autonómicos do 1 de marzo, cuxos resultados devolveron a maioría absoluta ao PP en detrimento do bipartito formado por PSdeG-PSOE e BNG".

Hanlle buscar semellanzas, lea e contos populares de Santiago, pero aquí non hai coitas persoais, anque o autor fose a algunhas reunións dos Comités Abertos de Facultade cando era universitario. "Hai crítica interna, pero nada que calquera lector informado non poida saber previamente polos medios de comunicación. O BNG, como toda organización política, ten as súas miserias e contradiccións. Na novela aparecen reflectidas tal e como penso eu que me podían dar xogo para armar unha intriga ficticia".

Como xa hai rebulicio, avisa: "Son consciente do morbo que pode suscitar, pero penso que a novela é algo máis que unha recreación dos baixos fondos nacionalistas. Hai unha trama que ten que ver coa guerra civil e un protagonista, o detective, bastante chandlerián, deses que poderían seducir a unha duquesa pero nunca manchar unha virxe, tal e como el mesmo describía a Philip Marlowe".

O cambio de Horacio Dopico, o investigador taciturno e amigo dos euforizantes que protagoniza Baixo mínimos e O cidadán do mes, polo reflexivo Alberto Cudeiro, interesado noutras posibilidades do presente, é un xeito de anchear horizontes. "Cudeiro é un orientalista obsesionado co espertar da mente e o encontro co eu real, segundo se describe n?O segredo da flor de ouro, un tratado que xunta conceptos filosóficos do taoísmo e o budismo, e que en Europa foi coñecido polos comentarios que lle adicou Jung".

A viaxe desde o centro e arrabaldes de Ourense ata Santiago, por necesidades da novela, tamén lle permite construír un novo teatro institucional. "Apetecíame non só crear un novo detective, neste caso un investigador próximo á psicoloxía do budismo chan, senón tamén introducir inspectores da policía nacional ou gardas civís. Véxome coma un escritor de novela negra, pero non quero limitarme a un só personaxe".

Non pensa Ameixeiras que haxa défice de realidade na narrativa do país. "Por poñer dous exemplos que me veñen agora á cabeza nos últimos anos, está a novela de Bieito Iglesias Pan e coitelo, que retratou o fraguismo na súa fase terminal. E Patricia A. Janeiro recreou a Operación Castiñeira [11 militantes da Assembleia da Mocidade Independentista foron detidos en 2005 por presunto enaltecemento do terrorismo, e tres anos despois a Audiencia Nacional arquivou a causa por falta de probas] n'A perspectiva dende a porta". Dúas probas, di, "de que non hai tanto problema co realismo como poida parecer".

* Este artículo apareció en la edición impresa del 0010, 10 de septiembre de 2010.